Por Galicia Confidencial | Santiago | 15/02/2023 | Actualizada ás 12:37
Os propietarios forestais galegos facturaron en 2022 sobre 348 millóns de euros. Isto é un 40% máis que hai dous anos e un 20% máis que hai un ano, segundo os datos da Asociación Forestal de Galicia, elaborados en base ás estatísticas de corta da Consellería do Medio Rural.
Do total da facturación, 192,7 millóns de euros corresponden ó eucalipto, 149 millóns ás coníferas e 6,5 millóns ás frondosas caducifolias, que máis alá do seu uso para leñas domésticas, continúan a ter un aproveitamento residual para a industria. O aumento destes beneficios explícase pola suba do prezo da madeira en monte que levou a un aumento das cortas.
AUMENTO DAS CORTAS
O aumento de cortas nos últimos dous anos superou o 17%, chegándose no 2022 a 10,7 millóns de metros cúbicos cortados, dos que un 58% corresponden a eucalipto (6,2 millóns de metros cúbicos), 4,2 millóns a piñeiros (39%) e 300.000 metros cúbicos a frondosas caducifolias (3%).
O aumento do volume de cortas foi parello no último ano en piñeiros e eucalipto, con arredor dun 11% máis en ambas especies. Isto débese en parte aos bos prezos do mercado, tamén se debe ter en conta que nos últimos meses do ano houbo un aumento da saca de madeira afectada polos grandes incendios forestais do verán.
Os datos das cortas corresponden a propietarios privados (comunidades de montes e propietarios particulares), que suman o 98% da madeira cortada en Galicia, en tanto o restante 2% procede de montes de xestión pública, principalmente de montes veciñais con convenios coa Administración.
FACTURACIÓN
Os ingresos para os propietarios forestais no 2022 aumentaron especialmente nos piñeiros, pois os 149 millóns facturados pola venda de coníferas supoñen un 50% máis que a media dos últimos tres anos. En eucalipto, a facturación do 2022 foi de 192 millóns de euros, a mellor desde o 2018, cun aumento dun 11% en relación á media dos últimos tres anos. Os cálculos de facturación correspóndense a ingresos por madeira en pé, con casca e sen incluír o IVE.
As dúas provincias con maior peso económico no sector seguen a ser A Coruña e Lugo. As dúas suman tres cuartas partes das vendas de piñeiro e máis do 85 % das de eucalipto. Por comarcas, Santiago-Meseta interior lidera as vendas de eucalipto; en tanto Lugo-Sarria é líder en vendas de piñeiro e de frondosas.
PREZOS PIÑEIRO E EUCALIPTO
A pesares do aumento de costes pola subida dos combustibles, os prezos da madeira de piñeiro manifestaron unha lixeira subida no primeiro semestre do 2022, mantendo a tendencia apreciada xa durante 2021. Sen embargo. no cuarto trimestre o mercado estabilizouse.
En rolla de calidade media de piñeiro, o prezo sitúase no arco de 35 a 60 euros/metro cúbico (madeira en pé sen IVE), prezos máis altos no sur de Galicia, en tanto a rolla selecta, con diámetros superiores a 40 centímetros, móvese nos 66-71 euros e o puntal para trituración ronda os 20 euros ata os 25 €.
O mercado do eucalipto experimentou unha lixeira suba ó longo do 2022 pola mellora dos prezos da pasta de papel, chegando a final de ano a unha situación de moi bos prezos (os máis altos nos últimos 15 anos). O prezo do eucalipto glóbulus chegou aos 35 euros/metro cúbico (madeira en pé sen IVE e con casca), en tanto o nitens está ao redor dos 30 euros. Nos prezos inflúe moito a dimensión da parcela a cortar e a accesibilidade para corta e saca da madeira.
MULTIFUNCIONALIDADE DO MONTE
Por outra parte, os propietarios forestais completan os seus ingresos con outros aproveitamentos a ter en conta, como castañas, cogumelos, silvopastoreo ou servizos ecosistémicos (venda de dereitos de carbono), entre outros.
Cómpre subliñar que a madeira e os restantes aproveitamentos son un recurso renovable segundo a Asociación de Produtores de Madeira, pois os propietarios forestais proceden á plantación ou á rexeneración natural de todas as superficies cortadas, o que contribúe a garantir a sostibilidade do recurso.
Os datos das cortas corresponden a propietarios privados (comunidades de montes e propietarios particulares), que suman o 98% da madeira cortada en Galicia, en tanto o restante 2% procede de montes de xestión pública, principalmente de montes veciñais con convenios coa Administración.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.