Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 06/10/2025 | Actualizada ás 22:00
O debate sobre o eucalipto en Galicia é tan vello como intenso. É unha especie que chegou para quedar e que, ao mesmo tempo, nunca deixou de xerar controversia. Para moitos propietarios foi un colchón económico, unha forma rápida e segura de obter ingresos nun contexto rural no que as alternativas son escasas. Para outros, é un símbolo de desorde, de paisaxes homoxéneas, de montes máis vulnerables ao lume e ás pragas. Entre esas dúas visións, a política forestal quedou a medio camiño, sen atopar un equilibrio que dea resposta ás diferentes sensibilidades. A moratoria decretada en Galicia buscaba frear a febre das plantacións e dar tempo a elaborar un regulamento claro. Mais o reloxo avanza inexorable: o 31 de decembro remata o prazo e, de non actuar, a moratoria desaparecerá. "O tempo vai pasando e tememos que chegue o día 31 sen que se faga nada, decaendo a moratoria", advirte Antonio Rigueiro, presidente da Asociación Forestal de Galicia. Ese silencio institucional, a falta de comunicación e a sensación de que o problema se deixa correr, é o que máis inquedanza lle produce.
"A CONSELLERÍA NON FALOU CON NÓS NOS ÚLTIMOS MESES"
"A verdade é que a Consellería non falou con nós deste tema nos últimos meses e tampouco temos noticias de que o fixera con outros grupos do sector", insiste Rigueiro. Para el, o problema non é só de forma, senón de fondo, se non se inclúe unha prórroga nunha norma legal, a moratoria decae. "Na Lei de Acompañamento dos Orzamentos para o ano 2026 poderían incluír algo relacionado coa moratoria", explica, pero engade: "No sector estamos un pouco in albis". A falta de diálogo resulta difícil de entender para quen leva toda a vida no sector. "É moi raro que sobre un tema tan importante, tan vital para os nosos montes, non se estea dicindo nada", incide. Para Rigueiro, o lóxico sería que a Administración convocara ás asociacións e aos colectivos forestais, escoitara os seus argumentos e logo tomara unha decisión política. "Á fin e ao cabo para unha decisión política tan importante debería contarse co sector", recalca. Esa ausencia de comunicación deixa ao sector "á expectativa, sen saber que vai pasar a apenas unhas semanas de rematar o ano".
"A NOSA POSICIÓN É QUE SE PRORROGUE A MORATORIA DURANTE UN TEMPO"
Dende a Asociación Forestal de Galicia mantivéronse nos últimos meses reunións co Clúster da Madeira, Fearmaga, Lugo Madeira ou Asefoga. "Comentamos que a nosa posición é que se prorrogue durante un tempo a moratoria, non indefinidamente, senón ata que se poida elaborar un regulamento en relación ás plantacións de eucalipto", resume Rigueiro. Para el, é evidente que un regulamento ordenado faría innecesaria a moratoria. Non obstante, non todos coinciden. "Hai algúns colectivos que están de acordo, outros teñen outros plantexamentos, outros prefiren que se levante xa a moratoria... Hai diversidade de opinións", admite. Esa división reflíctese no sector e complica a toma de decisións, pero para o presidente da Asociación Forestal de Galicia non debería ser unha escusa: "O que todos botamos de menos é que a Consellería, de algunha maneira, nos reúna, escoite e logo decida".
"O DE CORTAR PIÑEIROS PARA PLANTAR EUCALIPTOS FOI A MENOS"
Rigueiro non idealiza tampouco a moratoria, pois recoñece as súas limitacións: "Algo fixo, pero tampouco foi efectiva ao 100 %". Houbo plantacións ilegais en lugares nos que non se podían facer, aínda que a intensidade da febre previa desaparecese. "Aquela febre que había antes da moratoria de plantar eucalipto, mesmo de cortar piñeiros que non estaban maduros para substituílos por eucaliptos, foi a menos", explica. E asegura que iso foi algo que os viveiros tamén notaron: "Si que se seguiron vendendo algunhas plantas de eucalipto, pero non ao ritmo que se viñan vendendo antes da moratoria". Algúns deses movementos eran legais, porque "os que teñen eucalipto e cortan poden volver plantar", mentres que os ilegais foron mermando. O resultado é unha especie de paréntese imperfecto: freou o descontrol, pero non eliminou completamente o problema.
"OS GRANDES PROPIETARIOS NON SE ATREVERÍAN A SEGUIR PLANTANDO"
Un dos temas que xeran dúbidas é o impacto diferencial da moratoria. O presidente da Asociación Forestal de Galicia admite que non hai datos ao respecto: "A verdade é que non temos información sobre este tema". Mais ten unha intuición clara: "Seguramente as plantacións ilegais que se fixeron incumprindo a moratoria foron de pequenos propietarios, porque se se plantasen eucaliptos en grandes extensións notaríase moito máis, polo que os grandes propietarios non se atreverían por medo a ser denunciados". Esa sospeita enlaza tamén cun problema estrutural: o minifundio galego. Miles de pequenas parcelas dispersas e mal comunicadas facilitan movementos á marxe da norma, dificultan o control administrativo e deixan a porta aberta a que moitos propietarios actúen pola súa conta. "É lóxico pensar que os grandes propietarios non se arriscarían, porque sería máis visible e estarían máis vixiados", incide.
"PROPOÑEMOS CREAR UN BANCO DE DEREITOS DE PROPIETARIOS DE EUCALIPTO"
De cara ao futuro, Rigueiro aposta por un sistema claro: "Se se establecen normativas sobre as plantacións de eucalipto deben ser de contención, en consonancia co Plan Forestal de Galicia". Nese plan prevese a redución nun 5 % da superficie de eucalipto ata 2040, o que supón algo máis de 20.000 hectáreas. "Se queremos cumprir o Plan Forestal, a superficie de eucaliptos non debe aumentar, mesmo debe reducirse", recalca. E a fórmula que propoñen é semellante á do viñedo a nivel estatal: "Se alguén quere facer novas plantacións de viñedo, ten que comprar dereitos doutros que deixan de cultivar as súas". A proposta da Asociación Forestal de Galicia vai na liña de "crear unha especie de banco de dereitos de propietarios de eucalipto que queiran diversificar e reducir a súa superficie, e os que queiran facer novas plantacións terían que mercar dereitos a eses propietarios para poder facelo". Con iso garantiríase que a superficie total de eucalipto non aumentase. Este mecanismo, segundo Rigueiro, daría unha ferramenta ordenadora que permitiría ás comunidades de montes e aos particulares tomar decisións con máis liberdade, pero dentro dun marco común e con seguridade xurídica.
"NON PODEMOS TER TODO O MONTE CUBERTO CUNHA ÚNICA ESPECIE"
Rigueiro tamén expón outras vías complementarias: "Outra fórmula sería que só se puidese plantar eucalipto a partir dunha determinada extensión de terreo, por exemplo, máis de 10 hectáreas, e poder poñer só un 15 ou un 30 % desta especie, deixando o resto para outras especies, por dicir unhas cifras de referencia". Este sistema obrigaría á diversificación e reduciría o risco de que unha praga ou unha enfermidade devastara grandes extensións de monte, crearía mosaicos de cara á prevención de incendios forestais e, aínda que non garantiría a contención da superficie como faría os sistema de dereitos de eucalipto, impediría a expansión desordenada que prevemos se decae a moratoria sen máis. "Sería interesante porque obrigaría a diversificar, e polo menos unha parte do monte estaría ocupada por outras especies", explica. A idea encaixa tamén co discurso ambiental de equilibrar o territorio e dar máis peso ás frondosas. "Non podemos apostar todo a unha única especie, porque quedamos vendidos se aparece algún problema sanitario que a afecta, ou se o exceso de produción de madeira da mesma fai caer os prezos", advirte.
"MOITA XENTE CORTOU PIÑEIROS PORQUE ESTABAN ENFERMOS"
Cando se lle pregunta polas razóns da febre polo eucalipto, o presidente da Asociación Forestal de Galicia admite que hai lóxica detrás: "Gústenos máis ou menos, é unha especie que medra moi rápido e dentro de 12 ou 15 anos xa podes obter unha corta para pasta de papel por un prezo razoable". Iso, nun territorio con pouco relevo económico, converteuno en opción preferente para moitos propietarios forestais. Tamén pesou nesa expansión desbocada a aparición de problemas sanitarios noutros cultivos forestais. "Moita xente cortou piñeiros porque estaban enfermos", lembra Rigueiro. "Problemas como a banda marrón do piñeiro insigne fixeron que moitos propietarios de fincas optaran polo eucalipto", indica. Así, a febre resposta tanto á rendibilidade como á falta de alternativas: "O piñeiro do país tamén está a verse afectado, e o insigne segue a caer polas doenzas".
"O CERTO É QUE A MORATORIA CHEGOU TARDE"
"O certo é que a moratoria chegou tarde", admite Rigueiro. "Os inventarios forestais nacionais xa viñan anunciando dende hai lustros un incremento da superficie de eucalipto a costa da diminución da de coníferas, polo que puido terse posto remedio antes a esa expansión", reflexiona. Pero insiste en que, aínda así, hoxe é máis necesaria ca nunca a moratoria: "Agora mesmo ten máis razón de ser a moratoria que cando se implantou". Cando se aprobou, aínda había alternativas á plantación de eucalipto. "Naquel momento non tiñamos, ou non era tan grave, o problema da banda marrón do piñeiro insigne, pero agora esa alternativa está pechada", explica. Estase apostando por outro piñeiro americano, o 'Pinus taeda', que semella que non lle afecta tanto a banda marrón, pero é unha aposta insegura. "É como dar un salto ao baleiro, porque non sabemos se dentro de 5 ou 10 anos aparecerá outro problema sanitario que rematará coas plantacións desa especie", asevera.
"PENSO QUE HABERÁ UNHA PRÓRROGA DA MORATORIA, NON SEI CANTO TEMPO"
Por iso, o presidente da Asociación Forestal de Galicia non dubida: "Eu penso que haberá unha prórroga da moratoria, aínda que non sei por canto tempo". A súa lóxica é sinxela: "Se se levanta así sen máis a partir do 31 de decembro e volvemos á situación previa á súa implantación, a moratoria carece de sentido". E conclúe con firmeza: "Se queremos impedir a expansión desordenada dos eucaliptos e ordenar as plantacións destas especies, agora mesmo está máis xustificada a prórroga da moratoria que cando esta se implantou, porque diminuíron as alternativas aos eucaliptos atractivas para os propietarios". O catedrático insiste en que a prórroga non só resposta a razóns técnicas, senón tamén sociais e políticas. "Non sería doado xustificar ante a sociedade levantar a moratoria agora, e sen dúbida tería unha contestación social que podería ter consecuencias electorais, porque a preocupación da sociedade arredor deste asunto coido que é maior do que parece", reflexiona. Polo de agora, o desenlace está aberto, pero o silencio institucional segue a ser o gran protagonista. A falta de comunicación, a división do sector e a proximidade do 31 de decembro converten a situación nunha bomba de reloxería: a pasividade pode resultar máis cara que calquera decisión.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.