Por Galicia Confidencial | Ourense | 15/01/2015 | Actualizada ás 10:00
A revolución no sector sanitario público galego semella que, lonxe de remitir, vai a máis, sobre todo, polas continuas denuncias de colapso que sofren os hospitais públicos galegos. Unha situación que a Xunta tentou atallar informando sobre o número de mortes de gripe en Galicia, nove,mentres que hai 177 persoas ingresadas por estas patoloxías.
De feito, o aumento de casos de gripe A foi o argumento que deu, desde un primeiro momento, tanto o Sergas, como o presidente galego para explicar os colapsos sanitarios. Uns colapsos que para sindicatos, asociacións e traballadores ten que ver cos recortes que está sufrindo a sanidade pública.
Por iso, e para contrarrestar estas críticas que xa chegan desde todos os recunchos, o Sergas tiraba dos datos dos mortos por gripe para tentar acalar as críticas. Así, suliñaba que o informe epidemiolóxico desta segunda semana de 2015 -que abarca até o pasado día 11- establece que durante este período contabilizáronse un total de 28 casos novos de gripe. Polo momento, 49 persoas permanecen ingresadas nalgún dos centros hospitalarios da Comunidade, e, deles, o 18% necesita asistencia na Unidade de Coidados Intensivos (UCI). Con todo, o propio informe suliña que esta cifra "entra dentro dos valores esperados".
A pesar diso, o Sergas informa de que as chamadas rexistradas no 061 por gripe continúan "aumentando", aínda que nos últimos días obsérvase unha tendencia "máis discreta", e, por quinta ocasión consecutiva, establécese "unha intensidade media". Por provincias, a cifra elévase en Lugo e Ourense, e mantense estable na Coruña e en Pontevedra.
Estes datos facíanse públicos ao mesmo tempo que facultativos de Medicina Interno do Complexo Hospitalario de Ourense (CHUO) xunto a persoal sanitario e centrais sindicais, denunciaban diante da entrada de Urxencias o "colapso asistencial" e o "sobre-aforamento" do hospital ourensán nos últimos días, unha situación que se viu agravada pola diminución de persoal, que se reducido "nun 30%".
Cunha pancarta que rezaba "Pola dignidade e integridade dous pacientes en Urxencias", un centenar de facultativos, persoal sanitario e sindical, concentráronse durante preto de media hora contra a situación do centro hospitalario. A berros de "Eloína, dimisión", en alusión á xerente da xestión integrada dos hospitais de Ourense, Verín e Valdeorras, Eloína Núñez, curmá do presidente da Xunta, os profesionais rodearon a rotonda de entrada ao hospital e pediron o seu cesamento, en sinal de protesta polo colapso asistencial, o que afectou momentaneamente ao tráfico.
Isto obrigaba á xerencia de xestión integrada dos hospitais de Ourense, Verín e Barco de Valdeorras a remitir un comunicado no que defendía a calidade asistencial e a suliñar, que a pesares do colapso, o persoal médico está "dimensionado" e isto provocou o incremento da actividade cirúrxica e atención de pacientes tanto urxentes como programados, no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO).
“A asistencia está plenamente garantida, a pesar da alta demanda asistencial que vén rexistrado estes días, derivada da incidencia na saúde da poboación do repunte da onda de gripe", apuntou.
Precisamente, hai uns días neste mesmo centro as supervisoras mandaron facer camas para os pacientes que tiñan que ingresar na UPI, unidade de pre-ingreso, “con roupa sucia, mandando ao persoal escollela directamente dos sacos que ían a lavar”, segundo informou persoal sanitario a GC.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.