Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 02/08/2025 | Actualizada ás 22:00
As denominación de orixe (DO) e as indicacións xeográficas protexidas (IXP) converteron produtos como o viño da Ribeira Sacra, o queixo do Cebreiro ou os pementos de Herbón en sinais distintivas no mercado. Estas etiquetas legais garanten que certos alimentos están fortemente vencellados a un territorio, xa sexa polo seu proceso produtivo, polas materias primas e/ou polas técnicas tradicionais. Pero... son estas figuras unha garantía automática de desenvolvemento rural? E quen decide cal é o territorio que merece esa protección? Detrás de cada selo hai debates sobre identidades locais, intereses económicos e formas de gobernanza. E non sempre todos os produtores dunha zona se ven beneficiados ou representados por estas certificacións.
A tese de doutoramento de Rubén Boga, titulada 'Xeografías críticas dos procesos de construción e de xestión das figuras de indicación xeográfica para produtos alimentarios' e dirixida por Valerià Paül, tenta respostar a esas preguntas. Este investigador padronés, fillo de produtores de pemento, mergullouse na análise de casos concretos en Galicia e noutras partes do mundo, prestando atención ás dinámicas territoriais, sociais e institucionais que subxacen a estas etiquetas de calidade. A súa mirada como xeógrafo --e como persoa implicada persoalmente nun deses procesos-- ofrécenos unha visión crítica, chea de matices.
"Estas figuras levan no nome a idea de xeografía, pero poucas veces son estudadas dende a xeografía", confesa Boga. A maioría dos traballos que existen sobre as IX --termo que adoita empregarse para englobar tanto a DOPs como a IXPs-- proceden da agronomía ou da química, centrados en comprobar se un produto procede realmente dunha determinada zona mediante análises de laboratorio. Outros traballos, dende as ciencias sociais, adoitan enmarcarse no dereito ou na economía, onde se dá por feito que estas proteccións legais son ferramentas útiles para o desenvolvemento rural. "Eu quería cuestionar esa asunción inicial, ver os matices, os casos nos que pode non ser así", explica.
"SEN A DENOMINACIÓN DE ORIXE PARA O PEMENTO DE HERBÓN, HOXE A PRODUCIÓN PROPIA DA ZONA ESTARÍA MORTA"
A súa experiencia vital foi clave para orientar a investigación. Natural de Herbón, unha parroquia do concello de Padrón, os seus pais adicáronse ao cultivo de pemento, e viviu dende ben pequeno moi de preto o proceso de creación da DOP para o produto estrela da súa zona. "Cando era pequeno conseguiuse a denominación de orixe para o pemento e, sen ela, como dicía meu pai, hoxe estariamos mortos ou viviriamos dunha maneira totalmente distinta", confesa. E é que o recoñecemento legal permitiu aos produtores diferenciarse do que comunmente se coñece como 'Pemento de Padrón', un produto que se vende con ese nome en todo o mundo, moitas veces aínda sen ter relación real coa comarca.
"O nome Padrón converteuse nunha marca global, pero iso fixo que se esfumase o vínculo territorial do produto", asegura Boga. Así, "en moitos lugares arredor do mundo nos que se consumen pementos de Padrón, ninguén sabe que Padrón é unha vila concreta de Galicia, pensan que ese é o nome da especie de pementos", apunta. A situación chegou ao extremo de que o nome Padrón, aínda sendo un topónimo, estaba, efectivamente, rexistrado como unha variedade por unha casa de sementes. Foi precisamente isto o que impediu poder empregalo como denominación oficial. Por iso, finalmente a DOP adoptou o nome de 'Pemento de Herbón'.
"NUNHA IXP AMPLIADA, OS PRODUTORES DE HERBÓN DE TODA A VIDA QUEDARÍAN EN CLARA DESVANTAXE COMPETITIVA"
A investigación de Boga céntrase precisamente en como se constrúe unha IX, quen participa nese proceso, que intereses entran en xogo e como se define o ámbito territorial da protección. No caso do pemento de Herbón, produciuse un intenso debate entre os produtores da zona tradicional (Padrón, Rois, Dodro...) e as administracións, que pretendían ampliar o territorio recoñecido para incluír outras zonas como o Salnés, onde tamén se empezaba a cultivar por aquel entón pemento. "A idea era facer unha denominación común para toda Galicia e facilitar así o acceso ao mercado estatal e internacional do pemento, pero iso podía poñer en risco a viabilidade dos produtores históricos, que teñen pequenas explotacións e custos máis altos", sinala o xeógrafo.
E é que os produtores do Salnés dispoñen, segundo relata Boga, de condicións máis favorables para a floración do pemento: clima máis amable, extensións máis amplas de terreo, capacidade de producir durante máis tempo e vender máis barato... "Nunha DOP ampliada, os produtores de Herbón, os de toda a vida, quedarían en clara desvantaxe competitiva", advirte. Pero esta tensión entre manter a autenticidade territorial e ampliar os límites para favorecer a comercialización non é exclusiva do caso dos pementos de Herbón, senón que aparece tamén noutros casos.
"SEN OS PRODUTORES QUE MANTEÑEN VIVA A PRODUCIÓN, NON HAI DENOMINACIÓN, POLO QUE DEBEN TER VOZ E VOTO Á HORA DE DEFINIR O ÁMBITO TERRITORIAL"
Por exemplo, no caso do queixo do Cebreiro, unha denominación que inicialmente se limitaba ás zonas de montaña máis próximas á localidade que lle dá nome. Porén, debido á escaseza de produtores da zona orixinal, foron eles mesmos quen decidiron ampliar o ámbito territorial cara zonas máis baixas e próximas a Lugo. Grazas a esa decisión, aínda hoxe continúa a produción do recoñecido internacionalmente queixo do Cebreiro. Pero esta ampliación tamén suscita dúbidas: ata que punto é lexítimo expandir un selo vencellado a un territorio concreto? E quen debe tomar esa decisión? Para Boga, a clave está en recoñecer o papel central dos produtores, sempre. "Son eles quen manteñen vivo o produto, quen lle dán prestixio e fama e, sen eles, non hai denominación, por iso teñen que ter voz e voto á hora de definir o ámbito territorial", defende.
Outro aspecto fundamental que analiza na súa tese é a xestación das IX e a relación coas administracións. As figuras máis pequenas, con poucos produtores e escasa capacidade de promoción, dependen en gran medida da Consellería de Medio Rural para darse a coñecer. "Sen ese apoio institucional, moitas non terían visibilidade nin forza no mercado, pero iso tamén xera críticas: por que se apoia a uns poucos produtores e a outros non? Onde está a liña entre apoio e privilexio?", cuestiona o xeógrafo, que non se limitou unicamente ao estudo de Galicia. Grazas á súa participación nun proxecto europeo sobre desenvolvemento rural en zonas de montaña, tivo a oportunidade de coñecer outras realidades en Croacia, Eslovenia, Perú e Ecuador.
DESMONTANDO A IDEA DE QUE AS IXP SON, POR DEFECTO, FERRAMENTAS DE ÉXITO PARA O DESENVOLVEMENTO RURAL
"Alí puiden ver dinámicas semellantes", asegura. Por exemplo, sinala que "comparei o que acontecía en Galicia co queixo do Cebreiro co que se produce nas altas montañas de Eslovenia: ambos teñen moi poucas empresas rexistradas, aínda que por razóns e traxectorias diferentes en canto a xeitos de produción e de comercialización". Tamén estudou o caso do pisco en Perú e Chile, onde existe un conflito case internacional sobre a orixe do nome deste destilado. "Foi interesante contrastalo co caso do pemento de Herbón, onde o nome de Padrón xa se usa en todo o mundo, mesmo sen relación co lugar do que é orixinario o pemento como tal", compara o investigador.
A tese de Boga estruturouse en varios artigos, cada un centrado nun tema ou caso diferente, pero conectados entre si. A metodoloxía foi cualitativa, baseada en entrevistas en profundidade con produtores, técnicos, representantes institucionais e outros axentes implicados. "O meu obxectivo era recoller as súas voces, entender como vivían eles o proceso, que dificultades atopaban, que visións tiñan sobre a protección do seu produto", resume. En definitiva, a investigación deste xeógrafo desmonta a idea de que as denominacións de orixe e as IXP son, por defecto, ferramentas de éxito para o desenvolvemento rural.
"AO FINAL, O QUE ESTÁ EN XOGO NON É SÓ UN PRODUTO OU UN NOME, SENÓN UNHA MANEIRA DE VIVIR NUN LUGAR"
A súa tese amosa que estas figuras son complexas, que implican procesos de negociación, de poder, de identidade, e que o seu éxito ou fracaso depende de moitos factores: dende o número de produtores ata a capacidade de xestión, pasando pola relación coas administracións e o recoñecemento social e comercial do produto. "Quería que esta diversidade de experiencias servise como material útil para outras administracións ou territorios que queiran mellorar a xestión destas figuras ou crear novas", explica. "Ao final, o que está en xogo non é só un produto ou un nome, senón unha maneira de vivir nun lugar", conclúe.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.