Por Galicia Confidencial | Vigo | 25/12/2014 | Actualizada ás 13:50
A primeira experiencia deste tipo entre as televisións públicas de Portugal e Galicia tivo lugar o pasado 6 de setembro e celebrouse na praza maior de Ourense. Consistiu nun programa simultáneo en directo cunha duración de seis horas e obtivo unha audiencia acumulada de 2,4 millóns de persoas, que nalgún momento contactaron co programa desde Galicia ou desde Portugal.
Esta iniciativa pioneira foi emitida en directo a través das primeiras canles terrestres de ambos os dous países e pola RTP Internacional, que leva o sinal polas comunidades lusófonas de todo o mundo, así como polas canles TVG Europa e TVG América. Obtivo uns excelentes resultados de audiencia, co 19,9 % de cota de pantalla en Portugal e o 9,1 % en Galicia.
Esta segunda edición de “Aquí Portugal” estará presentada por Kiko Novoa e Arturo Fernández, por parte galega, e, como na ocasion anterior, Sonia Araújo, Jorge Gabriel e Hélder Reis serán os presentadores pola parte portuguesa. O espectáculo será emitido fronte ao centro comercial A Laxe, instalado nun peirao do porto vigués.
Entre os contidos para este espazo de colaboración internacional figura destacadamente no guión a presenza de relevantes grupos da música e o folclore máis representativo de ambos países. Tamén figurarán reportaxes sobre a lonxa e a ría de Vigo, o paraíso natural da Illas Cíes, os cruceiros que chegan á cidade olívica, os edificios máis emblemáticos, o viño albariño e, en xeral, as relacións entre Galicia e Portugal con participación de expertos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.