O Grupo Zendal faise co 100% da farmacéutica Maymó coa que aumenta a súa expansión

Con esta nova acción empresarial xa son oito as firmas integradas baixo o paraugas de Zendal.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/02/2023 | Actualizada ás 13:38

Comparte esta noticia

O Grupo Zendal pechou un acordo para a adquisición da empresa catalá Laboratorios Maymó, SA. Así, a farmacéutica con sede no Porriño (Pontevedra) crece no mercado zoosanitario ao facerse cargo da totalidade desta empresa, despois de que o pasado ano mercase o 46 por cento das súas accións.

Traballador do Grupo Zendal nun laboratorio.. GRUPO ZENDAL
Traballador do Grupo Zendal nun laboratorio.. GRUPO ZENDAL

Agora, Zendal asume o control efectivo de Maymó, integrada pola citada matriz catalá, Laboratorios e Industrias IVEN SA, con sede en Madrid, e a súa filial mexicana Mayvet SA con capital variable.

Con esta nova acción empresarial xa son oito as firmas integradas baixo o paraugas de Zendal. Segundo explica a empresa galega nun comunicado, estas diferentes divisións "permítenlle desenvolver diferentes proxectos enfocados á investigación, desenvolvemento e fabricación de produtos biolóxicos e farmacéuticos" tanto en saúde animal como humana.

Máis polo miúdo, o grupo que dirixe Andrés Fernández confía en que estas incorporacións o sitúen "nunha boa posición" no mercado zoosanitario, unha estratexia reforzada polo traballo desenvolvido nos Laboratorios Ovejero (León), tamén integrados dende o ano 2021.

Maymó conta con 16.000 metros cadrados en Castellbisbal (Barcelona), unha planta na que se producen medicamentos para animais de produción en diferentes formas farmacéuticas, entre inxectables, solucións orais, nutrición e desinfectantes.

Trátase dunha empresa familiar fundada en 1929 polo doutor Josep Maymó e con presenza en máis de 25 países. Zendal garante que a familia Maymó "manterá a súa presenza" no grupo dado "ou moito que poida contribuír á súa traxectoria profesional, ao proceso de integración e á evolución futura".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta