A decisiva batalla política de Valentín García Formoso

A decisión do secretario xeral do PSdeG de repetir como candidato nas Pontes aclara moito o futuro do socialismo galego e o importante que son as eleccións municipais do 28M. Tamén a volta do senador e ex candidato cocialista á Xunta, Xaquín Fernández Leiceaga, á lista de Santiago pode interpretarse en clave de futuro.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/03/2023 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Valentín González Formoso quere continuar na política galega e quere facelo pola porta grande. A sú decisión de volver competir pola Alcaldía das Pontes, da que é alcalde e na que leva gobernando desde 2007 é un paso estratéxico para o presidente da Deputación da Coruña e secretario xeral do PSdeG.

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso. DEPUTACIÓN DA CORUÑA
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso. DEPUTACIÓN DA CORUÑA

A decisión é moi meditada. Formoso leva meses dándolle voltas ao seu futuro que tamén é o futuro do PSdeG. Houbo xente importante da dirección que lle recomendou deixar a política municipal para centrarse na política galega, pero, finalmente, pesou a visión estratéxica que para el, e para o seu círculo, ten volver presentarse á reelección como rexedor das Pontes.

E é que a decisión final ten "máis beneficios que prexuízos" para o seu futuro político e, a curto prazo, para o do PSdeG. Formoso quere dar a decisiva batalla no terreo que mellor coñece e que máis alegrías lle ten dado, o espazo municipal. E, por que?. Hai dous obxectivos que son vitais para a súa supervivencia política; a primeira pasa por conservar a alcaldía das Pontes e, a segunda, tentar reter a Deputación.

OS OBXECTIVOS

Se o actual secretario xeral dos socialistas galegos consegue completar con éxito estes dous obxectivos, o seu futuro e o do PSdeG estará moito máis despexado. Pero, por diante ten dous meses e medio de moito traballo e moitas dificultades. Reter a alcaldía das Pontes non vai ser difícil, o complicado vai ser manter a deputación. Todas as enquisas apuntan a unha gran igualdade entre o bloque da esquerda e o da dereita e o organismo provincial pode depender duns poucos votos. E é nesa batalla, no voto concello a concello, barrio a barrio e veciña a veciña onde os socialistas se van envorcar no tempo que queda para o 28M.

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, en rolda de prensa. PSDEG
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, en rolda de prensa. PSDEG

Formoso asumiu a secretaría xeral do seu partido case sen querer e esa decisión ven lastrando a súa actividade no concello e na deputación que son, precisamente, os instrumentos institucionais que máis visibilidade e poder político lle dan. "Que decida volver presentarse é un órdago en toda regra ao PPdeG", apuntan fontes consultadas por GC porque se mantén o poder que ten agora os populares terán menos argumentos para atacalo e el máis forza para sacar peito dentro e fóra do partido.

RICOS

Pero é unha xogada de alto risco. Aínda que gañe a alcaldía das Pontes pero perda a deputación, a súa posición será moi débil dentro do seu partido e, especialmente, será un branco moi doado para o Partido Popular. Así que a súa batalla decisiva é directamente contra a estrutura dos populares na provincia da Coruña.

A posibilidade de non presentarse á reelección nas Pontes tamén estivo enriba da mesa. Non era tan arriscada pero ía supoñer unha nova fronte de críticas do PP que utilizarían esta decisión para dicir que Formoso deixaba a política municipal por temor a perder nos seus feudos electorais.

O que si queda no aire, como ata agora, é o seu futuro como líder dentro do PSdeG. Gañe ou perda nesta arriscada partida, a decisión de presentarse como candidato á Xunta aínda non está tomada. E, en parte, dependerá do que pase o 28 de maio. Se mantén a deputación e o concello, aínda que con menos votos que hai catro anos, seguirá tendo argumentos de peso para calar aos críticos internos e ao PPdeG e para presentarse como candidato ao Goberno galego facendo unha "transición tanquila" no concello e na deputación. Pero se a perde, o seu futuro político será, se non afundido, moi delicado.

CRÍTICAS

De feito, pouco despois de anunciar que quere dar a batalla na política municipal recibía duras críticas do Partido Popular e tamén internas. Tanto a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, como o ex candidato socialista Gonzalo Caballero coincidiron na argumentación.  Caballero, avisou que "Galicia é moito máis que As Pontes" e Prado que a súa decisión demostra que "non lle importa Galicia" e que "non respecta os intereses de Galicia".

LEICEAGA

Tamén chama a atención a volta do senador e ex candidato socialista á Xunta, Xaquín Fernández Leiceaga, á política municipal da man do alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, con quen xa foi concelleiro no goberno municipal compostelán no seu segundo mandato da anterior época como rexedor (entre 1999 e 2011).

Distintas fontes consultadas ven a volta de Leiceaga á política local un movemento de Bugallo para tentar ordenar a súa sucesión tras as diferencias que houbo no seu día coa edil de Urbanismo e Cultura --entre outras áreas--, Mercedes Rosón, que, por outra banda, mantense como número dous da candidatura. Con todo, ese é un melón que, por agora, ninguén quere abrir a dous meses e medio dunhas eleccións trascendentais. "O da sucesión de Bugallo non toca aínda", comentan. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

1 Gamela

Cando todos dicían que as Deputacións eran un anacronismo do pasado franquista ? Agora todos agárranse a elas para sobrevivir neste mundo de trapalleiros ! E seguimos a multiplicar os cargos e a manter 313 Concellos e 4 Deputacións e 75 a durmir no Hórreo !

1 Viridiana

Certo. Pero mentres existan e estean no taboleiro do xogo hai que roelas e actuar en consecuencia. É a realpolitik. Hai que xogar no terreo que existe.

2 Gamela

Mentras existan "os partidos políticos" que son os que viven delas ! Postos a soñar, imaxina que fóramos capaces de organizar Agrupacións de Electores http://www.juntaelectoralcentral.es... ao mellor levabamos unha sorpresa se os partidos fosen desprazados polos votos dos cidadáns libres e con sentidiño común para xestionar a cousa pública ? Soñar é libre... non me fales de real politik cando queremos dicir encher os petos sen rañala ! Saúde