Unanimidade para reclamar melloras na liña Feve e que Ferrol conte cun polo de desenvolvemento de renovables

Por contra, a iniciativa do BNG sobre o desenvolvemento da eólica mariña en Galicia foi rexeitada

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/03/2023 | Actualizada ás 14:48

Comparte esta noticia

A totalidade do hemiciclo no Parlamento de Galicia mostrou o seu apoio a demandar á Xunta o cumprimento da promesa relizada hai anos para pór en marcha dun polo de investigación e desenvolvemento vinculado ás enerxías renovables na cidade de Ferrol, final da liña de ferrocarril de ancho métrico para a que os grupos tamén reclamaron melloras.

As dúas demandas partiron do pleno da Cámara galega celebrado este mércores no Pazo do Hórreo, no que foron aprobadas dúas iniciativas presentadas polo Grupo Popular (trens Feve) e o socialista (polo de renovables en Ferrol).

Ambas as proposicións non de lei vinculadas á cidade naval saíron adiante co apoio do tres grupos con representación no Lexislativo autonómico (PP, BNG e PSdeG). Por contra, a iniciativa do BNG sobre o desenvolvemento da eólica mariña en Galicia --debatida na sesión vespertina do martes-- foi rexeitada cos votos en contra de populares e socialistas.

Deste xeito, a Cámara fixo súa a proposta do grupo maioritario sobre a liña de ancho métrico, coñecida como Feve, presentada por mor dos problemas xurdidos no deseño dos trens, que provocou o atraso da súa entrega ata dentro de tres anos.

Esta "chapuza", segundo resaltou durante a defensa do texto o deputado popular, José Manuel Balseiro; "prexudica" a Galicia, pola que transcorre o ferrocarril que une Bilbao e Ferrol, e representa "un síntoma claro do desprezo e abandono" do Goberno central "ás insfraestructuras galegas".

Ademais de pedir que se "depuren" as responsabilidades oportunas no Ministerio de Transportes --do que cesaron nas súas funcións por mor deste episodio a secretaria de Estado de Transportes, a galega Isabel Pardo de Beira, e o presidente de Renfe, Isaías Táboas--, a iniciativa aprobada tamén reclama que se dispoñan os "investimentos" necesarios para electrificar a totalidade do tramo galego da liña de ancho métrico e que se garanta o seu "funcionamento adecuado".

Despois de que Balseiro advertise desde o estrado que o problema de deseño os trens supón a "perda" de diñeiro público e "un atraso de tres anos" na súa posta en funcionamento, a deputada socialista Patricia Otero subliñou que "non se malgastou un euro de diñeiro público" porque non chegou a iniciarse a construción dos trens.

"Hai unha cousa boa de Pedro Sánchez, que lle provoca arrebatos de protonacionalismo ao PP. Como siga na Moncloa, vostedes abrazan o soberanismo. Vannos a mover os marcos ao BNG", espetou o deputado frontista Luís Bará.

POLO RENOVABLES EN FERROL

Pola súa banda, o grupo maioritario tamén permitiu cos seus votos a aprobación da proposición do PSdeG para instar á Xunta a cumprir coa promesa lanzada durante a etapa na Presidencia de Alberto Núñez Feijóo para crear en Ferrol un polo de emprendimiento en I+D en enerxías renovables e almacenamento.

A parlamentaria socialista Begoña Rodríguez Rumbo puxo o foco en que este centro permitiría favorecer a "reactivación" da comarca ferrolá, que leva "demasiado tempo padecendo tempos difíciles".

O encargado de defender a postura do PP foi o deputado e candidato á Alcaldía de Ferrol, José Manuel Rei Varela, que avanzou que a Xunta xa seleccionou o emprazamento deste polo, para o que pediu a implicación do Goberno central.

O Parlamento de Galicia comprométese cos dereitos da infancia e adolescentes
O Parlamento de Galicia comprométese cos dereitos da infancia e adolescentes | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta