O escritor Suso de Toro cede parte do seu fondo sonoro ao Consello da Cultura Galega

Entre as gravacións destaca unha longa conversa con Ramón Piñeiro, a última entrevista que o intelectual e primeiro presidente do CCG concedeu en vida e que se fixo xusto o día que pechou a súa casa en Santiago.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/03/2023 | Actualizada ás 18:25

Comparte esta noticia

A presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, e o escritor Suso de Toro asinaron este venres un acordo polo que o autor lle cede á institución parte do seu fondo sonoro. Son medio centenar de cintas casete que suman voces de máis dunha trintena de personalidades e que, segundo explicou o autor, "recollen a reconstrución do nacionalismo galego desde o punto de vista da esquerda, do galeguismo".

A presidenta do CCG destacou que o fondo, que se depositará no Arquivo Sonoro de Galicia (ASG), "cobra agora unha nova vida para que calquera persoa interesada poida acceder a estes recursos", paso que encaixa co mandato fundacional da institución de "preservar os valores culturais do pobo galego".

Durante dous anos, Suso de Toro realizou unha trintena de entrevistas como proceso de documentación para o seu libro 'Camilo Nogueira e outras voces'. Ese material, que rexistrou en cintas de casete, é o que agora cede á institución cultural.

Entre as gravacións destaca unha longa conversa con Ramón Piñeiro, a última entrevista que o intelectual e primeiro presidente do CCG concedeu en vida e que se fixo xusto o día que pechou a súa casa en Santiago de Compostela.

Firma do acordo para a cesión de parte do fondo sonoro de Suso de Toro.. CONSELLO DA CULTURA
Firma do acordo para a cesión de parte do fondo sonoro de Suso de Toro.. CONSELLO DA CULTURA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta