Ecoloxista non acudirán ao Consello Galego de Medio Ambiente mentres non se fale do debate eólico

As entidades ecoloxistas piden o amparo da Valedora para exercer o seu labor como membros eleitos deste organismo.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 14/02/2023 | Actualizada ás 10:41

Comparte esta noticia

Os vogais ecoloxistas no COGAMADS (Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sustentábel) non acudirán á vindeira sesión deste organismo consultivo mentres a Xunta persista en impedir o debate sobre as consecuencias da vaga eólica no patrimonio natural galego.

Xuntanza do COGAMADS (Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sustentábel)
Xuntanza do COGAMADS (Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sustentábel) | Fonte: Adega

Nun comunicado, Adega, que é  unha das entidades que forma parte deste órgano, destacou que no encontro de xaneiro de 2022 "aconteceron unha serie de irregularidades", como non atender a solicitude de varios vogais para debater un acordo sobre a necesidade dunha moratoria do actual Plan Sectorial Eólico de Galicia así como da derrogación das Leis 5/2017 e 9/2021; aliás da elaboración dun informe sobre o encaixe do actual modelo enerxético na sustentabilidade e resiliencia do territorio galego.

"A acta desa reunión (26 de xaneiro) en absoluto reflectíu estes feitos: varias organizacións pedimos a constancia en acta das dúas solicitudes de votación realizadas, das irregularidades no peche da sesión, e da solicitude dun pleno extraordinario para tratar as propostas bloquedas pola Presidencia", denuncia.

Na orde do día da seguinte xuntanza, por dúas veces adiada e finalmente celebrada o 31 de maio de 2022, tampouco figuraban o debate e valoración das propostas ecoloxistas sobre a problemática eólica furtadas do debate na reunión do 26 de xaneiro. Tras isto, Adega, Federación Ecoloxista Galega ( FEG) e Sociedade Galega de Historia Natural ( SGHG) comuicaronn á Presidencia do COGAMADS que non acudirían a ningún outro debate se non se fala da problemática eólica. 

Perante a convocatoria dunha nova xuntanza do COGAMADS para o vindeiro 14 de febreiro de 2023 e posto que na Orde do día segue sen figurar o punto sobre o debate e posicionamento deste organismo a respeito da problemática eólica, estas entidades ecoloxistas tampouco acudirán ao encontro. Ademais, anuncian que acudirán en amparo á Valedora do Pobo para que a Xunta permita aos vogais deste organismo consultivo o libre exercicio das súas competencias.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta