Por Galicia Confidencial | SANTIAGO | 09/08/2025 | Actualizada ás 22:00
O lume en Galicia é moito máis que un fenómeno natural ou un accidente eventual. É unha realidade que se repite con negativa frecuencia, moldeando paisaxes, vidas e políticas públicas. Cada verán, o territorio galego enfróntase a unha ameaza que, aínda que coñecida, segue supoñendo grandes desafíos e preguntas sen resolver. Os incendios forestais non só arrasan hectáreas de monte e patrimonio natural, tamén reflexan tensións históricas entre o ser humano e a súa contorna, a evolución socioeconómica e as políticas de xestión territorial. Estas dinámicas obrígannos a mirar con atención cara as áreas nas que o lume é un fenómeno persistente e reiterado, e a tratar de comprender que factores subxacen a esta problemática. As parroquias de alta actividade incendiaria (PAI) son as unidades territoriais nas que se concentra este risco elevado e recorrente, e requieren especial atencion nas estratexias de prevención e xestión. Onde se atopan estas parroquias?
PARROQUIAS E CONCELLOS DE RISCO QUE XA REXISTRARON LUMES ESTE VERÁN
As estadísticas non menten. As parroquias galegas que están incluídas no Pladiga como de alta actividade incendiaria debido ao seu historial de lumes e á virulencia dos mesmos, volven aparecer nos partes de emerxencias. Os incendios rexistrados nas últimas semanas confirman que varias destas zonas repiten protagonismo, con lumes que puxeron a proba a capacidade de extinción e a seguridade de poboación. O caso máis grave e tamén o máis actual vívese en Chandrexa de Queixa, onde o lume iniciado na parroquia de Requeixo --incluída no listado de PAI pola virulencia dos seus lumes-- xa calcinou unhas 700 hectáreas e continúa activo. O peor lume do verán. A magnitude deste incendio reforza a clasificación da zona como especialmente conflitiva.
Tamén en Cualedro se rexistrou un incendio na parroquia de San Millao, outra das sinaladas no Pladiga pola intensidade das chamas que historicamente ten sufrido. Este lume arrasou 97,27 hectáreas nos comezos da vaga incendiaria actual. En Tállara, no concello de Lousame, tamén incluída no listado de PAI tanto polo número como pola virulencia dos incendios rexistrados na zona, un lume declarado a comezos de xullo afectou a unhas 20 hectáreas antes de ser controlado. Poucos días despois, activouse unha alerta na fronteira entre os concellos de Boiro e Lousame, a carón da estrada provincial DP-1104, aínda que a rápida intervención dos equipos de extinción impediu que o lume se propagase.
Na Mezquita, concello que tamén figura na relación de PAI, declarouse outro incendio, aínda que non trascendeu a parroquia na que comezou. Algo semellante aconteceu en Arbo e en Salceda de Caselas: os lumes non comezaron nas parroquias concretas do listado, pero si dentro dos concellos críticos. O caso de Salceda de Caselas foi especialmente complicado. O lume comezou na parroquia da Picoña, arrasou unhas 80 hectáreas e obrigou a declarar a Situación 2 debido á proximidade das chamas ás vivendas.
Nas últimas semanas tamén houbo incendios noutras parroquias incluídas no Pladiga, aínda que de menor entidade. Na Gudiña, un lume iniciado hai dúas semanas na parroquia homónima --clasificada como PAI por número de lumes-- foi controlado rapidamente tras queimar unha hectáreas. En Carballo, incluído no listado, rexistrouse un conato sen consecuencias. En Melón, un conato en xuño orixinouse nun monte xunto ao quilómetro 261 da A-52 e foi sufocado antes de que se propagara. Se se amplía a mirada aos últimos meses, en Calvos de Randín, outro concello con parroquias sinaladas por alta actividade incendiaria, produciuse en maio un pequeno incendio dentro do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés que afectou a 0,04 hectáreas.
UN FENÓMENO HISTÓRICO CON RAÍCES SOCIAIS E TERRITORIAIS: EVOLUCIÓN FAVORABLE NOS ÚLTIMOS ANOS
En total, alo menos 7 parroquias e varios concellos presentes no mapa de alta actividade incendiaria do Pladiga rexistraron lumes. Dende hai décadas, Galicia sufriu lumes que arrasaron milleiros de hectáreas, destruíndo ecosistemas, bens materiais e poñendo en risco vidas humanas. As causas son múltiples: dende a evolución do emprego do solo, o abandono rural, ata prácticas agrícolas e forestais que non sempre foron sustentables, sen esquecer o factor humano, con lumes intencionados ou neglixencias que agravan a situación. As parroquias con alta actividade incendiaria identifícanse como aquelas nas que o lume se repite con frecuencia e gravidade, concentrando a maior parte dos sinistros. Este diagnóstico permitiu á Xunta, a través do Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais (Pladiga), focalizar esforzos e recursos para mitigar o problema. Sen embargo, a persistencia do fenómeno expón preguntas complexas sobre as causas estruturais e as políticas públicas precisas.
O listado de parroquias con alta actividade incendiaria reduciuse notablemente nos últimos anos. No 2014, contabilizábanse 79 parroquias con alta actividade incendiaria, cifra que se mantivo estable durante o ano 2015. No 2016, o número descendeu a 67, para logo aumentar progresivamente ata alcanzar as 77 parroquias no 2018, habendo 73 no 2017. No 2019 rexistrouse un descenso a 71 parroquias, nun contexto de intensas campañas de prevención. No 2020 e 2021, os datos reflexaron unicamente 35 parroquias de alta actividade. No 2022 mantívose o número seguiu en 35. No 2023, aumentou a 40. No 2024, mantívose en 40 parroquias, mentres que para este ano 2025, este número baixou xa a 26. Esta redución é un indicio positivo, reflexo de melloras na xestión forestal, maior concienciación social e, en parte, de mellores sistemas de vixilancia e extinción. Sen embargo, a concentración xeográfica destas parroquias segue sendo unha cuestión clave. A maioría localízanse en áreas rurais con menor densidade poboacional, onde o abandono do campo e a proliferación de matogueiras e monte baixo aumentan o combustible dispoñible para o lume.
CONCENTRACIÓN TERRITORIAL E CAUSAS RECORRENTES, ENTRE OS DESAFÍOS PRESENTES E FUTUROS
As parroquias de alta actividade incendiaria adoitan situarse en provincias como Pontevedra, Ourense e Lugo, aínda que a distribución exacta varía con cada actualización do Pladiga. Estas áreas comparten características comúns: extensas masas forestais, presenza de especies pirófitas como o eucalipto e un contexto socioeconómico marcado polo despoboamento rural. Este último factor é especialmente relevante. O éxodo cara as cidades deixou amplas zonas do rural sen o coidado tradicional que antes contribuía a controlar o monte. O abandono de terras agrícolas e gandeiras favoreceu a acumulación de biomasa facilmente inflamable, aumentando a incidencia e virulencia dos lumes.
A xestión das parroquias con alta actividade incendiaria segue a ser un dos principais retos para a Xunta de Galicia e os concellos afectados. As estratexias combinan medidas preventivas, como a creación de cortalumes, a xestión sustentable dos montes e campañas de concienciación cidadá, cunha resposta rápida e eficaz ante os incendios que se declaran. Non obstante, o fenómeno do lume en Galicia esixe tamén unha reflexión máis fonda sobre o modelo territorial e socioeconómico. Como reverter o abandono rural? Que políticas públicas poden fomentar un uso do territorio que minimice o risco? Que papel xogan as comunidades locais na prevención e xestión do lume? A redución do número de parroquias de alta actividade incendiaria no Pladiga de 2025 é un sinal esperanzador, pero non definitivo. É preciso manter o compromiso de continuar mellorando as políticas para protexer o patrimonio natural e humano de Galicia fronte aos incendios forestais.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.