Interior Galego Vivo denuncia que a Xunta ten "falsas autónomas" traballando en Casas Niño e Casas do Maior

Segundo Interior Galego Vivo, o salario que lles queda mensualmente ás persoas titulares de Casas Niño é inferior ao salario mínimo e vese moi minguado se teñen que buscar substitucións.

Por Galicia Confidencial | Santiago | 16/02/2023 | Actualizada ás 12:35

Comparte esta noticia

A asociación Interior Galego Vivo denuncia nun comunicado titular da Casa Niño de Folgoso do Courel están nunha situación en que, por quedar embarazada, vai ver drasticamente diminuídos os seus ingresos para poder afrontar o pago dunha persoa substituta para o servizo.Segundo a mesma asociación, esta situación dáse en máis casos, se se é titular dunha Casa Niño e se contrae unha enfermidade ou permiso laboral ou calquera continxencia non ten os mesmos dereitos ca calquera traballadora.

Casa niño Os Paxariños
Casa niño Os Paxariños | Fonte: Xunta.

As “casas niño” son un servizo de ensino infantil e conciliación consistente na atención a grupos reducidos de crianzas de 0 a 3 anos nun fogar ou local habilitado en zonas rurais que non teñen outros recursos de atención á infancia. Consiste no pago dunha prima pola prestación do servizo a unha persoa autónoma. Estas axudas foron reguladas no ano 2016 por primeira vez e na Orde do 26 de febreiro de 2021 regulouse a concesión das axudas para posta en marcha de Casas Niño para os anos 2021 a 2024.

Por parte da Xunta subvenciónanse as axudas para reforma e adaptación do inmoble onde funcione a Casa Niño (ata 100% cun máximo de 15.000 €) e a prima para desenvolvemento do proxecto, achega económica da que sae o salario da persoa dada de alta no Réxime Especial de Traballadores Autónomos. Esta prima foi de 19.600 €/ano ata 2021; en 2022 elevouse aos 21.560 €/ano, dos que hai que descontar a cota de autónomo e cos que teñen que afrontar o pago dos gastos de material e os gastos correntes – salvo nos Concellos que achegan o local -, que poden andar no 50%.

A Casa Niño terá carácter gratuíto para as familias, con atención diúrna de luns a venres, salvo festivos, e cun mes ao ano de vacacións. Salvo estas excepcións, o proxecto debe manterse en funcionamento ininterrompidamente durante todo o ano, polo que se debe contar cunha ou máis persoas substitutas para a persoa titular no caso de enfermidade ou emerxencia, persoal que debe buscar e pagar a propia titular.

Deste xeito, o salario que lles queda mensualmente ás persoas titulares de Casas Niño, que son maioritariamente mulleres mozas, é inferior ao salario mínimo e vese moi minguado se teñen que buscar substitucións. Dáse, amais, a circunstancia de que ofrecen un servizo con menos días de descanso que o convenio laboral que se lles aplicaría, convenio que si deben respectar as persoas que contraten como substitutas.

Algúns concellos están apoiando as Casas Niño mediante a cesión do local e mesmo o pago dos fornecementos e material, mais esta situación non deixa de ser un parche e discriminatoria coas persoas que deben asumir os custes do seu peto. Sinalan que a Xunta presenta estas Casas Niño dentro do seu modelo “natalista” e que logo supón unha penalización quedar embarazada. Lembramos que o que cómpre non son titulares para “fomentar a natalidade” no rural, senón servizos de calidade para que, quen libremente o desexe, poida ser nai ou pai.

O que é unha alternativa moi interesante, con atención personalizada ás crianzas, e con moito potencial para moitas aldeas está sustentada no traballo inxente das titulares do servizo – a maioría son mulleres – e nunhas condicións laborais precarias, máis que no esforzo da Xunta de Galicia. Para Interior Galego Vivo o que fai a Xunta "é descansar sobre os ombros do emprendemento de moitas mulleres do rural o que é un servizo básico – a atención á infancia de 0 a 3 anos – ao que teñen dereito as crianzas galegas, vivan onde vivan". Este mesmo é o modelo que sigue a Xunta coas Casas do Maior para non incrementar recursos na atención á Dependencia. A Xunta prefire así crear “falsas autónomas” que dignificar as condicións laborais nos Servizos Públicos.

Asemade, en moitos lugares onde hai Casa Niño esta non pode substituír a necesidade de máis prazas en escolas infantís públicas. De feito, hai municipios de zonas rurais sen prazas suficientes para 0-3 anos. Monforte, capital da comarca de Lemos, non ten escola infantil da Xunta; en Chantada hai sempre lista de agarda e só se accedeu a ampliar prazas este ano 2022; Concellos coma Chandrexa de Queixa non teñen ningún recurso público de atención á infancia e outros coma Laza, Portomarín ou Vilardevós non tiveron nada ata que abriron Casas Niño – só poden ter máximo 5 prazas -. De feito, nais e pais de Monterrei denuncian a necesidade de máis prazas na comarca.

Desde Interior Galego Vivo sinalan que ómpre unha política planificada de prazas de atención de 0 a 3 anos en todo o interior galego e que contemple a mellora das condicións laborais das persoas titulares de Casas Niño. Por iso, a asociación trasladará á Xunta que se elabore un mapa de necesidades de prazas de atención á infancia 0-3 anos nos Concellos do interior galego para aumentar as prazas públicas naquelas zonas con déficit ata garantir os dereitos da infancia ao acceso gratuíto ao ensino infantil.

Se melloren as condicións laborais das Casas Niño e Casas do Maior, con maior implicación pública na súa xestión e na resolución de continxencias como enfermidades ou permisos laborais, evitando que as persoas titulares perdan dereitos e ingresos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta