A loita contra Altri segue viva: convocada outra protesta un ano despois da masiva manifestación en Santiago

Está convocada para o 14 de decembro, un ano despois da mobilización que xuntou en Compostela a 100.000 persoas. A Xunta ve "moi difícil" a instalación da planta sen contar con electricidade.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/10/2025 | Actualizada ás 14:38

Comparte esta noticia

A Plataforma Ulloa Viva e a Plataforma pola Defensa da Ría de Arousa (PDRA), así como o resto de asociacións e colectivos que integran a mesa de coordinación nacional contra Altri, anunciaron este luns a convocatoria dunha "gran manifestación nacional" o próximo 14 de decembro en Santiago contra o proxecto que Altri quere instalar en Palas de Rei (Lugo).

Así o anunciaron nunha rolda de prensa en Compostela, onde lembraron que esta mobilización coincidirá co aniversario da manifestación celebrada o 15 de decembro de 2024 "e na que máis de 100.000 persoas encheron a Praza do Obradoiro ao berro de 'Altri Non'". O presidente de Ulloa Viva, Juan Pedro Sánchez, e o presidente da PDRA, Xaquín Rubido, chamaron á sociedade galega a "seguir mobilizándose" para reclamar á Xunta que "denegue xa" todo o expediente para autorizar o proxecto de Altri en Palas de Rei (Lugo).

Neste contexto, Rubido defendeu que "foi a mobilización histórica do pobo galego a que fixo que Altri quedase fose do Perte de descabornización e das axudas públicas de 250 millóns de euros que a empresa demandaba". Nesta liña, mostrouse convencido de que esta nova mobilización convocada para o 14 de decembro "pode deixar a Altri fóra definitivamente da planificación eléctrica, a captación de auga e a autorización ambiental integrada da Xunta".

"Estamos nun punto de inflexión, de aí a importancia desta mobilización e de facer o 14D unha mobilización histórica na Praza do Obradoiro que sirva para que a Xunta denegue definitivamente este proxecto", aseverou Rubido. En concreto, debullou que os obxectivos desta nova convocatoria son "chegar ata o final para coñecer a letra pequena e paralizar todas as autorizacións pendentes da Xunta".

"SEN AUGA, SEN ELECTRICIDADE E SEN LICENZA SOCIAL"

Sobre o feito de que Altri careza da subestación eléctrica que demandaba para o seu proxecto en Palas de Rei, ambas as plataformas celebraron que este anuncio "vai no camiño das súas demandas ás Administracións Públicas para que non se autorice o proxecto". O pasado 22 de setembro, o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, anunciou en roda de prensa que Altri sería excluída da planificación eléctrica 2025-30 ao non cumprir cos requisitos necesarios.

Con todo, o presidente da PDRA sinalou que "estarán alerta e facendo seguimento en toda a tramitación, incluso formulando alegacións, para que a aprobación definitiva desta Planificación sexa unha realidade administrativa firme". Así, advertiu de que alegarán como "resposta" ante "os anuncios da Xunta e das empresas que conforman o proxecto Gama de que alegarán contra a decisión do Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico (Miteco)". Neste contexto, tamén acusaron ao Goberno galego de "mentir" ao dicir que esta decisión "implicaría deixar a toda a provincia de Lugo sen oportunidades parala expansión eléctrica".

Colectivos contra o proxecto de Altri. PDRA
Colectivos contra o proxecto de Altri. PDRA | Fonte: Europa Press

A XUNTA "VE MOI DIFÍCIL" A SITUACIÓN

Pola súa banda, o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, asegurou este luns que a Xunta continúa co expediente do proxecto que Altri pretende instalar na localidade lucense de Palas de Rei, pero recoñeceu que é "moi difícil" asentar unha iniciativa como esta "nun territorio no que non hai conexión eléctrica".

A preguntas dos medios sobre o estado da Autorización Ambiental Integrada (AAI) deste proxecto, Calvo, que presidiu este luns o Consello da Xunta, afirmou que a día de hoxe este "proxecto estratéxico industrial" segue o seu expediente, aínda que apuntou que "non ten sentido o que fixo o Goberno" de excluílo da planificación de rede eléctrica. E isto, dixo, "non lle corresponde á Xunta", polo que sinalou que será a multinacional lusa quen "terá que ver que fai" nun contexto "moi difícil".

"Xa expresamos a sorpresa ante a decisión do Goberno de illar á provincia de Lugo, xa non do proxecto de Altri, senón de calquera proxecto industrial que necesitase unha determinada subministración eléctrica en Lugo. Nese sentido, supoño que os promotores terán algo que dicir", resolveu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta