DOCUMENTO.- Que pasa en Esquerda Nacionalista?

EN está completamente dividida...

Por Galicia Confidencial | Galicia | 02/04/2008 | Actualizada ás 14:49

Comparte esta noticia

O primeiro conta co apoio de militantes de Lugo e Vigo, principalmente, entre os que se atopan Pedro Gómez-Valadés; presidente da AGAI, e outros membros desta asociación, ou o Coordinador da Executiva deste partido, Xoán Rama -Mavera-, entre outros. Os segundos están apoiados polo sector "institucional" de EN, é dicir, concelleiros, cargos da Xunta e deputados, como o director xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria, Antonio Oca ou o parlamentario, Kiko Paz Antón e por EN-Mocidade.

A situación chegou a tal extremo que o sector de Rodríguez Feixóo demitiu dos seus cargos o pasado outubro e decidiu adiantar o congreso nacional de EN previsto para maio. A esta xuntanza, que se celebrou o pasado domingo, acudiron preto de 50 persoas e dela saíu elexido como novo secretario nacional, Xosé Chorén.

Tamén estiveron presentes, aínda que como convidados,  o Secretario de Organización do BNG, Alberte Ansede e os dirixentes da UPG, Francisco Rodríguez e Roberto Vilaméan. Un feito que resaltou o propio Chorén subliñando que neste novo periodo, EN, tentará acercar posturas coa UPG. Tamén estaba Camilo Nogueira, a título persoal, ou o líder de Inzar, Xesús Veiga Buxán.

Pero, a pesar da celebración deste congreso, o sector "institucional" mantén a data orixinal, a do 10 de maio, na que celebrará un novo cónclave tal e como aparece na páxina web de EN que xestiona este grupo.

A postura dos dous sectores é irreconciliable. Os "oficialistas" de Rodríguez Feixóo acusan aos "institucionais" de "venderse ao quintanismo" e éstes repróchanlle aos outros que utilicen "tácticas mafiosas" e que se "vendan á UPG para ter postiños". En todo caso, unha das principais cuestións que está enriba da mesa é quen quedará coas siglas. De feito, segundo os "institucionais", os outros adiantaron o congreso para facerse coa baza mediática.

A este medio chegou un escrito do sector "institucional" no que se relatan paso a paso os acontecementos que deron lugar á situación actual:

 

COMUNICADO DA COMISIÓN EXECUTIVA NACIONAL DE ESQUERDA NACIONALISTA.

Prezadas compañeiras:

Prezados compañeiros:

Desde mediados do ano 2007, a situación interna da Organización, nomeadamente da Mesa Nacional, é altamente preocupante. Diversas son as razóns que motivaron este conflito. Chegado este momento, a Comisión Executiva Nacional vese na obriga de dar cumprida conta ao conxunto da militancia de cómo se chegou a este estremo. Para facer máis clarificadora a explicación, recúrrese ás referencias literais correspondentes ás sucesivas actas aprobadas por asentimento unánime da Mesa Nacional.

Antecedentes.

A IV Asemblea Nacional de Esquerda Nacionalista.

A situación actual ten os seus primeiros antecedentes xa na propia IV Asemblea Nacional. Se ben é certo que ao longo da súa preparación houbo desavinzas de tipo organizativo entre algunhas das persoas que tiñan a responsabilidade de preparar a Asemblea Nacional, naquela altura algúns acolleron con malestar que a listaxe da Mesa Nacional non se coñecera até que se fixo a presentación da mesma no propio acto de clausura. Esto derivou en que un grupo de compañeiros criticara ao por entón Coordenador da Comisión Executiva Nacional, Xoán Rama Trillo (Mavera) de escurantismo e ao tamén entón Secretario Nacional, Alberte xullo Rodríguez Feixóo, de inhibirse e deixar facer.

XII Asemblea Nacional do BNG.

Un segundo antecedente localízase no último proceso preasemblear do BNG. Por acordo da Mesa Nacional, decidiuse negociar co Encontro Irmandiño para tentar de elaborar, xunto coa Alternativa, unha candidatura conxunta. Se ben é certo que o encontro Irmandiño puxo innumerábeis pexas para alcanzar un acordo final (diletancia nas negociacións, incumprimento dos prazos para a superación das etapas negociadoras, tentativa de imposición de Beiras como primeiro da lista, ...), a máis relevante foi que eles eran partidarios de repartir a lista ao 50% entre a Alternativa (incluindo a EN) máis eles. Pola banda do noso Partido, defendiamos que a lista fora composta a tres partes iguais; dito de outro modo, o 66% para a Alternativa e o 33% para o Encontro Irmadiño. Na última fase da negociación, acudiron representando a EN, Xoán Rama Trillo, Charo Fernández e Xoán Bascuas. A negociación foi rota unilateralmente por Xoán Rama, sen comunicarllo aos seus compañeiros na negociación: marchou discretamente da reunión, sen ningunha explicación, sen ningún altercado, sen ningún aviso previo. Charo Fernández e Xoán Bascuas ficaron ali presentes, xunto con Camilo Nogueira, vendo a posibilidade de que a lista fose un 60% para a Alternativa e un 40% para o Encontro Irmandiño. Os representantes da Alternativa (agás Xoán Rama) e os do Encontro Irmandiño deron o visto e prace a este posibilidade, ficando pendente da correspondente aprobación polas respectivas direccións nacionais.

Paralelamente a esta reunión negociadora, estaba a desenvolverse unha reunión da Mesa Nacional. Nesa xuntanza, o Xoán Rama calificou de traidores a Xoán Bascuas e Charo Fernández por non telo secundado no seu abandono da negociación. Alí deronse as debidas explicacións de que en ningún momento se lles fixo indicación algunha a Xoán Bascuas e a Chero Fernández de que tiñan que retirarse da reunión, e mesmo tampouco se fixo ningún sinal que fixera entender que Xoán Rama abandonaba a negociación. O debate da Mesa Nacional a esta altura foi virulento, máis todo ficou nun malentendido.

O terceiro antecedente atópase na propia presentación da candidatura da Alternativa. Ao igual que aconteceu na nosa IV Asemblea Nacional, as compañeiras e compañeiros do Partido, non coñeceron a candidatura da Alternativa e, consecuentemente a participación nela de EN, até o acto mesmo de presentación da candidatura. Por segunda vez se reproducía unha práctica escurantista, só que desta vez a indignación medraba entre compañeiras e compañeiros.

O último antecedente deuse no proceso posasemblear, unha vez coñecidos os resultados de votación das listas: a Alternativa apenas alcanzaba os 291 votos (en torno ao 10%), cando as espectativas eran moito máis elevadas. Aínda que os resultados chamaban a que se fixera unha reflexión detallada, esta non se produciu en ningún momento, ficando todo eclipsado pola incorporación de Alberte Xullo Rodríguez Feixóo e Charo Fernández na Comisión Executiva Nacional do BNG. Naquela altura, o compañeiro Alberte Vila elaborou un documento de análise dos resultados e da situación política, que foi entregado nunha Mesa Nacional ao Coordenador Executivo para que fora avaliado pola Executiva do Partido e posteriormente debatido en xuntanza da Mesa Nacional. O debate non chegou a producirse en ningún momento.

O xurdimento do conflito.

Despois de todo isto, a dinámica do Partido comezou a esmorecer. O número de asistentes ás reunións tanto da Comisión Executiva Nacional e da Mesa Nacional. A actividade da Organización era rutinaria ou inexistente.

Chegado este punto, a finais de maio, o compañeiro Xoán Bascuas redacta un documento orientado a recuperar o terreo de xogo no BNG e a reactivar o Partido. Nunha liña semellante, a compañeira Charo Fernández redacta outro de idénticas características. Ante as coincidencias na liña argumental e nas propostas, deciden sintetizar ambos os dous escritos nun só para o seu debate na Mesa Nacional. O compañeiro Xoán Rama elabora outro diferente tanto nas solucións como na reflexión de partida. Os primeiros formulan a necesidade de abrir un debate co BNG e as súas sensibilidades; a celebración do 15º aniversario do Partido e o desenvolvemento dunha Asemblea Nacional para reflotar a organización. Xoán Rama propuña a celebración do 15º aniversario e unha Conferencia Nacional, así como a remodelación da Comisión Executiva, ante a crecente desafección por parte dalgúns dos membros que fan parte da mesma.

Despois dun intenso debate dos documentos en xuntanza da Mesa Nacional do 29 de xuño de 2007, acordouse que ambas as dúas partes chegaran a un punto de confluencia reflectido nun único documento de acordo1.

A pesar das dificultades e da distancia cada vez maior entre as partes, na reunión da Mesa Nacional do 13 de xullo chegouse a un acordo de mínimos, que contou cun apoio notablemente maioritario dos e das membros da Mesa Nacional: a celebración do XV aniversario do Partido sería un acto de contido unicamente político; daríaselle continuidade ao diálogo coa Alternativa; procederíase a manter conversas coas outras partes do BNG e coa súa dirección coas cautelas necesarias; e en maio de 2008 tería lugar a vindeira Asemblea Nacional, a non ser que as condicións políticas indiquen o contrario2.

No mes de xullo, o entón Secretario Nacional, encárgalle a Xoán Bascuas que elabore un documento para o seu debate na Comisión Executiva Nacional e posteriormente na Mesa Nacional do Partido, coa encomenda de que que antes de que chegue á Executiva el terá que darlle o visto e prace. Este documento é trasladado ao Secretario Nacional a inicios de agosto e dalle o seu visto e prace para o primeiro debate.

Ata o 14 de setembro non se volve a reunir a Mesa Nacional. A pesar de que na anterior reunión se producira un acordo satisfactorio, nesta xuntanza trátase unha proposta do Secretario Nacional de remodelación da Comisión Executiva, tal e como Xoán Rama viña solicitando. Cómpre mencionar que o Secretario Nacional non acudira á reunión do 13 de xullo, co cal non podía coñecer de primeira man o desenvolvemento do debate nin nas condicións en que aquel se producira. A pesar de que se solicita que a proposta do Secretario Nacional sexa sometida a votación secreta, este prodúcese a man alzada, e prospera. Entre outros cambios significativos, os redactores do documento autocrítico son ou ben mudados da súa responsabilidade ou ben "liberados" delas; pola contra incorpáranse compañeiros da máxima confianza de Xoán Rama3.

A inicios do mes de outubro reúnese a Comisión Executiva Nacional do Partido para debatir o documento para o diálogo coas outras partes do BNG que lle fora encargado a Xoán Bascuas; isto é, dous meses despois de que o Secretario Nacional dera o seu visto e prace para o seu traslado ao debate. En ningún momento lle foran achegadas emendas ao redactor ata o mesmo día da reunión. O desenvolvemento do debate implica a aprobación de todas as emendas presentadas, deturpando o sentido inicial do documento. Xa que logo, Xoán Bascuas anuncia que na reunión da Mesa Nacional na que se vaia debatir o documento en cuestión, el presentara a redacción orixinal a modo de voto particular.

Finalmente, na xuntanza da Mesa Nacional do 26 de outubro semella que se pode pechar o debate iniciado no mes de maio, sometendo a discusión cal é a estratexia do Partido para co BNG e as súas partes. Nesta reunión, como cuestión previa, o Responsábel Comarcal de Compostela solicita a incorporación doutro membro á Mesa Nacional, xa que a súa Asemblea superou os 50 filiados. O entón Secretario Nacional de Organización pon en tela de xuizo que se teñen alcanzado tal cifra e solicita que se pospoña a súa incorporación como membro da Mesa Nacional. O debate resólvese en votación secreta co resultado de 17 votos a favor da súa incorporación, 11 en contra e 1 abstención. A continuación, antes de iniciar o debate sobre o documento a tratar, o compañeiro Alberte Xullo Rodríguez Feixóo presenta a súa demisión irrevocábel como Secretario Nacional; por ligazón persoal, tamén o fai Antonio Oca como Presidente; Xoán Rama demite como Coordenador da Executiva Nacional e como representante do Partido do Consello Nacional do BNG; síguenlle Xosé Chorén, Cesar Pazos, Natalia Costas e Xabier Freire. Chegado a este punto, abandonan a reunión, seguidos por outras persoas. Con todo a xuntanza da Mesa Nacional continúa4.

Nestas circunstancias, véndose a necesidade de que se recobre unha certa unidade nuns mínimos de actuación, Xoán Bascuas proponlle a Alberte Xullo Rodríguez Feixóo que a seguinte convocatoria da Mesa Nacional se faga recurrindo a sinatura de máis dun tercio dos membros da Mesa Nacional, co fin de que el aporte nomes para a convocatoria. Isto fai que se vaia adiando sucesivamente a reunión da Mesa Nacional ata o 30 de novembro. Dada a importancia desta xuntanza, reprodúcese aquí a acta completa.

Mesa Nacional do 30 de novembro de 2007.

"0. Cuestión previa.

Con anterioridade ao desenvolvemento da reunión Xoán Bascuas e Alberte Xullo Rodríguez Feixóo explican cómo se chegou á convocatoria da Mesa Nacional, recurrindo á previsión estatutaria (capítulo IV, artigo 6) que implica que a Mesa Nacional pode ser convocada extraordinariamente a petición dun terzo dos seus membros. Valorouse a pertinencia de que, dada a situación actual, a convocatoria estivera participada polo maior número de membros da Mesa Nacional, o cal fixo que a reunión teña lugar moito máis tarde do inicialmente previsto.

Seguidamente Xoán Bascuas propón que, ante a ausencia de Secretario Nacional, de Presidente e de Coordenador Executivo, a reunión sexa moderada por Antonio Oca e que a acta sexa levantada por el proprio. A proposta é aceptada por asentimento unánime.

  1. Leitura e aprobación, se procede da acta anterior.

O anterior Secretario Nacional de Organización dá lectura da acta por el redactada que alcanza até o momento en que se produciron as demisións e os posteriores abandonos da reunión. Esa parte da acta apróbase por asentimento unánime unha vez subsanada algunha deficiencia menor. Posteriormente, Xoán Bascuas procede á lectura da acta correspondente ao resto do desenvolvemento da reunión da Mesa Nacional. Esta parte da acta acta tamén se aproba por asentimento unánime.

  1. Funcionamento do organismo de dirección do Partido.

Antonio Oca dá conta de que os Estatutos do Partido no seu capítulo IV, artigo 7 sinalan que a vacante do Secretario Nacional será coberta até a celebración da Asemblea, por decisión da Mesa Nacional, por maior de 2/3. Pregunta aos eás membros da Mesa Nacional se existe algunha proposta para Secretario Nacional. O compañeiro Andrés Núñez Rajoy proponse a si propio como candidato á Secretaria Nacional. O moderador da reunión permítelle facer unha intervención para a defensa da súa candidatura. Posteriormente procedese á votación secreta da súa candidatura co seguinte resultado: 14 votos a favor, 19 en contra e 10 en branco. Dado que non se supera a maioría cualificada dos 2/3 requeridos, non se aproba a proposta.

Francesco Traficante solicita información sobre o dereito de voto de Manuel Lourido e de Carlos Aguiar. Respóndese que Manuel Lourido e Carlos Aguiar son membros de pleno dereito da Mesa Nacional xa que o primeiro foi eleito coordenador distrital de Lugo recentemente, mentres que o segundo foi eleito tamén recentemente Secretario Comarcal de Lugo. Esta resposta suscita varias dúbidas. A primeira formulada polo propio Francesco Traficante e por Xosemaría Rodríguez, que argumentan que a figura do Coordenador distrital non está recollida nos estatutos da V Asemblea Nacional. Vítor Martíns fai referencia aos da IV Asemblea Nacional para facer valer a súa vixencia. Deste debate, conclúese que a figura do coordenador distrital segue vixente, aínda que non se tivera feito no seu momento a pertinente adaptación nos textos da V Asemblea Nacional.

A outra dúbida é formulada por Xoán Bascuas, sobre o dereito de voto de Eloi Caldeiro, anterior Secretario Comarcal de Lugo. O propio Eloi Caldeiro argumenta que el nunca demitiu como membro eleito directamente na lista da Mesa Nacional. A isto, o propio Xoán Bascuas replica que os membros elexidos directamente na Asemblea Nacional que pasaran a ser Secretarios Comarcais entendíanse demitidos automaticamente, sen necesidade dunha renuncia expresa,feito que ademais ten motivado a incorporación de suplentes como membros da Mesa Nacional. Con todo, Xoán Bascuas formula que se lle dé continuidade ao debate, dado que entende que o importante é a resolución do problema na esperanza de que non se teña que chegar a votación.

Retomado o debate, Alberte Xullo Rodríguez Feixóo propón a creación dunha comisión xestora homoxénea até a celebración da Asemblea Nacional, argumentando que esta figura existe en todas as organizacións políticas, e que pode contribuir a xerar serenidade e a reducir a tensión existente. Engade que a actual Comisión Executiva Nacional carece de toda a lexitimidade, xa que demititu o Secretario Nacional, que é quen realizou a proposta da mesma.

Rosario Fernández sostén que a figura da comisión xestora non esta prevista nos estatutos do Partido, que existe unha Comisión Executiva Nacional vixente, que goza da lexitimidade de ter sido aprobada pola Mesa Nacional no seu momento, independentemente das posteriores demisións. Propón a continuidade da Comisión Executiva Nacional até a próxima Asemblea Nacional, coa correspondente fiscalización da súa actuación por parte da Mesa Nacional, e que na presente reunión da Mesa Nacional saia un calendario de reunións da mesma, asi como das actividades a desenvolver até a vindeira Asemblea Nacional.

A estas dúas liñas argumentais súmanse outras intervencións.

Visto que non se chega a acordo, o moderador da reunión propón que se proceda a votación secreta sobre a continuidade da actual Comisión Executiva Nacional ou sobre a creación dunha comisión xestora homoxénea. Efectuada a votación o resultado foi o seguinte: A favor da continuidade da Comisión Executiva Nacional: 22 votos; a favor da creación dunha comisión xestora: 22 votos; en branco:0.

Dado este resultado ten lugar un debate sobre o seu significado. Manoel Bello entende que, dado que a Comisión Executiva Nacional está vixente, e que a proposta de comisión xestora non superou en votos a proposta de continuidade da Comisión Executiva Nacional, seguindo o procedemento de debate asemblear, debe darse por boa a continuidade do existente; isto da Comisión Executiva Nacional.

O moderador entende que, dado este resultado, a resposta nunca sería o suficientemente satisfactoria e polo tanto solicita un receso para que se poda negociar entre Rosario Fernández e Alberte Xullo Rodríguez Feixóo a constitución dunha comisión composta por 8 persoas, catro de cada parte en conflito. Ante isto, Xoán Rama solicita que a proposta de persoas a constituir esa comisión se faga na vindeira reunión da Mesa Nacional.

A proposta de Antonio Oca, a Mesa Nacional fica autoconvocada para o vindeiro venres, 14 de decembro, ás 20:00 horas no Restaurante "Paz Nogueira", en Compostela.

Xoán Rama propón que ningún membro da Mesa Nacional participe no EN-Grupo. Aprobase por asentimento unánime."

Durante os primeiros dez días do mes de decembro Charo Fernández intenta acordar con Alberte Xullo Rodríguez Feixóo algunha reunión para restablecer o diálogo, o cal resulta imposíbel. E neste contexto, achégase o día 14. cunha semana de antelación, Xoán Bascuas fai o acordante aos membros da Mesa Nacional da autoconvocatoria da Mesa Nacional, ao cal Xoán Rama alega a imposibilidade de dispoñer de espazo no Restaurante "Paz Nogueira". Isto é replicado polo propio Xoán Bascuas, xa que foi el mesmo quen xestionou a reserva no local. Pasados uns días, é o propio Alberte Xullo Rodríguez Feixóo quen advirte que non vai acudir argumentando que non se chegou a acordo algún, ante o cal non ten sentido a xuntanza da Mesa Nacional. Como se pode apreciar, a convocatoria da Mesa Nacional ficou claramente recollida en acta. Ninguén formulou ningún matiz, ningunha observación, ningunha pexa. Pois ben, os compañeiros e compañeiras que apoian as posicións de Alberte Xullo Rodríguez e Xoán Rama deciden non acudir. Con todo a reunión ten lugar igualmente, efectuándose algunhas modificacións na asignación de responsabilidades da Comisión Executiva Nacional vixente5. Obsérvese que a pesar do elevado grado de acordo dos asistentes á Mesa Nacional, non se propón a posibilidade de nomear un Secretario Nacional (o artigo 8, do capítulo IV dos estatutos determina que a súa vacante pode ser coberta "até a celebraciónda Asemblea, por decisión da Mesa Nacional, por maioría de 2/3"). Isto non se chegou a formular, xa que podería ser entendido como unha fenda definitiva para a Organización. Mesmo se propón a incorporación á Executiva de Francisco Neves e de Andrés Núñez co obxectivo de que puideran servir de pontes ante a otra parte da Mesa Nacional.

Na súa cualidade de Secretario Nacional de Organización, Xosé Ramón Paz envía convocatoria por correo electrónico o 9 de xaneiro aos membros da Mesa Nacional para que se reúna o 18 de xaneiro no Restaurante Paz Nogueira, ás 20:00. A resposta da outra parte da Mesa Nacional non se fai esperar. O día 10 de xaneiro, reunido o tercio de sinaturas preceptivo para a convocatoria da Mesa Nacional, convocan para o mesmo día, á mesma hora, no Restaurante "Larada". Posteriormente, con mataselos de Vigo dos días 15 e 16 de xaneiro, recíbese a mesma convocatoria por correo electrónico (xa que logo, nos respectando o prazo preceptivo dos sete días). Dito de outro modo, están dispostos a abrir unha guerra ao respecto da legalidade e da lexitimidade en relación á dirección da Organización. Ata tal punto de que, pasados os días, e vulnerando o acordo maioritario da Mesa Nacional da Mesa Nacional do 13 de xullo, deciden unilateralmente adiantar a celebración da Asemblea Nacional para finais de marzo. Isto é, están dispostos a que o proceso preasemblear se desenvolva en pleno período electoral.

A modo de conclusión.

Como se pode comprobar ao longo deste prolongado relatorio de acontecementos, Xoán Rama e os que o apoian están decididos a que non se producira ningún cambio en Esquerda Nacionalista. Non se chegou a debatir nunca na Mesa Nacional ningunha posibilidade de cambio na estratexia política do Partido. É máis, asociouse calquera posibilidade "de cambio na mensaxe, no método e nas persoas" (tan solicitado para o BNG) á destrución do Partido. Os que entendiamos que era necesario retomar o diálogo coa dirección do BNG fomos acusados de entregados a Anxo Quintana, de querer poñer "cabezas en bandexas de prata" en mans do Portavoz Nacional do BNG.

1 Mesa Nacional do 29 de xuño de 2007.

"3. Información do BNG e de EN.

O Coordenador da Comisión Executiva Nacional procede a explicar cal é a situación actual que está a atravesar o Partido, así como os diferentes conflitos que se teñen producido nos últimos meses.

4. Debates das propostas para o debate da Mesa Nacional do Partido.

Previo ao inicio do debate procédese a informar que o documento elaborado inicialmente por Xoán Bascuas foi retirado ao chegarse a un acordo para a presentación dun documento conxunto con Charo Fernández Velho. Xoán Rama presenta outro documento.

Tras o debate acórdase:

Que os redactores dos dous documentos procuren elaborar un único documento consensuado, que deberá estar preparado para a vindeira reunión da Mesa Nacional. Esta terá lugar o vindeiro 6 de xullo ou o 13 de xullo".

2 Mesa Nacional do 13 de xullo de 2007.

"3. Debate das propostas para o debate da Mesa Nacional do Partido.

Ante a imposibilidade de chegar a un acordo previo á reunión da Mesa Nacional, abrese un debate seguindo as pautas establecidas na xuntanza na Comisión Executiva Nacional que tivo lugar con anterioridade. Deste xeito, o debate é moderado polo Presidente do Partido, Antonio Oca.

Xoán Rama fai unha defensa inicial do seu documento durante dez minutos.

Xoán Bascuas tamén fai uso do mesmo tempo para defender as propostas do documento elaborado por Charo Fernández Velho e por el propio.

Feita esta introdución procédese á intervención de diferentes membros da Mesa Nacional.

Remata o debate cunha intervención de Xoán Bascuas e outra de Xoán Rama.

Ante a imposibilidade de alcanzar acordo, o Presidente suxire que se ambas as dúas partes se reunan durante uns minutos mentres se fai un receso da reunión.

Pasados uns minutos, trasladase unha proposta única ás e aos membros da Mesa Nacional, que fica como segue:

Proposta: a celebración do XV aniversario do Partido será un acto de contido unicamente político; daráselle continuidade ao diálogo coa Alternativa; procederase a manter conversas coas outras partes do BNG e coa súa dirección coas cautelas necesarias; e en maio de 2008 terá lugar a vindeira Asemblea Nacional, a non ser que as condicións políticas indiquen o contrario.

Votación: 27 votos a favor, 5 abstencións, ningún en contra."

3 Mesa Nacional do 14 de setembro de 2007.

"2. Organización e finanzas.

2.1. Remodelación da Comisión Executiva Nacional.

O Secretario Nacional, Alberte Xullo Rodríguez Feixóo, realiza unha nova proposta de Comisión Executiva Nacional do Partido, incorporando novas persoas, dando cumprida conta das baixas na mesma de Ánxeles Fernández e de Manuel Portas, e ao mesmo tempo facendo cambios nas responsabilidades asignadas. Sen contar as figuras de Secretario Nacional, Presidente Nacional e Coordenador da Comisión Executiva Nacional, a proposta realizada fica do seguinte xeito: Secretario Organización, Xavier Freire; Secretario de Finanzas: Xosé Chorén; Secretario de Relacións Insitucionais, Xoán Bascuas; Secretario de Iniciativas Políticas, Vítor Martíns; Secretario de Comunicación, César Pazos; Secretaria de Muller, Zeltia Martínez, Secretario de Filiación, Manoel Bello; Secretaria de Acción Social, Natalia Costas; Secretario de Mocidade, Alberte Vila; sen responsabilidades concretas asignadas, Charo Fernández Velho e Ramón Paz Antón.

Procédese a un debate sobre a proposta, basicamente en torno ás motivacións dos cambios.

Unha vez que se vai proceder á votación da proposta, o compañeiro Francesco Traficante solicita que sexa secreta, apelando a que os Estatutos do Partido determinan a que toda votación que afecta a persoas sexa secreta. Nese momento iniciase un novo debate sobre a existencia desa norma, que se resolve solicitando ao compañeiro que indique en que artigo dos Estatutos está recollido que o procedemento sexa asi. Deste xeito, dase lugar á votación co seguinte resultado:

Votos a favor da proposta do Secretario Nacional, 13 votos; votos en contra, 4 votos; abstencións, 3 votos. Xa que logo, fica aprobada a proposta.

  1. Organización.

O Secretario de Organización, Xoán Bascuas, dá conta dos resultados da busca dun local para Sede nacional do Partido en Compostela. Comunica a valoración realizada pola Comisión Executiva Nacional sobre as dificultades de finanzamento existentes.

O Secretario de Filiación, Manoel Bello, comunica os últimos deprazamentos realizados para incorporar a novos e novas militantes ao Partido. Asemade, informa das altas producidas desde a pasada xuntanza Mesa Nacional."

4 Mesa Nacional do 26 de outubro de 2007.

" Unha vez que os compañeiros que acaban de presentar a súa demisión da Comisión Executiva Nacional abandonan a reunión, acompañados por outros compañeiros da Mesa Nacional, continúase coa xuntanza da Mesa Nacional.

Os compañeiros e compañeiras que permanecen na xuntanza acordan que actúe como moderador o compañeiro Xaquín de Acosta e que Xoán Bascuas se encargue da redacción da acta.

Procédese a un debate sobre cómo se debe actuar a partir deste momento. Acórdase convocar outra reunión da Mesa Nacional á maior brevedade posíbel, polo procedemento establecido estatutariamente, que implica contar alomenos coa sinatura dun tercio dos membros da Mesa Nacional. Tamén se acorda que o tema de debate sexa o sistema de funcionamento da dirección do Partido até a celebración da Asemblea Nacional prevista para o mes de maio de 2008."

5 Mesa Nacional do 14 de decembro de 2007.

3. Debate de situación. Funcionamento do organismo de dirección do Partido.

Na súa cualidade de moderador, Antonio Oca explica a valideza da presente convocatoria, froito do acordo da anterior xuntanza da Mesa Nacional. A pesar das tentativas de botar abaixo esta convocatoria, non hai ningún argumento que poda dar por entendido que non se pondera desantender o acordo do órgano máximo entre Asambleas Nacionais do Partido. Conclúe a súa intervención explicando que a reunión de hoxe debe estar encamiñada a deseñar unha folla de ruta de hoxe até a Asemblea Nacional.

Charo Fernández explican as distintas tentativas de diálogo iniciadas desde o pasado 30 de novembro, atopándose con falta de resposta ou negativas. Nos días 5 (coincidindo coa reunión ordinaria da Comisión Executiva Nacional do BNG), 7, e 10 de decembro houbo invitacións por parte de Charo Fernández a Alberte Xullo Rodríguez para falar (mesmo ofrecéndose a desprazarse a Lugo). Xa que sempre se tivo a negativa por resposta, a negociación foi inexistente.

Feita a rolda de intervencións por parte das e dos presentes sométense a votación segreda as seguintes propostas cos seguintes resultados:

Proposta de continuidade das persoas que na actualidade fan parte da Comisión Executiva Nacional: 19 votos a favor, 0 en contra, 1 voto en branco.

Proposta de incorporar á Comisión Executiva Nacional do Partido a Francisco Neves Rajo e de Andrés Núñez Raxoi: 17 votos a favor, 2 votos en branco, 0 en contra.

Proposta de asignar as responsabilidades de Organización a X.osé Ramón Paz Antón, e a de finanzas a Charo Fernández Velho: 19 votos a favor, 0 en contra, 0 en branco.

¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 43 comentarios

43 palestinavencerá

Eu estiven na cea e había bastante mais de cincuenta persoas, claro que non eran todos das mocidades, se queres saber o que queremos argallar, acude o 10 de maio á nosa asamblea.

42 perez

e as xornadas que armaron casualmente en Betanzos este fin de semana os de EN-Mocidade? Se na prensa dixeron que eran 50 serían a metade pero que argallarían alí?

41 anónimo

roi, o poema non era de Bretch, era unha homilía dun cura protestante, Martin Niemöller, por moito que lle foda aos esquerdistas:

"Cuando los nazis vinieron a llevarse a los comunistas,
guardé silencio,
porque yo no era comunista,

Cuando encarcelaron a los socialdemócratas,
guardé silencio,
porque yo no era socialdemócrata,

Cuando vinieron a buscar a los sindicalistas,
no protesté,
porque yo no era sindicalista,

Cuando vinieron a llevarse a los judíos,
no protesté,
porque yo no era judío,

Cuando vinieron a buscarme,
no había nadie más que pudiera protestar."

40 roi

Mavera somentes é un probe home. Tampouco se dedes mais importancia. Pronto lembrará ao poema de Bertol Brech, e cando vaian a por ele non ficará nadie, porque de tódolos demais xa se foi desfacendo. Agora son 4 e o tambor e so teñen o apoio da embaixada israelí

39 Esmendréllome

Logo será un "señor escuro". De onde saíu este tipo?