A Xunta non adiantará o dispositivo de extinción a pesar dos grandes incendios destes días

Rueda recoñece que os grandes lumes nesta época do ano "é unha posibiidade que está aí".

Por Galicia Confidencial | Compostela | 30/03/2023 | Actualizada ás 16:26

Comparte esta noticia

A Xunta está "moi alerta" ante os incendios que se produciron estes días en Galicia, pero de momento segue traballando para ter o dispositivo de extinción "cando chegue a tempada alta", que se sitúa xa no verán. Así o explicou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, na súa comparecencia tras a reunión semanal do Goberno galego, onde constatou que houbo un lume "importante" estes días, en relación ao de Baleira que queimou 1.400 hectáreas, e outros na provincia de Lugo en "condicións de vento moi complicadas".

Un efectivo da Xunta con base en Becerreá traballan para extinguir as chamas nun incendio forestal en Baleira
Un efectivo da Xunta con base en Becerreá traballan para extinguir as chamas nun incendio forestal en Baleira | Fonte: Carlos Castro - Europa Press

Por iso, admitiu que os incendios nesta época do ano "é unha posibilidade que está aí" polo que fixo un chamamento á "máxima prudencia" e lembrou que a Xunta prohibiu as queimas de restos agrícolas e forestais durante estes días.

Rueda dixo que se están investigando as causas destes incendios, tanto o de Baleira, como os de Alfoz e Viveiro, así como o de Taboada, polo que o Goberno galego "non dá nada por descartado" e seguirá traballando como fixo todo este inverno nas tarefas de prevención e limpeza e roza.

"Queda moito por facer, pero fíxose moito tamén", dixo Rueda, quen asegurou que a Xunta seguirá traballando para "ter o dispositivo de extinción de incendios totalmente preparado para cando chegue a tempada alta de incendios".

Na rolda de prensa, tamén se referiu ao proxecto de nova lei integral de loita contra os incendios forestais -anunciada para o ano pasado- que está "a dar pasos" coa previsión de contar cun texto nos próximos meses sen concretar cando pode entrar no Parlamento para a súa tramitación. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta