'Detrás do espello', a pegada de Galicia en 50 figuras como Einstein, Buñuel, Lorca ou Hemingway

A exposición poderá visitarse ata o 11 de xuño no Museo Centro Gaiás

Por E.P. | Santiago de Compostela | 06/03/2023 | Actualizada ás 18:56

Comparte esta noticia

A pegada que deixou Galicia na vida e obra de medio centenar de grandes figuras da cultura universal, como García Márquez, Albert Einstein, Ernest Hemingway, Luis Buñuel, Federico García Lorca, Julio Cortázar ou Isabel Coixet é o fío condutor de 'Detrás do Espello', unha exposición que poderá visitarse ata o 11 de xuño no Museo Centro Gaiás.

Trátase dun proxecto expositivo comisariado polo músico Antón Reixa e polo comunicador e xestor cultural Xosé Luis García Canido, composto por unhas 300 pezas, a maior parte documentos, carteis, fotografías, cartas ou manuscritos, así como unha vintena de audiovisuais e unha reducida mostra de obxectos simbólicos, como a gaita e o Premio Gammy do músico irlandés Paddy Moloney ou unha instalación artística de Hamish Fulton.

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, participou este luns na inauguración desta proposta cultural, un acto no que convidou ao público a achegarse a "pezas insólitas sobre Galicia que crearon auténticas iconas dos séculos XX e XXI".

PEZAS SIMBÓLICAS

En 'Detrás do espello', o público poderá contemplar por primeira vez pezas históricas como o asubío de José María Rodríguez, un anónimo capador de Nogueira de Ramuín que nos anos 50 foi gravado polo folclorista estadounidense Alan Lomax e que inspiraría a Miles David para a súa peza 'The pan piper'.

Tamén forman parte da selección da mostra algunhas das primeiras imaxes a cor que se conservan de Galicia, tomadas en 1917 polo fotógrafo frandés Georges Chevalier para o proxecto 'Arquivo do Planeta', ou obras icónicas como o diario manuscrito no que o escritor austríaco Stefan Zweig dá conta da súa visita a Vigo pouco despois do golpe franquista, que está por primeira vez en España.

Fotografías doutros grandes nomes da literatura que visitaron Galicia, como García Lorca, García Márquez, Cortázar ou Graham Greene, audiovisuais asinados por Isabel Coixet, León de Aranoa ou José Luís Cuerda, imaxes de Sebasiao Salgado, Susan Meiselas, Cristina García Rodero ou Anna Turbau están tamén incluídas nesta mostra.

Detrás do espello
Detrás do espello

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta