A Xunta presume de que o seu Plan de Inspección "converte a Galicia nun referente en calidade ambiental"

O Goberno galego fixo no 2022 case 1.300 actuacións de control

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/04/2023 | Actualizada ás 18:06

Comparte esta noticia

A Xunta finalizou o seu programa de Inspección Ambiental de 2022 cun balance de 1.294 actuacións de control sobre actividades susceptibles de afectar ao ambiente da contorna. Esta supervisión, explican nun comunicado, forma parte do Plan de Inspección 2019-2024, que "xa converte a Galicia nun referente en calidade ambiental".

A Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, primou a vixilancia do transporte transfronteirizo de residuos, segundo destacan. Para iso, contou coa colaboración do servizo homólogo portugués e da Garda Civil, que se saldou coa realización de 29 controis a operadores de importación e exportación de residuos nos límites da Comunidade.

Así mesmo, levouse a cabo un traballo de supervisión relacionado coas actividades con Autorización Ambiental Integrada (AAI), "aquelas que, polas súas características, poden ter un maior impacto ambiental". En 2022 contabilizáronse un total de 98 inspeccións entre instalacións dedicadas á industria (30), ao sector da alimentación (22), á xestión de residuos (16) e ás granxas (30).

No que respecta aos resultados cualitativos, máis da metade das actividades con AAI inspeccionadas conseguiu un cumprimento alto, moi alto ou total, en ningún caso detectouse un cumprimento moi baixo e só nun 8% foi baixo, mentres que no resto o resultado foi medio. "Estes datos confirman que as empresas apostan cada vez máis por tecnoloxías verdes e pola redución de riscos para a xestión da contorna natural", destacan.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, na comparecencia posterior ao Consello.. Xunta de Galicia
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, na comparecencia posterior ao Consello.. Xunta de Galicia

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta