Pontón solicita á Xunta que garanta o cobro do 100% das axudas a produtores en ecolóxico

Medio Rural resposta que as axudas medran para "que ningún produtor" quede fóra da convocatoria

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/02/2023 | Actualizada ás 16:39

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, anunciou que no próximo pleno do Parlamento esixirán á Xunta que garanta o cobro do 100% das axudas solicitadas polos produtores en ecolóxico. Denunciou que "en 2022, máis de 200 produtores, a metade das solicitudes quedaron excluídas".

"É incomprensible que a Consellería de Medio Rural, que cada ano deixa máis dun 20% de fondos sen executar, non estea a mobilizar recursos para atender a unhas persoas que teñen dereito a un trato xusto", manifestou a líder nacionalista tras un encontro con representantes da Plataforma de produtores e produtoras en ecolóxico, que tivo lugar nunha explotación ecolóxica do municipio coruñés de Irixoa.

Pontón sinalou que Galicia ten "moita capacidade" para poder xerar alimentos de calidade, crear emprego no medio rural e coidar o territorio. Na comunidade galega, segundo puntualizou, a produción en ecolóxico abarca "en torno ao 5% da superficie agraria útil, menos da metade que hai no conxunto do Estado e moi lonxe da planificación que ten a Unión Europea que aposta por un 25%".

Neste contexto, apelou a apoiar a este sector "non só con axudas directas" tamén con maior apoio á comercialización, establecendo canles de distribución e pondo en valor a calidade do produto. "O Goberno do Partido Popular non só debe apostar por este sector senón que ademais debería darlle consideración de estratéxico", dixo.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, nun encontro con representantes da Plataforma de produtores e produtoras en ecolóxico nunha explotación ecolóxica do municipio coruñés de Irixoa. BNG
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, nun encontro con representantes da Plataforma de produtores e produtoras en ecolóxico nunha explotación ecolóxica do municipio coruñés de Irixoa. BNG | Fonte: Europa Press

A XUNTA RESPONDE QUE MEDRAN AS AXUDAS

Pola súa parte, a Consellería de Medio Rural incide en que xa anunciou un "importante" incremento de axudas para a produción en ecolóxico este ano, de forma que "ningún produtor quede fóra nesta convocatoria de 2023".

A Xunta lembra que dotará con 9 millóns de euros anuais entre 2023 e 2027 as axudas para agricultura ecolóxica da PAC, cun total de 45 millóns para o próximo período. Así, trátase de "un incremento anual de máis do 130% sobre os orzamentos previsto inicialmente para 2023.


Ademais, está previsto incrementar as primas por hectárea nunha media do 25% e de ata o 29% na conversión a gandaría ecolóxica. "Cos datos dispoñibles, consideramos que son fondos máis que suficientes para dar resposta firme á espectacular evolución que está a experimentar a produción ecolóxica", traslada Medio Rural a Europa Press.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta