Por Galicia Confidencial | Madrid | 10/02/2015 | Actualizada ás 10:00
O Grupo Prisa xa non é o que era. Leva meses, anos, despedindo xornalistas e convertendo a dous dos medios máis importantes do Estado, a Ser e El País, en sombras dos grandes medios que foron outrora, tanto en calidade profesional como en contidos. As últimas vítimas das decisións empresariais son sete xornalistas veteranos, entre eles, a galega Ana Guantes. O motivo, por cuestións "disciplinarias”.
Guantes, que despegou logo do seu paso polo Carrusel Deportivo da Ser como correspondente do Celta da man de Eugenio Eiroa –son memorables algunhas das crónicas deportivas da súa etapa viguesa--, pasou a programas “máis serios” en 2007, cando María Guerra se fixo cargo de "La Ventana del verano". De feito, Guerra, aquel ano, chegou a facer moitos programas desde Vigo.
O ano seguinte xa foi a propia Guantes a condutora des programa. Pouco tempo máis tarde xa se foi a Madrid definitivamente e podíaselle escoitar polas mañás como a "segunda voz" de “En este momento". Desde entón estaba con Francino na parte informativa do programa. Logo pasou polo “Hoy por hoy” e “14 horas”, ata este luns.
E é que Guantes, xunto con outros sete compañeiros foron despedidos de xeito fulminante. Paloma Delgado e Ana Borderas baixo o motivo dunha "reorganización da redacción". A mesma decisión comunicóuselle a Maria José Agejas, Eduardo Martín, Pilar Vicente y Ana Guantes, aínda que no seu caso, a dirección alegou que o seu despedimento era por “motivos disciplinarios". A última hora da tarde tamén se produciu a saída de Esther Redondo. Estas seis saídas súmanse ás recentes de Cristina López Benedito e Ernesto Estévez, comunicadas nos últimos días.
"Trátase de despedimentos de xente cunha importante traxectoria e con moitos anos na empresa. Non queren a ninguén que teña antigüidade", sinalan os traballadores en declaracións a El Mundo. Fontes internas da Ser explican que os xornalistas despedidos por motivos disciplinarios "non contaban con ningún apercibimento".
Desde a dirección explicaron aos traballadores que esas prazas serán cubertas por persoas dun perfil máis novo. Ademais, a dirección alertou que non serán os últimos despedimentos. Que haberá máis nas próximas horas. Apuntan a que poderían ser un técnico e dúas persoas de musicais. Os traballadores reúnense este martes para iniciar mobilizacións.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.