Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/03/2023 | Actualizada ás 21:30
O portavoz nacional de Anova, Martiño Noriega, asegurou que Anova non se atopa nestes momentos "na urxencia electoral", pero afirmou que realizan un traballo "de reconstrución e de proxección social", á vez que entende que "ten que seguir achegando na diversidade en candidaturas municipalistas" que son "proxectos consolidados" e que presentan "políticas transformadoras".
En declaracións antes de participar nun encontro co sector cultural organizado por Anova Irmandadade-Nacionalista celebrado este sábado en Santiago, sinalou que unha das liñas de traballo é "a cuestión municipal" e, nese sentido, prestar "apoio e amparo" a candidaturas municipalistas.
O que foi alcalde de Santiago entre 2015 e 2019, confirmou que Anova estará presente en candidaturas de varias cidades como Ferrol (Ferrol en Común), A Coruña (Marea Atlántica) ou a capital galega (Compostela Aberta), ademais de en municipios como A Pobra, Sada, Teo, Val do Dubra ou Noia, entre outros. "Hai candidaturas municipalistas nas que cooperamos en base a un traballo de anos feito en base a unha consolidación", explicou.
No caso concreto de Compostela Aberta, Noriega valorou que presenta "unha gran lista, con posibilidades de condicionar un goberno e de cambiar as políticas de Bugallo" que, na súa opinión, "significaron parálise no últimos catro anos". Nesta liña, apuntou que a "cooperación" de Anova" non é "de cota" ou "de presión", senón de "participación, de solidariedade e de 'todos a un tempo'".
En canto ás relacións con Podemos Galicia, Martiño Noriega reiterou que a Anova "a obsesión electoral e as urxencias electorais" non lles "marcan a axenda" e defendeu que a súa práctica nos espazos nos que están é "a xenerosidade".
"Non funcionamos por cotas nin por estratexias de parte. Anova mantén relacións cordiais co espectro da unidade popular, coas chamadas mareas, con cordialidade, pero entendendo que hai que reconstruír un espazo, que é a lectura do soberanismo, que participou en todos eses procesos e que representa Anova, e pór ese capital simbólico a disposición do país. O que outros fan, nós mirámolo desde o respecto, pero xa non participamos desas dinámicas", sostivo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.