"Que ganas tes de librarte de min" di o concelleiro de Ciudadanos ao alcalde de Ourense nun pleno con insultos

José Araújo chamou "Michael Knight" a Jácome pola multa que recibiu o vehículo que usa habitualmente o alcalde mais negando que el estivese conducindo nesa ocasión.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/02/2023 | Actualizada ás 19:15

Comparte esta noticia

O pleno da corporación local de Ourense volveu a estar protagonizado polo intercambio de descualificativos entre o rexedor, Gonzalo Pérez Jácome, e o edil de Ciudadanos, José Araújo, nunha sesión que chegou a interromperse durante cinco minutos antes de que se cumprise a hora de debates.

Así, por mor dunha moción exposta polo BNG, a primeira intervención de Araújo deu pé ao comezo do cruzamento de acusacións e reproches, que chegaron a elevar o ton máis aló do parón que decretou o rexedor, cun regreso que engadiu máis tensión. Así, do cualificativo de "carota" que lle outorgou Araújo a Jácome a que o rexedor o tachase de ser o "maior traidor político" de Ourense, polo seu paso do PP a Ciudadanos tras o que agora tratará de volver porque "é amigo" do candidato á Alcaldía polo PP, Manuel Cabezas.

"Que ganas tes de librarte de min. Gonzalo, o noso non é posible", dedicoulle Araújo ao alcalde despois de que este lle dixese que igual era "a súa última" intervención nunha moción no pleno municipal.

"Non me gustan as formas, non lle gusta que ande entrando e saíndo (do pleno), non me gusta que estea a comer mentres preside o pleno, está rico?, que lle aproveite", enumerou e dixo Araújo, quen acusou, a continuación, de faltar " ao respecto" a todos os membros da corporación e quen engadiu, a modo de "exemplo", que se unha muller lle chama a atención no campo da feira, o alcalde chamaralle "gorda" e "algunha outra cousa".

Esta afirmación causou o enfado de Jácome quen o instou a dar "probas" de que el pronunciara esas palabras a esa persoa á que se citou. "Se quere que fale sen ter probas", contestoulle, pode acusalo de "pederastia ou cousas así".

Por mor diso, produciuse o maior enfado, que deu lugar ter que parar o tempo, a que Araújo lle chamase Michael Knigth --o protagonista da serie televisiva dos 80 'O coche fantástico'--. Este cualificativo foi trasladado na 'segunda' parte do pleno, aludindo ás informacións das que se fixo eco o PSOE sobre que o coche que "habitualmente" usa Jácome foi multado en Vigo, unha cuestión que o Concello non negou, pero sobre a que o rexedor advirte de que non estaba el no vehículo e que se non infunden sospeitas sobre el.

Tras a lea aos tres cuartos de hora da sesión, o rexedor decidiu parar o pleno, despois de retirarlle a palabra a Araújo, quen instou ao portavoz popular, Jorge Pumar, a negarse a falar. Pumar, despois, tentou cederlle a palabra, algo que non avalou o secretario municipal, polo que acabou facendo o seu discurso. "Botarame do pleno pero vostede non me achanta", díxolle Pepe Araújo a Jácome, nun momento dado.

Os descualificativos seguiron despois deste primeiro parón, nun segundo 'round' no que Jácome asegurou que estaba a tomar nota das cuestións que dicía Araújo para levalas ao xulgado. Neste punto, referiuse a unhas declaracións do edil de Ciudadanos nun medio de comunicación nas que lle chamou, segundo citou, "feo, baixo e antihixiénico". "Díxolle a tixola ao cazo", devolveu Jácome a Araújo, sobre "baixo e feo", para contrapolo co portavoz socialista, Rafa Villarino, e Wilson Jones, quen rexeitou agradecer a "gabanza".

CRÍTICAS DO BNG E PSOE

Á marxe do intercambio de descualificativos, o portavoz do BNG, Luís Seara, aproveitou a súa intervención para acusar ao PP de ser "tan cegos (en relación á súa postura pola moción presentada polos nacionalistas) que a súa cegueira provocou que Jácome sexa alcalde".

Pola súa banda, Wilson Jones tamén acusou o rexedor de "abusar" do uso da cadeira de rexedor. "Ten a facultade de dirixir, pero non de denigrar", reprochoulle, para salientar que "insulta constantemente aos membros da oposición".

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, intervén durante un pleno.. Rosa Veiga - Europa Press
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, intervén durante un pleno.. Rosa Veiga - Europa Press | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Ferroviario

Apos unha suposta neutralidade, GC sempre elixe fotos de Xácome en que sae con cara de ... boeno do que é. ¿ E como será posible tanta maldade ? Ah, que non hai outras fotos menos patéticas. Boeno, sendo así.