Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO | 06/10/2025 | Actualizada ás 20:05
A Xunta impulsa unha estratexia para explorar o potencial uso das masas de auga subterráneas existentes na Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa como unha alternativa "puntual" ante posibles episodios de seca. O Consello, presidido este luns polo titular de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, pola ausencia por días de descanso de Alfonso Rueda, coñeceu un informe no que se detalla o plan de acción deseñado por Augas de Galicia para o período 2025-2028, a través do cal mobilizará un orzamento de 1,15 millóns de euros.
O obxectivo, detallou a Xunta, é profundar no coñecemento e no seguimento destes recursos para coñecer as posibilidades reais de aproveitamento que ofrecen e poder recorrer a elas puntualmente. "Temos que estar preparados para facer fronte a calquera situación", recoñeceu Calvo en rolda de prensa, onde detallou que na conca Galicia-Costa hai identificadas 19 masas de auga subterráneas, pero sobre as que non dispoñen de "suficiente información". En concreto, a estratexia terá tres alicerces: mellorar a caracterización e a delimitación das masas de auga baixa terra, modernizar e ampliar a rede de seguimento actual na demarcación que xestiona, e planificar o posible uso estratéxico destes recursos a través dun traballo de zonificación previo.
COÑECER "TODA A INFORMACIÓN"
A preguntas dos medios, Diego Calvo sinalou que polo momento o obxectivo non é ser "unha alternativa real e definitiva" á subministración, senón que, sendo "conscientes de que existen 19 masas de auga subterránea", poder obter "toda a información necesaria". "Queremos ter toda a información, mirar a cantidade de auga que hai, onde está, como se pode levar a cabo a subtracción desa auga e enfrontarse a situacións puntuais de seca que poden existir en distintas partes do territorio e que eses depósitos subterráneos puidesen aliviar situacións puntuais, mais alá de que eses dous anos pode dar nova información, ter máis datos e tomar outras decisións", explicou.
PLAN DE TRABALLO
Entre as principais medidas previstas no plan de traballo, a Xunta destacou o despregamento e a posta en marcha na conca Galicia-Costa da nova Rede dixital de pezometría, que a través de 33 puntos de control permitirá facer medicións en tempo real dos niveis, temperatura e condutividade das augas subterráneas delimitadas na demarcación. Ademais, abrirase unha liña de colaboración entre Augas de Galicia e as universidades para elaborar un mapa de acuíferos con potencial para o seu uso en abastecemento, un traballo que permitirá identificar áreas viables para facer extraccións sustentables de augas subterráneas.
Tamén se traballa na mellora da caracterización e da delimitación das masas de auga subterráneas existentes para poder dispor de datos e información real e precisa sobre os recursos dispoñibles. A medio prazo, nos próximos dous anos está previsto que se empecen a desenvolver os primeiros proxectos piloto para verificar a viabilidade de facer novas captacións baixo terra, ademais de estudos hidroxeolóxicos de detalle para avaliar a resposta dos acuíferos ante situacións de seca prolongada.
Finalmente, o plan de traballo de Augas de Galicia para reforzar o coñecemento e o posible uso das augas baixo terra para abastecemento prevé que no ano 2028 se poida publicar a versión final do mapa de potencial hídrico subterráneo de Galicia-Costa, que se integrará no próximo Plan hidrolóxico 2028-2033 da demarcación, co fin de garantir unha xestión integrada, coordinada e sustentable tanto das augas superficiais como das subterráneas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.