O "negro" futuro dos humedais en Galicia... por que a Xunta cataloga só 400 dos 1.100 que había?

En 2001 a Xunta encargaba ao Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (IBADER) un inventario dos humedais do país. A investigación deu como resultado 1.100 espazos a protexer. Ese inventario quedou nun limbo oficial. Hoxe, máis de 20 anos despois, o Goberno galego só recolle 400.

Por Xurxo Salgado | A Coruña | 16/03/2023 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Os humidais, ou ecosistemas húmidos, son ecosistemas azonais determinados pola presenza de auga na súa superficie, subsolo ou proximidade, a cal inflúe na configuración, funcionamento e dinámica das comunidades biolóxicas e das poboacións de especies de flora e fauna que as conforman. Polo tanto, hai humedais ao carón da costa e na alta montaña galega, en zonas poboadas e en zonas illadas. Pero, que entende a Xunta por humedais?.

Lagoa de Cospeito
Lagoa de Cospeito | Fonte: LX

 

Este 13 de marzo, o Diario Oficial (DOG) publicaba unha resolución pola que se inclúen 400 zonas húmidas no inventario de zonas húmidas de Galicia. O texto busca informar a aqueles interesados de que se pode acceder á visualización e descarga da cartografía dixital do inventario a través do visor creado polo Instituto de Estudos do Territorio (https://mapas.xunta.gal/visores/conservaciondanatureza/). Un inventario que deixa fóra a maior parte dos humedais de Galicia, 1.100 segundo o catálogo realizado en 2001 polo Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (IBADER), organismo no que tamén está a propia Xunta, e que era o que se tomaba como referencia oficial ata agora.

 

Este primeiro Inventario, coordinado polos profesores P. Ramil e J. Izco da Universidade de Santiago, incluían acorde coa definición de Ramsar, as Rías, marismas, brañas, lagoas, charcas, turbeiras, prados higrófilos, así como distintos medios artificiais. Os traballos do Inventario dous Humidais de Galicia constataban, ademais, que nas décadas precedentes produciuse unha continua e grave perda de humidais galegos.

Lagoa da Lucenza, no Courel
Lagoa da Lucenza, no Courel | Fonte: Concello de Quiroga

 

Pero, agora, a Consellería de Medio Ambiente, reduce a 400 os humedais na súa listaxe oficial e di que pesegue estandarizar e organizar toda a información dispoñible relativa ás zonas húmidas, tanto xeral como territorializada. "O que se busca tamén é dispor dunha base de referencia e proporcionar unha ferramenta para a planificación e xestión do patrimonio natural", sinala na orde. Pero, son moitas as entidades científicas e de defensa do medio ambiente que consideran que este primeiro inventario é "deficiente e moi pobre" e que deixa fóra zonas de gran importancia.

 

FALTA DE PROTECCIÓN

 

De feito, xa antes deste inventario publicado agora pola Xunta, numerosas publicacións científicas mostraban xa o deficiente estado de conservación dos 1.100 humidais galegos previamente catalogados debido á súa transformación parcial ou completa por actuacións de transformación e destrución (cultivos de eucaliptos, rozas e alteración dos seus hábitats, mal estado ecolóxico das augas, expansión de especies exóticas invasoras, excesiva carga gandeira, etc). 

 

A Xunta, a través da Dirección Xeral competente na protección da biodiversidade, non quixo outorgarlle ao inventario de humidais de IBADER durante estes máis de 20 anos un recoñecemento “legal”, algo que si fai este novo inventario publicado na Xunta pero, segundo os especialistas, "claramente incompleto".

 

POR QUE ESES 400 E NON OUTROS?

 

Pablo Ramil, director do Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (IBADER) di que, nin el, nin ningén deste instituto foi consultado. "Non coñezo os criterios para protexer eses 400 e non o resto", asegura en declaracións ao Galicia Confidencial. Ramil, que é un dos principais especialistas galegos nesta materia, bota en falta que non estean nesa listaxe humedais que teñen criterios de protección.

 

"Non ten sentido que as augas mariñas do Parque Nacional das Illas Atlánticas que está na Lista Ramsar de humedais importantes e protexidos non estea nese inventario. Hai moi pouca protección en zonas mariñas e, iso, que son zonas nas que hai moitas aves, algunhas delas protexidas", salienta. "Tamén faltan moitos de zonas do interior que tamén son importantes nun contexto rexional e local, engade. "Eu penso que é un inventario incompleto aínda que digan que é provisorio", mantén. 

 

Ramil, autor do primeiro e gran inventario que se fixo, ten claro que cando se fixo e foi publicado xa en 2001 "había que protexer" os humedais incluídos nel porque algún xa desapareceu, aínda que nos últimos anos tamén apareceran algúns novos.

 

"TER A MENOR CANTIDADE POSIBLE DE TERRITORIO PROTEXIDO"

 

Neste sentido, Bruno Centell, do Instituto de Estudos Miñoranos, fixo unha comparativa da situación dos humedais da zona do Val Miñor e Baixo Miño co novo catálogo da Xunta e co anterior de IBADER e o resultado é "descorazonador", di. A Xunta só recolle 15 espazos protexidos, fronte aos 65 que había antes. "Trátase de ter a menor cantidade posible de territorio protexido para evitar colisión cos proxectos industrias", denuncia en declaracións a Galicia Confidencial.

 

Da nova listaxe de humedais "oficias" quedan fora zonas húmidas,  con augas estacionais (secan no verán), que teñen especies endémicas. Tampouco lugares que antes estaban protexidos e agora están nunha zona de "captación de augas minerais para unha empresa", di. 

 

Ademais, os que aparecen recollidos no DOG teñen menor superficie que tiñan antes, como acontece na Valga,  en Oia, que agora é unha "manchiña". A Foz do Val Miñor aparece protexida tamén pero con zona menor de protección que no 2001 e non colle a cara exterior da lingua de terra que está ao final desa foz. "Agora o camping que está nesa lingua de terra linda coa zona protexida, pero non está na zona protexida, e iso ten unha intención clara e vai máis alá dun erro", denuncia. En Baiona aparece como zona protexida o encoro da Baíña pero non o río que desemboca nel, nin as augas que van presa abaixo.

 

"Pretenden presentalo como un documento de defensa dos humedais de Galicia, pero non deixa de ser unha maniobra propagandística", di. "Estamos falando dun grupo armado para delinquir, sexa local, provincial, autonómico ou estatal coas promotoras eólicas, e a arma que utilizan non son de guerra, senón o DOG e o BOE e o utilizan con toda a saña que poden e converten en legal auténticos disparates", critica este activista medioambiental.

 

"DESPROTECCIÓN XERALIZADA DO MEDIO AMBIENTE"

 

Tamén a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) denuncia que este inventario "deixa fóra do devandito recoñecemento a 700 humidais, cuxa preservación será no futuro aínda máis incerta". "Para máis escarnio, a proposta recupera o termo zona húmida para designar uns ecosistemas que son azonais. Unha incorrección que nos retrae ao século pasado e deixa clara a reducida calidade técnica da mesma", denuncia nun comunicado.

 

Por iso, a SGHN enmarca esta proposta "nun contexto de desprotección xeneralizada do medio ambiente en Galicia, que deixa o territorio sen protección fronte a todo tipo de presións e ameazas" nun momento, ademais, onde se están aprobando numerosos proxectos eólicos. 

 

A opinión da SGHN é compartida por outras entidades como Ecoloxistas en Acción que denuncia que quedaron fóra deste rexistro centos de zonas húmidas.  "Os humidais son indispensables polos innumerables beneficios ou servizos ecosistémicos que brindan á humanidade, desde subministración de auga doce, alimentos  e biodiversidade, ata o control de crecidas, recarga de augas subterráneas e mitigación do cambio climático", indican nun comunicado.

 

Por iso, critican que a superficie e a calidade dos humidais seguen diminuíndo ano tras ano na maioría de rexións do mundo. “É esencial garantir a conservación da biodiversidade e dos recursos hídricos como os humidais, e proceder a restaurar as funcións ecolóxicas e os servizos ecosistémicos daqueles que foron degradados polas accións antrópicas como plantíos forestais, agricultura intensiva, instalación de parques eólicos ou explotación de minas” subliña Roberto Vilela, coordinador da campaña 'Humedais para a Vida'.

Mapa de humedais da Xunta
Mapa de humedais da Xunta | Fonte: xunta.gal
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta