Como é o incendio forestal tipo en Galicia?

A calor, o vento, a man humana e a falta de coidado do monte dan forma a un patrón que se repite cada verán. Así é o incendio forestal tipo que prende (ou que prenden) nos montes galegos, segundo o Pladiga 2025.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 10/08/2025 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Cada verán, cando a calor apreta e os montes están secos, Galicia vólvese vulnerable ás lapas. A terra, rica en vexetación e cun mosaico de usos do solo moi fragmentado, convértese nun escenario propicio para a propagación do lume. Aínda que os grandes incendios, aqueles que arrasan milleiros de hectáreas, son os que acaparan os titulares, o territorio galego sofre centos de incendios máis pequenos que seguen un patrón recorrente. Moitas veces pasan desapercibidos, pero deixan tamén unha pegada fonda no medio rural. Moitos destes lumes repítense nos mesmo lugares, nas mesmas datas e mesmo con idénticas características. A súa recorrencia non é casual. A análise estatística e técnica feita polo servizo de prevención e extinción de incendios da Xunta de Galicia permite trazar un perfil do que se podería chamar 'incendio tipo' galego, unha ferramenta útil para entender mellor o fenómeno, planificar a resposta e, sobre todo, anticiparse ao risco.

Incendio forestal en Porto do Son
Incendio forestal en Porto do Son | Fonte: Grupos de WhatsApp - Arquivo

CANDO SE PRODUCEN?

A tempada crítica vai de xullo a setembro, con especial incidencia na segunda quincena de agosto, cando leva semanas sen chover e o solo está moi seco, ao igual que a vexetación. O 90 % dos incendios concéntranse nestes meses. Tamén son frecuentes os lumes fóra da tempada, en marzo-abril, especialmente relacionados co uso do lume para queimar restrollos e facer rozas. Estes adoitan terse por 'accidentais', pero moitos rematan escapándose do control.

CALES SON AS HORAS MÁIS CRÍTICAS?

As horas nas que se detecta un maior número de incendios forestais en Galicia coinciden coas máis cálidas e secas do día: entre as 14.00 e as 21.00 horas. Este tramo horario concentra a maior actividade incendiaria e representa a franxa de maior risco tanto para a propagación do lume como para a dificultade nas tarefas de extinción. Neste período, a combinación de calor, baixa humidade e vento favorece a propagación rápida do lume, dificultando as labores de control. Por iso, os dispositivos de vixilancia e resposta do Pladiga intensifican a súa presenza nestas horas.

Un incendio forestal en Lugo
Un incendio forestal en Lugo | Fonte: Carlos Castro - Arquivo

QUE CONDICIÓNS FAVORECEN O LUME?

O incendio tipo en Galicia ten lugar en días de moita calor, con humidade relativamente baixa (inferior ao 30 %) e vento do nordés. Ese vento quente e seco, que baixa dende o interior cara a costa, e que actúa como acelerante natural. Ademais, a estrutura da paisaxe é un factor clave: moitos montes están cubertos de eucaliptos e matogueiras, especies moi inflamables. A acumulación de combustible vexetal --silvas, toxos, herba seca...-- fai que o lume se propague rápido, especialmente nas ladeiras.

ONDE ARDEN OS MONTES?

A distribución é desigual. Segundo datos da Consellería de Medio Rural, os concellos máis afectado polo número e intensidade dos incendios están no sur de Lugo, interior de Ourense, comarcas do Morrazo, O Barbanza, Terra de Montes e, máis recentemente, tamén na comarca do Deza. Son zonas con moita presión humana sobre o monte e moitas fincas sen limpar, con moitas aldeas abandonadas. Os 'incendios tipo' adoitan iniciarse preto de camiños, pistas forestais ou bordes de leiras: puntos de acceso fácil onde prender lume é sinxelo e rápido.

COMO COMEZAN?

Máis do 95 % dos incendios en Galicia son de orixe humana. Iso non implica que todos sexan intencionados, pero si que non se producen por causas naturais. Hai tres grandes grupos de causantes: queimas descontroladas de restos agrícolas ou forestais; neglixencia ou imprudencia, como tirar unha cabicha acesa ou queimar sen permiso; e intencionalidade deliberada, relacionada con conflitos veciñais, agricultores ou gandeiros, intereses urbanísticos ou represalias. Os informes policiais indican que moitos lugares se prenden de noite ou ao solpor, para dificultar a resposta dos medios de extinción.

QUE MEDIOS ACTÚAN?

Cando se declara un incendio, actúan equipos da Xunta (Brigadas, Bombeiros Forestais, AXEGA), helicópteros e, en casos maiores, medios estatais como a UME (Unidade Militar de Emerxencias). O tempo de resposta é clave: os primeiros 20 minutos marcan a diferencia entre un lume controlado e un que se escapa. Por iso, os incendios tipo tenden a apagarse en menos de 24 horas e afectan menos de 20 hectáreas, aínda que cada ano hai excepcións.

QUE CONSECUENCIAS TEN?

Os incendios deixan pegada: erosión, perda de solo fértil, morte de fauna e flora, danos a propiedades e un custo económico elevado. Cada hectárea queimada supón milleiros de euros en extinción, recuperación e prevención. Cada hectárea queimada pode supoñer entre 2.000 e 6.000 euros e, en lumes máis intensos ou de difícil acceso, esa cifra pode ser aínda maior. Ademais, en moitos casos afectan a zonas próximas a vivendas. A superficie de interface urbano-forestal aumentou moito nos últimos anos, o que incrementa o risco para as persoas.

HAI UN PERFIL DO INCENDIARIO?

Non hai un perfil único, pero os datos de detencións e investigacións permiten identificar patróns. Moitas veces trátase de homes de entre 45 e 65 anos, con vínculo co medio rural. En ocasións actúan por conflitos persoais, por vinganza ou por percepción de abandono do monte. Tamén existen casos de pirómanos reincidentes, persoas con trastornos que atopan satisfacción prendendo lume. E cada vez máis aparecen persoas alleas á comunidade local que actúan con fins económicos ou ideolóxicos.

COMO SE PODE FREAR?

Os expertos insisten en que non hai solucións máxicas, pero si liñas claras:

  • Xestión activa do monte: limpeza, silvicultura e mosaico agroforestal.
  • Incentivos para o aproveitamento sostible: gandaría extensiva, pastoreo, produción de biomasa.
  • Control da expansión do eucalipto e recuperación de especies autóctonas.
  • Educación e sensibilización ambiental.
  • Coordinación entre administracións e máis medios de prevención.

Pero, sobre todo, cómpre implicación política a longo prazo e vontade de actuar con firmeza ante os causantes.

Varios axentes medioameintais observan o incendio forestal, a 18 de agosto de 2023, en Palas de Rei
Varios axentes medioameintais observan o incendio forestal, a 18 de agosto de 2023, en Palas de Rei | Fonte: Carlos Castro - Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta