Proposta do PSOE de Ourense para o Premio Clara Campoamor ás 'Nais Coraxe', a Lola Panero e á unidade Viogen

Levarán esta proposta ao Consello Municipal da Igualdade, que se reúne este luns para recoller as posibles candidaturas aos premios e posibles suxestións con motivo da conmemoración do día da Muller.

Por E.P. | OURENSE | 05/02/2023 | Actualizada ás 16:05

Comparte esta noticia

O PSdeG-PSOE de Ourense presentou unha proposta ao Concello de Ourense para que se lle conceda o XVII Premio Clara Campoamor á Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes ás 'Nais Coraxe' da plataforma ProCAPD, á representante sindical Lola Panero e á unidade de Viogen.

Así o trasladou o grupo socialista a través dun comunicado no que salienta que este tres figuras "exercen un labor exemplarizante" como referentes femininos nos seus respectivos ámbitos.

Por tanto, levarán esta proposta ao Consello Municipal da Igualdade, que se reúne este luns para recoller as posibles candidaturas aos premios e posibles suxestións para o programa de actividades para o próximo mes de marzo, con motivo da conmemoración do día da Muller.

PROPOSTAS

Así mesmo, o PSOE destacou a "incansable loita" das nais da plataforma ProCAPD, que reivindican desde o ano 2016 a construción e xestión pública do Centro de Atención ás Persoas con Discapacidade ante a "pasividade total" da Xunta, asegurou.

Do mesmo xeito, encomiou a implicación durante máis de 20 anos de Lola Panero cos dereitos das traballadoras e traballadores desde a acción sindical e engaden que é unha oportunidade para "restituír a súa honra e dar exemplo" tras o "inescusable dano" ao que foi sometida polo alcalde da cidade, Gonzalo Pérez Jácome, o ano pasado. Nesta liña, argumentou a favor de Panero que é "crucial" contar coa presenza e participación de mulleres no movemento sindical e activista para avanzar cara á igualdade.

Ademais, eloxiou o traballo desempeñado pola unidade Viogen en apoio e protección das vítimas de violencia machista en Ourense, que "estivo ameazada pola decisión do alcalde de eliminar a vinculación da Policía Local en 2020", polo que consideran "fundamental" premiar e blindar o seu labor.

Lola Panero empurrada por Jácome
Lola Panero empurrada por Jácome | Fonte: Twitter

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta