Verdegaia asistirá á manifestación que se celebrará en Noia contra a reapertura da mina de San Finx en Lousame

Os ambientalistas reclaman drenar as balsas de augas con residuos para non contaminar os ríos que desembocan no Ulla e na ría de Muros e Noia.

Por Galicia Confidencial | Santiago | 02/03/2023 | Actualizada ás 21:08

Comparte esta noticia

A asociación Verdegaia apoia a manifestación do sábado 4 de Marzo, ás 11 da mañá na Alameda de Noia, contra as verteduras da balsa de agua da Mina de San Finx. Súmase á convocatoria realizada polo sector do mar na ría de Muros-Noia co apoio de confrarías de pescadores e mariscadores e outras organizacións do sector.

Muro contención balsa San Finx
Muro contención balsa San Finx | Fonte: Contraminacción

Verdegaia xunto con outras organizacións ecoloxistas e sociais veñen denunciando en reiteradas ocasións a situación da balsa de residuos mineiros da Mina de San Finx debido á perigosidade que os materiais alí depositados poidan ter para o ambiente en caso de ser vertidos á ría.

Augas de Galicia autorizou a principios de febreiro á empresa Tungsten San Finx, S.L. para baleirar un total de 889.885 metros cúbicos de “augas residuais depuradas” ao río Pesqueiras, o tamén coñecido como rego das Rabaceiras, cuxa corrente acaba chegando á ría de Muros e Noia. Trátase das augas acumuladas na mina de volframio de San Finx en Vilacova (Lousame), que a empresa quere poder volver explotar.

Estes vertidos afectarán ao val fluvial e acabarán irremialemente no mar. Os ecoloxistas denuncian xa desde hai tempo o estado das balsas no que o material depositado é perigoso para a saúde humana e ambiental. Denuncian tamén o estado de deterioro das balsas sendo necesaria unha intervención inmediata nas mesmas, o que nunca debe implicar a liberación do seu contido ao ambiente. Segundo os ambientalistas, é necesario drenar as balsas e tratar corectamente os materiais alí depositados como debe especificar no Plan de recuperación mineira que a administración ten que aprovar para conceder os permisos de explotación.

As aguas residuais que a mineira pretende verter á bacía fluvial superan os límites fixados nas normas de calidade ambiental para cadmio, cobre e zinc, metais pesados bioacumulábeis, tal e como demostran as analíticas presentadas por Augas de Galicia. Ademais o estudo encargado pola Confraría de Noia, realizado polo doutor en Xeofísica pola Universidade de Cornell, Steven H. Emerman, alerta das deficiencias no estudo dos niveis de contaminantes existentes e evidencia o fracaso da proba piloto na que se basea a planta de tratamento de augas de mina aprobada, que non conseguiu controlar os niveis de cinc e que resultou en concentracións de cadmio e cobre, moi por cima dos valores máximos permitidos para estes metais pesados tóxicos.

Verdegaia vén denunciando desde hai anos a situación desta mina, sendo contínuas as alegacións, denuncias legais e públicas das irregularidades cometidas tanto pola empresa como polas administracións públicas. O noso último paso a denuncia ante o Comité de Cumprimento da Convención de Aarhus a vulneración do dereito de acceso á xustiza en materia de medio ambiente.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta