Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 03/10/2025 | Actualizada ás 22:00
En Galicia, o eucalipto é moito máis que unha árbore: é unha discusión constante sobre o presente e o futuro dun territorio. A súa expansión configurou unha paisaxe distinta á de hai apenas unhas décadas. O que antes eran pradeiras verdes nas que pacían vacas, ovellas ou cabras, ou terras de cultivo que sustentaban a familias enteiras, transformouse en fileiras de troncos rectos e altos, plantados coa esperanza de obter un beneficio económico. Moitos propietarios particulares, animados polo baixo custo de mantemento e a seguridade de que 'algo sempre deixa', súmanse a un modelo que tamén impulsa o sector empresarial. O problema é que o inmediato imponse ao sustentable. A aparente rentabilidade oculta un conxunto de consecuencias que van dende a perda de hábitats ata os conflitos sociais, pasando pola alteración da auga e do solo, a ameaza de incendios ou a dificultade de reverter a situación unha vez implantado o monocultivo.
Jonatan Rodríguez, investigador postdoutoral no CRETUS da Universidade de Santiago de Compostela (USC), detalla a Galicia Confidencial o que acontece nos lugares con monocultivo de eucaliptos sen rodeos: "Os estudos din que o impacto é prolongado, que custa décadas recuperar ese chan para que poidan florecer nel novas especies". E non só décadas, tamén custa unha restauración activa que esixe investimentos e coidados que rara vez se contemplan. Así, o debate intensifícase con cada verán de incendios, con cada tentativa de prorrogar a moratoria vixente e con cada proxecto industrial como o de Altri no corazón de Palas de Rei, que volve poñer enriba da mesa a pregunta esencial: ata onde pode chegar Galicia cun modelo forestal centrado nunha soa especie? A reflexión, inevitablemente, conecta coa identidade do propio país e coa maneira en que se quere xestionar o monte nas próximas xeracións.
UN CULTIVO DE BAIXO CUSTO E A RENDIBILIDADE INMEDIATA
Rodríguez explica que o principal atractivo do eucalipto radica en que unha vez plantado, o seu mantemento é mínimo. Abonda unha preparación básica do terreo e despois agardar a que medre. "Para os propietarios de terreos forestais supón un rendemento económico relativamente rápido e sen un grande investimento", sinala. E fronte á ameaza de sancións por non desbrozar ou manter limpos os predios, moitos optan por plantar, ben sexan piñeiros ou, neste caso, eucaliptos, que xa teñen colonizado o litoral atlántico galego. Este tipo de cultivo ofrece a vantaxe de non estar tan pendente das limpezas anuais, o que resulta un alivio para propietarios que viven lonxe das súas fincas. A cambio, a ganancia pode semellar modesta, pero nun contexto de abandono do rural, calquera ingreso extra ten un peso importante. Para moitos, plantar árbores convértese nunha estratexia sinxela para cumprir coa normativa e obter, a un tempo, un beneficio futuro.
A PERDA DE PASTOS E MOSAICOS
A consecuencia máis visible deste monocultivo é a desaparición de prados e campos de cultivo. "Estase perdendo comida para os animais --vacas, ovellas, cabras...--, ao perder os pastos", advirte o investigador. Tamén alerta de que desaparecen os chamados hábitats en mosaico, eses espazos heteroxéneos que servían de cortalumes natural. Por iso, onde antes había diversidade, hoxe esténdense monocultivos continuos que facilitan a propagación rápida do lume. Esta homoxeneización empobrece a riqueza biolóxica e fai máis vulnerables os territorios fronte ás catástrofes naturais. Ademais, racha coas prácticas agrarias tradicionais que durante séculos permitiron equilibrar a produción e conservación. Ao perderse eses usos, tamén se dilúe parte da cultura do rural galego e da súa forma de entender a paisaxe.
A AUGA, RECURSO EN DISPUTA
Outro dos impactos máis importantes está nos recursos hídricos, como sinala o investigador do CRETUS. O eucalipto, con raíces fondas, alcanza o nivel freático e consume grandes cantidades de auga. Rodríguez explica que en regatos ou pequenas masas de auga percíbese con claridade a redución do caudal. "En zonas onde hai eucaliptos, o impacto sobre a cantidade de auga é bastante elevado", asegura. Ese consumo desproporcionado non só afecta ao ecosistema, senón tamén á dispoñibilidade de auga para a gandaría ou para usos agrícolas próximos. En climas como o galego, húmidos pero con veráns cada vez máis secos, esta presión hídrica pode volverse crítica. Se a isto se suma a previsión dun cambio climático, que incrementará as secas, o problema vólvese aínda máis preocupante.
O SOLO E OS ACEITES ESENCIAIS
Ademais, a árbore do eucalipto non só consume auga: tamén altera o solo. As súas follas e cortizas, ricas en aceites esenciais, acumúlanse, modificando a xerminación de especies nativas e afectando mesmo a macroinvertebrados acuáticos. Esta acumulación orgánica produce acidificación do solo. En Galicia, ao partir de solos xa acedos de por si, o efecto é menos grave que noutros lugares, pero non deixa de ser significativo. Rodríguez insiste en que estes compostos químicos mudan o equilibrio do terreo, impedindo que outras especies poidan prosperar nel. O solo convértese así nun espazo empobrecido, con menos capacidade para rexenerarse de maneira natural. A longo prazo, isto pode condicionar a viabilidade de proxectos de restauración ou de recuperación de cultivos autóctonos.
FAUNA: ENTRE A ATRACCIÓN E A EXCLUSIÓN
Sobre a fauna, o investigador postdoutoral do CRETUS recoñece a controversia. Algúns estudos sosteñen que os eucaliptais poden ser refuxio para aves ou pequenos mamíferos, pero case sempre se trata de especies xeralistas. En cambio, as especies especializadas, dependentes de recursos concretos, son as que resultan prexudicadas. Iso si, as flores de eucalipto atraen polinizadores, como as abellas empregadas para a produción de mel. "O problema é para os animais especialistas", resume. Esta atracción limitada xera unha falsa percepción de riqueza, porque non reflexa a diversidade real do ecosistema. Se ben pode haber abellas ou paxaros presentes, a ausencia doutras especies máis delicadas indica un empobrecemento biolóxico. Por tanto, o risco é que remate por consolidarse un ecosistema simplificado e menos resiliente ante cambios ou ameazas.
O LUME E A CAPACIDADE DE REBROTE
O verán pasado demostrouno: tras os lumes, os eucaliptos están rebrotando xa, con rapidez. O mesmo acontece con eles despois dunha corta. "Un incendio non implica que vaian morrer os individuos, pois teñen unha alta capacidade de rebrote", explica Rodríguez. Probablemente, porque acumulan recursos nas raíces, o que lles permite recuperarse mesmo despois de ter sufrido grandes perdas na parte aérea. O investigador compara este mecanismo co dos breixos, que tamén teñen capacidade de rebrotar rápido tras o lume. Son especies que evolucionaron con incendios frecuentes, e que no canto de sucumbir ao lume, aproveitan a perturbación para rexenerarse. No caso do eucalipto, esta característica dálle unha vantaxe competitiva fronte a outras especies, perpetuando así a súa presenza no territorio. Así, aínda que case cada verán Galicia se tingue de negro, a paisaxe volve tinguirse logo de verde... Mais case sempre coas mesmas especies que alimentan o círculo vicioso.
RESTAURAR UN EUCALIPTAL: DÉCADAS DE ESFORZO
E que acontece se se quere reverter o monocultivo de eucalipto? Rodríguez non o dubida: "Os estudos din que o impacto sobre o chan desta especie é prolongado". Retirar eucaliptos non abonda. Habería que aplicar unha restauración activa, con aportes de materia orgánica durante anos e plantacións de caducifolias que enriquezan o solo e axuden a reter auga. Aínda así, poderían pasar décadas ata recuperar pastos ou cultivos no lugar. E compara este caso co das mimosas, outra especie invasora, que requiren longos períodos de tempo para reverter o seu impacto. A recuperación, ademais, esixe vontade política e recursos económicos, non só esforzo científico. Moitos propietarios abandonan a idea porque implica demasiado tempo e traballo. E en ausencia de apoios institucionais, a restauración queda como unha quimera para a maioría de afectados. Mentres tanto, o monocultivo avanza, consolidando os problemas que despois serán moito máis caros de reverter.
MORATORIAS E POLÍTICA FORESTAL
O futuro depende tamén das decisións políticas. O investigador do CRETUS lembra que no seu día intentouse incluír o eucalipto no catálogo de especies invasoras, pero non se conseguiu. "E vai estar difícil", admite, considerando que a moratoria aprobada tras os incendios do 2017 foi máis "una medida de cara á galería" que unha solución real, como demostran os datos. Co tempo, o debate arrefríase, aínda que proxectos como Altri volven poñelo no centro da opinión pública. Ese vaivén político xera desconcerto entre a cidadanía, que non sabe se o futuro será de contención ou de expansión. A sensación de improvisación fai que moitas comunidades rurais desconfíen da normativa forestal. Á vez, os intereses económicos presionan para relaxar calquera límite. Galicia atópase así atrapada entre dous pulsos: o de quen defenden a rendibilidade a curto prazo e o de quen esixen sustentabilidade e preservación a longo prazo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.