Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/03/2023 | Actualizada ás 22:00
Quen ten a razón cando se fala da situación económica de Galicia?. Esta semana, precisamente, tanto a Xunta como o Abanca-Foro de Coxuntura Económica daban a coñecer datos sobre a situación económica do país que diferían bastante e, de feito, tiñan poucas coincidentes. Así, mentres a previsión do Goberno galego é moi optimista, a de Abanca-Foro é moito máis prudente e fala de "desaxustes" na economía.
Este xoves, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, defendñia como "feito obxectivo" que Galicia alcanzou en 2022 o nivel de PIB previo á pandemia .Así, aludiu a un informe da Consellería de Facenda que destaca que a economía galega creceu o pasado ano 2022 un 3,8%, dúas décimas por encima do cadro macroeconómico de Galicia.
Rueda destacou que este documento revela que Galicia logrou alcanzar o nivel PIB previo á pandemia antes do final de 2022, mentres que o conxunto estatal aínda non logrou este obxectivo e farao, segundo as previsións, nos próximos trimestres.
"DESAXUSTES"
Por outra banda, o indicador Abanca-Foro de Conxuntura Económica de Galicia rexistrou en decembro un incremento interanual do 1,2%, catro décimas por baixo da taxa de novembro. Este descenso "confirma a tendencia á baixa" na actividade económica, que se iniciou a finais do verán, cando alcanzara o máximo, do 3,2%.
O ano termina "evitando a recesión" que se temía, segundo sinala o Foro, pero a comparación cos datos do conxunto estatal "confirma un desaxuste" nos seus ritmos de crecemento, "mostrando España un mellor comportamento que Galicia".
Esta evolución, segundo destaca, "permite á economía galega quedar ás portas de recuperar os valores anteriores á pandemia". "De seguir, a ansiada recuperación nos niveis prepandémicos sería alcanzada no primeiro trimestre de 2023", apunta. En calquera caso, asume a "incerteza internacional", que segue "moi presente" e afecta á confianza dos consumidores e á evolución de sectores "chave" como o industrial.
EXPLICACIÓN
Preguntado sobre estes datos, Rueda dixo que o avance da economía galega "é un feito obxectivo" "Outra cousa é a desaceleración que se pode estar a producir nestes últimos meses do ano", sinalou o presidente, preguntado polo último indicador Abanca-Foro de Conxuntura Económica de Galicia.
Para Rueda, a guerra de Ucraína provoca a "retardación" dos mercados exteriores, o que "inflúe" no comportamento económico. "Igual que saímos antes da crise, agora o crecemento pode ser mais débil", apuntou o presidente, que tamén destacou do informe de Facenda o crecemento do emprego do 2,2% no global de 2022, cunha recuperación dos postos de traballo a tempo completo que había antes da pandemia.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.