Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/02/2023 | Actualizada ás 17:41
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, presentou este martes no Museo Pedagóxico de Galicia varias iniciativas impulsadas desde a Xunta e destinadas ao alumnado galego co fin de fomentar e concienciar sobre a importancia da doazón e os transplantes de órganos e tecidos.
O máximo responsable da sanidade galega animou a todos os estudantes a que participen nesta actividade, coa finalidade de sensibilizar e promover unha actitude favorable e altruísta co xesto da doazón e a importancia dos transplantes entre a mocidade.
No transcurso do acto, o titular da carteira sanitaria presentou tres actividades. A primeira, en colaboración con Gadisa Retail S.L.U., é a convocatoria do V Concurso escolar de carteis relacionados coa doazón e cos transplantes.
Nesta iniciativa hai dúas categorías de participación; unha primeira, para nenos e nenas de 5º e 6º de educación primaria; e a segunda, para o alumnado de 1º, 2º e 3º de educación secundaria obrigatoria (ESO).
En cada unha destas categorías outorgarase un primeiro e un segundo premio, dotados con 1.000 e 500 euros, respectivamente, para a adquisición de material escolar para o centro educativo. Haberá tamén premios para o alumnado e profesores (tablets e cámaras fotográficas deportivas).
CURTOS
A segunda das actividades presentadas polo conselleiro é o IX Concurso de curtametraxes relacionadas coa doazón e cos transplantes de órganos e tecidos, podendo participar todo o alumnado de bacharelato e ciclos formativos de grao básico, medio e superior e de ensino artístico regulada de toda Galicia.
Cada curtametraxe poderá ser presentado de maneira individual ou en grupo de ata cinco integrantes. Os traballos deberán ser orixinais e inéditos, terán unha duración máxima de dous minutos e estarán en lingua galega, podendo gravarse en calquera dispositivo, incluídos os teléfonos móbiles.
O primeiro premio consistirá en 1.000 euros para a adquisición de material escolar para o centro de ensino, e outros 1.000 euros para os participantes, así como unha tablet para o profesor ou profesora que tutelou o traballo; sendo o segundo premio de 750 euros e tablet.
A terceira actividade que presentou o conselleiro é o VIII Concurso universitario de curtametraxes relacionado coa doazón e transplante de medula ósea no que pode participar o alumnado matriculado durante o curso 2022/23 nas universidades do Sistema Universitario Galego (SUG) e nos centros asociados da UNED en Galicia. O primeiro premio é de 2.000 euros, o segundo de 1.500 e o terceiro de 1.000.
CONCIENCIACIÓN
O conselleiro salientou que un dos obxectivos primordiais na concienciación da doazón é o deseño de intervencións educativas dirixidas a mellorar a opinión da doazón e os transplantes entre os máis novos.
Por outra banda, lembrou que o transplante de medula ósea permite a curación de enfermidades hematológicas ao substituír as células defectuosas por outras normais, procedentes dun doante san. A poboación diana para facerse doante de medula ósea son as persoas entre 18 e 40 anos, de aí o interese da Consellería de Sanidade en dirixirse aos alumnos universitarios.
Para finalizar a súa intervención, o conselleiro agradeceu a solidariedade dos doantes e das súas familias, así como o labor de todos os profesionais que fan que os transplantes sexan posibles.
No acto de presentación, organizado en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, o conselleiro de Sanidade estivo acompañado polo director xeral de Asistencia Sanitaria, Jorge Aboal, e pola directora da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), Marisa López.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.