Coren ampliará as instalacións en Ourense tras a luz verde da Xunta ao plan ambiental

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/06/2025 | Actualizada ás 16:17

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia emitiu informe ambiental estratéxico sobre o proxecto de interese autonómico (PIA) de modernización, mellora e ampliación das instalacións de Coren en Santa Cruz de Arrabaldo, no municipio de Ourense, segundo comunicou a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.

Segundo a resolución, que se publicará en próximos días, "non son previsibles efectos adversos significativos derivados do proxecto", aínda que se requiren unha serie de condicións para optimizar os resultados en áreas como a integración paisaxística, a xestión da biomasa para a prevención de incendios, o uso e tratamento da auga, ou a contaminación acústica.

O informe foi elaborado no marco do procedemento de avaliación ambiental estratéxica simplificada, un trámite no que se fixeron consultas previas a catro organismos interesados. Posteriormente, tanto o borrador do PIA como o documento ambiental foron publicados para que o público puidese facer suxestións, pero non se recibiron alegacións.

A Consellería detallou que os distintos departamentos consultados consideran que o proxecto non vai ter impactos significativos, aínda que sinalan a importancia de atender certas cuestións, que quedan recollidas no informe. Tras superar este trámite, o documento remitirase ao promotor do proxecto e ao órgano substantivo xunto con copias dos informes recibidos na fase de consultas previas, e farase público a través do Diario Oficial de Galicial.

O PIA pretende establecer a ordenación territorial e urbanística do chan necesario para a ampliación e reforma das instalacións existentes de Coren , de uso industrial agroalimentario. A finalidade do proxecto é mellorar os seus procesos produtivos para atender á demanda actual, de maneira que o centro de procesado avícola estenderase cara a terreos situados ao leste e ao oeste da planta actual.

Planta de COREN en Santa Cruz de Arrabaldo (Ourense)
Planta de COREN en Santa Cruz de Arrabaldo (Ourense) | Fonte: GC

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta