A primeira deste ano

O Santiago Futsal gaña 1-3 ao Uruguay Tenerife e suma o primeiro triunfo de 2015 tras cinco xornadas sen gañar. Derrota do Burela (4-1) co Magna Navarra e o Prone Lugo recibe hoxe ao Ribera Navarra (18.00 horas).

Por gcdeportes | Compostela | 07/02/2015 | Actualizada ás 09:51

Comparte esta noticia

Ficha técnica:
Uruguay Tenerife 1: Felipe Vela, Kevin, Pablo, Jacinto e Josué Cancio --cinco inicial-- Yeray, Adasat, Kevin, Adri, Pablo González, Chupe e Sergio.
Santiago Futsal 3: Iker López, Lucas Bolo, Borja, Gallego e Iván Rumbo --cinco inicial-- Hugo Sánchez, Lucho, Dani Chino, Pablo Tallón, Santi e Kike.
Goles: 0-1: Pablo Tallón (minuto 13). 0-2: Gallego (min. 27). 0-3: Lucho (30'). 1-3: Yeray (37').
Árbitros: Cordero Gallardo e Linares López. Amarelas ao local Kevin e a Iván Rumbo.
Incidencias: partido da 21ª xornada da LNFS no pavillón de Deportes de Santa Cruz de Tenerife.

Non gañaba o Santiago Futsal dende o 19 de decembro (5-3 ao Palma en Sar). Dende aquela, catro derrotas e un empate no derbi co Prone, todos no 2015. A primeira vitoria chegou en Tenerife, con goles de Pablo Tallón, na primeira parte, e Gallego e Lucho na segunda. Os composteláns suman 23 puntos, a tan só tres do Burela, máis preto do play-off que do descenso.

O Santiago necesitou varios minutos na pista para facerse co control do partido. Iker, rápido baixo paus, evitou o 1-0, e a partires de aí o dominio e as ocasións claras foron dos galegos. O meta local sacou cos pés un tiro de Iván Rumbo e Dani Chino, cun potente tiro dende fóra da área, e Lucho obrigaron a Felipe a intervir. As defensas estiveron mellor que os ataques antes do descanso, pero o Santiago buscaba o gol en rápidas contras: Iván Rumbo rematou ao pau e por fin Pablo Tallón, no minuto 13, en combinación perfecta con Hugo Sánchez, fixo o 0-1. Puideron marcar o segundo os de Santi Valladares, pero non se moveu o marcador antes do descanso.

Na segunda parte, Gallego anotou o 0-2 no minuto 27 tras un robo de balón dos composteláns. O capi Lucho marcou o 0-3 só tres minutos despois, cun tiro dende case media pista que sentenciaba o encontro a falla de dez minutos para o final. Uruguay Tenerife arriscou con porteiro-xogador, pero o Santiago Futsal estivo ben en defensa. Só a tres minutos do remate, marcaron os locais o gol da honra. Santi Valladares viu “unha vitoria merecida. Incluso co 0-3 e defendendo o 4 para 5 tivemos tres ocasións a portaría baleira que erramos. O resultado puido ser máis avultado”.


Ficha técnica
Magna Navarra:
Raúl, Eseverri, Roberto Martil, Jesulito, Dani Saldise --cinco incial-- Marc Tolrá, Víctor Arévalo, Javi Saldise, Ibarra, Carlitos e Mario.
Burela FS Pescados Rubén: Álex, Bellvert, Behroz, Antoñito, Matamoros --cinco inicial-- Iago Míguez, Miguel, Carlitos, Chano e Hélder.
Goles: 0-1: Bellvert (minuto 11). 1-1: Carlitos (15’). 2-1: Eseverri (18’). 3-1: Carlitos (37’). 4-1: Carlitos (39’).
Árbitros: González Ruano e Rabadán Sainz. Amosaron cartón amarelo a Behroz e Miguel no Burela e a Roberto Martil nos navarros.
Incidencias: partido da 21ª xornada da LNFS disputado no pavillón de Anaitasuna.

O Magna Navarra fixo valer o factor cancha e logrou vencer (4-1) ao Burela nun duelo intenso que non se decidiu ata os minutos finais. O Burela suma tres xornadas sen coñecer a vitoria, e queda a seis puntos dos postos de play-off. Saíron os dous equipos con determinación, aínda que nos primeiros compases os locais levaron a iniciativa. O Burela tardou en asentarse na pista. A solidez laranxa contrastaba coa pouca fluidez ofensiva, aínda que Bellvert conseguiu adiantar aos mariñaos (0-1) no lanzamento dunha falta. A vantaxe do Burela foi neutralizada por Carlitos (autor logo dun hat-trick) e por Eseverri (2-1) ao transformar unha polémica falta.
Na segunda parte, a igualdade de forzas mantívose, con ocasións de marcar para os dous equipos, pero o 2-1 non se moveu ata os derradeiros minutos. Co Burela envorcado na procura do empate, chegou o 3-1, obra de Carlitos no minuto 37, e xa con porteiro-xogador nos laranxas, Carlitos completou o seu hat-trick no último minuto co definitivo 4-1.

Iván Rumbo, defendendo a Jacinto.
Iván Rumbo, defendendo a Jacinto. | Fonte: lnfs.es

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta