Ponte...nas ondas! xunta a corenta centros educativos no Día Mundial da Radio

O 13 de febreiro catro decenas de centros galegos lanzarán ás ondas os seus programas de radio en todas as modalidades posibles no Día Mundial da Radio.

Por Galicia Confidencial | Santiago | 07/02/2023 | Actualizada ás 21:17

Comparte esta noticia

A iniciativa Ponte...nas ondas! presentou a Xornada de Comunicación para o próximo día 13 de febreiro, Día Mundial da Radio. Nesta ocasión serán máis de 40 centros educativos os que emitan seus programas desde diversas emisoras de radio. Serán case 2.000 estudantes de institutos e centros universitarios de toda a Eurorrexión-Galicia norte de Portugal celebrando xuntos o Día Mundial da Radio.

Presentación Ponte...nas Ondas!
Presentación Ponte...nas Ondas! | Fonte: Ponte...nas Ondas

En total serán máis de 15 horas de radio en directo desde varias localizacións. Entre outras estarán a Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago, o Edificio Miralles do Campus da Universidade de Vigo e a Rádio Universitaria do Minho de Braga serán os centros emisores a onde asistirán moitos centros educativos a realizar programas.

Tamén o farán outros centros asistindo a radios locais como a Rádio Afifense de Caminha, a Radio Municipal de Tui, Radio Allariz, Radio Fene, Radio Burela, Radio As Nogais. Desde os centros educativos que contan con radio escolar tamén farán programas de radio en directo. Desde o portal Escolas nas Ondas realizarase as emisións de todos os puntos por streaming (www.escolasnasondas.com) das emisións de Vigo, Compostela e demais radios. Tamén se emitirán os case 100 podcasts que xa foron recibidos e que aínda están chegando procedentes de todas as escolas.

Na rolda de prensa celebrada hoxe en Vigo, no edificio Redeiras da Universidade de Vigo,
participou a vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama,
o director xeral de Políticas Culturais da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo, xunto cos
representantes de Ponte… nas ondas! Santiago Veloso e Xerardo Feijoo e a artista Uxía.

Púxose de relevo a importancia de sumarse a esta efeméride para difundir así o modelo de Ponte… nas ondas!, recoñecido pola Unesco como “modelo de boas prácticas co Patrimonio Cultural Inmaterial”, e que leva xa 27 anos promovendo o emprego da radio nas escolas como unha potente ferramenta pedagóxica que axuda ao alumnado a desenvolver a súa competencia oral e comunicativa, ademais de ir construíndo unha potente rede de persoas, escolas, universidades e institucións que buscan o recoñecemento do patrimonio inmaterial galego-portugués no mundo.


“A PONTE”, UN HIMNO HOMENAXE A PONTE...NAS ONDAS!

Ponte...nas Ondas! estrea o tema musical e o videoclip “A Ponte”, realizado por
diferentes artistas da lusofonía. “Este tema é un himno no que se fala, propiamente, de
tender pontes a través da música e da educación”, explicou Uxía Senlle, impulsora da
iniciativa e unha das artistas implicadas no proxecto, xunto co brasileiro Chico César, a
portuguesa Celina da Piedade ou o mozambicano Cheny Wa Gune, entre outros.

“É un tema no que se mesturan moitos ritmos, que se queda na cabeza e agardamos que ese
día todos os nenos e nenas o canten e formen un gran coro”
, destacou Uxía. A orixe desta letra xurdiu nunha gravación en Lisboa en 2010 á que asistiron Uxía e Sérgio Tannus para gravar o “cantar galego” de Zeca Afonso co seu sobriño João Afonso, a primeira colaboración musical galego-portuguesa que xa fora emitida na xornada radiofónica do ano 2000.

Cando se achegou o 25 aniversario de Ponte...nas ondas! en 2020, dixo Uxía, “voltamos a
retomar a letra e rematouse a composición con gravacións en estudio mais a pandemia
impediu a súa estrea.
A melodía é unha síntese de ritmos galegos, portugueses, africanos
e brasileiros con samba, morna ou muiñeiras, entre outros”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta