A Xunta insiste en responsabilizar a Madrid dos problemas da sanidade e pide formar máis médicos MIR

"Todas as comunidades autónomas facemos o que podemos dentro do marco establecido", di Comesaña.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/02/2023 | Actualizada ás 14:48

Comparte esta noticia

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, reiterou a petición da Xunta ao Ministerio de Sanidade de flexibilizar os criterios para formar máis médicos internos residentes (MIR) e criticou ao Goberno de Pedro Sánchez por atribuírse o incremento da convocatoria de prazas.

"O señor Sánchez non achega un euro, non modificou os criterios de acreditación e por tanto non fixo nada", contestou, a preguntas dos xornalistas, sobre o problema de falta de facultativos. "É unha parte máis do xogo político de confusión que fai este Goberno", dixo antes de intervir nun acto de homenaxe a persoal xubilado da área sanitaria da Coruña-Cee.

"Todas as comunidades autónomas facemos o que podemos dentro do marco establecido", argumentou tamén Comesaña ao incidir na necesidade de modificar os criterios. "Lonxe de facer todo isto saca unhas gráficas nas que se atribúe a convocatoria de prazas", criticou.

FALTA DE ESPECIALISTAS

Mentres, respecto da denuncia realizada pola CIG de falta de cobertura da especialidade de dermatoloxía no Hospital de Cee, Comesaña explicou que esa localidade pertence a unha área sanitaria que cobre a demanda dese servizo. "Arbitraranse as medidas para que os habitantes dese distrito teñan dermatoloxía como veñen tendo outras especialidades", indicou.

En canto á reclamación do PSdeG para que se cubra a praza de matrona e se reforce o servizo de pediatría na Baña (A Coruña), o conselleiro explicou que no primeiro caso era "un problema de xornada" e que, tras un proceso administrativo, déuselle a "razón" á Xunta. En relación ao servizo de pediatría, sinalou que se axusta "ao número de nenos".

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, no acto de homenaxe ao persoal xubilado da área sanitaria Coruña-Cee en 2022
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, no acto de homenaxe ao persoal xubilado da área sanitaria Coruña-Cee en 2022 | Fonte: MONCHO FONTES - Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta