‘Medrar en galego’ unha xornada para poñer en valor a crianza en galego

Está organizada pola Mesa pola Normalización Lingüística, o Concello de Allariz, a Deputación de Ourense, o Espazo Ben Común e a Confederación de ANPAS galegas. A súa primeira edición será o 25 de febreiro en Allariz.

Por Galicia Confidencial | Allariz | 01/02/2023 | Actualizada ás 21:05

Comparte esta noticia

O programa de actividades de ‘Medrar en galego’ foi presentada este 1 de febreiro en Allariz. A xornada, que terá lugar o 25 de febreiro, desenvolverase ao longo de todo o día e incluirá obradoiros para partillar experiencias de éxito e resolución de conflitos, xogos, contos e feira de empresas en galego. Magín Blanco porá o ramo cun concerto que terá lugar na praza do Concello e todas as actividades serán de acceso libre e gratuíto.

Presentación da xornada 'Medrar en galego'. Foto: Prensa Concello de Allariz.
Presentación da xornada 'Medrar en galego'. Foto: Prensa Concello de Allariz.

Durante a presentación da xornada, o presidente da Mesa, Marcos Maceira, sinalou que cada vez son máis as familias que procuran conscientemente criar as súa fillas e fillos en galego. Segundo o último estudo publicado polo IGE ao respecto, a poboación de menor de 49 que fala galego aos fillos e fillas pasou do 29,43% en 2013 ao 31,83% en 2018 o que supuxo un incremento do 8,15%. Datos para o optimismo respecto aos cales Maceira quixo comentar que "a conciencia da importancia da crianza para reverter a situación do galego aumenta, a pesar dun contexto social onde a exclusión do noso idioma permanece no sistema educativo, no lecer, na socialización, nos produtos audiovisuais e en practicamente todas as influencias externas ao entorno familiar".  E referíndose ao obxectivo da iniciativa sinalou que "queremos contribuír a mellorar as ferramentas que xa están a empregar as familias para fortalecer o uso do galego entre as crianzas mesmo en entornos adversos".

Pola súa banda, Rosendo Fernández, vicepresidente da Deputación de Ourense, resaltou a importancia da lingua propia de Galicia e que as institucións deben conservar o galego. Pechou o acto a Alcaldesa de Allariz, Cristina Cid, agradecendo a colaboración tanto de A Mesa, como do Espazo BenComún, a asociación Anpas Galegas e a Deputación para que a xornada Medrar en Galego saíra adiante e celebre en Allariz a súa primeira edición. Así mesmo, subliñou a "necesaria implicación tanto das institucións coma dos axentes sociais que nos rodean día a día, para que o noso idioma non se perda".

PROGRAMA DA XORNADA ‘MEDRAR EN GALEGO’

Aproveitando a semana do Día Internacional da Lingua Propia (21 febreiro), o sábado 25 encaixouse esta primeira edición do que será a xornada ‘Medrar en galego’. Unha xornada que contará cun programa de actividades para familias e crianzas co obxectivo de que se reafirmaren no emprego do galego, pero tamén para que se poida debater, contrastar e partillar dúbidas, inquedanzas e as situacións sociolingüísticas que se viven no día a día.

Na sesión de mañá haberá obradoiros e sesións didácticas nas que se contará con especialistas e tamén co relato compartido de experiencias directas de familias comprometidas co galego que axudarán a coñecer as diferentes etapas psicoevolutivas e os momentos críticos no uso da lingua: escolarización inicial, mudanza de ciclo educativa, novas amizades, novas inquedanzas e todas aquelas dúbidas, feblezas, contradicións e resistencias que atoparon no uso continuado da lingua nun contexto de hexemonía absoluta do español. 

Na sesión de tarde crearase un espazo para o lecer das crianzas con conta contos, obradoiros, xogos, unha feira na que as empresas máis responsábeis co idioma exporán o seu produto –Praza do Concello-- e un concerto a cargo de Magín Blanco –Gatuxo--.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta