Borja San Ramón (Podemos Galicia): "Non concibo que non se chegue a un acordo entre Podemos e Sumar"

Galicia Confidencial entrevista o coordinador nacional de Podemos Galicia, Borja San Ramón, a menos de dous meses das eleccións municipais do 28 de maio. San Ramón explica a posición na que se atopa a formación política ante os comicios e mostra a súa confianza porque Sumar e Podemos acaben chegando a un acordo para confluír xuntas nas eleccións xerais de final de ano.

Por José Barros Blanco | Santiago de Compostela | 09/04/2023 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O 15 de abril cumprirá 4 meses como coordinador nacional de Podemos Galicia. Neste curto período de tempo, como valora a situación da súa formación de cara ás eleccións municipais do 28 de maio?

A cabeza de candidatura por Tecer Galicia, Borja San Ramón, para optar á dirección de galega Podemos. TECER GALICIA
A cabeza de candidatura por Tecer Galicia, Borja San Ramón, para optar á dirección de galega Podemos. TECER GALICIA

Para nós é un reto, porque non só son as eleccións municipais, en ano e medio en Galicia vaise votar tamén unhas xerais, unhas europeas e por último unhas eleccións ao Parlamento galego. Penso que estamos preparados. Esta será a vez na que Podemos presente máis candidaturas coa súa marca. Mentres que no ciclo político anterior cedíamos protagonismo a distintas iniciativas municipais, nestas eleccións queremos ter unha axenda e un programa propios.

Temos unha estratexia e estamos politicamente presentes. Somos a única forza política dese espectro político que vai estar nas sete cidades de Galicia e na maioría de vilas grandes e pequenas. A organización está traballando con moita humildade. Temos moito que facer, pero temos un proxecto e estamos levándoo a cabo. Agora atopámonos na fase de presentación de candidaturas locais e queremos darlles as mellores ferramentas para que poidan implementar os seus proxectos políticos en cada concello. Neste sentido, a nosa folla de ruta é tan sinxela e tan difícil á vez como consolidar e ampliar os concellos de transformación e de cambio no país.

Vostede asumiu a responsabilidade de dirixir Podemos Galicia nun momento moi difícil para a formación, cuns últimos resultados electorais que mostran unha tendencia negativa. En que traballa a nova executiva para mellorar a situación do partido?

Penso que o ciclo político anterior, aínda que está pechado, deixounos varias leccións. Un dos erros cometidos que se primou o electoral, cal vai ser a papeleta que se vai presentar. Loxicamente somos un partido político, temos que estar a iso, pero a actual executiva está a traballar para poder presentar proxectos políticos que sexan quen de ter unha consolidación e un percorrido máis alá das seguintes eleccións. Esa perspectiva máis a longo que a curto prazo é unha das ensinanzas que nos deixa o anterior ciclo político.

A política, como todo na vida, é cíclica. Estás en momentos baixos e logo estás en momentos altos. Lembro no 2015 e no 2016, cando nós estábamos nun momento alto, como o BNG estaba fóra do Congreso. Mesmo xusto antes das eleccións ao Parlamento de Galicia había enquisas que os deixaban fóra. Onde está o BNG agora? E por que? Porque o BNG soubo ler o momento político, reverter unha tendencia á baixa e construír un proxecto que agora é quen de obter bos resultados.

Sei que estas eleccións municipais chegan nun contexto difícil e convulso, pero nós estamos motivadas. Penso que vai haber moita xente o 28-M que vai buscar a papeleta de Podemos Galicia ou da candidatura na que esteamos integrados. Neste ciclo electoral que se abre en dous meses, o noso espazo político vai ser decisivo. Sempre digo o mesmo, se Podemos Galicia e o espazo electoral que representamos non está no próximo Parlamento de Galicia, as contas para que haxa un cambio político na Xunta e Alfonso Rueda deixe de ser presidente non dan. E iso sábeno todos partidos políticos de esquerdas e progresistas.

Como traballa unha formación como Podemos Galicia para recuperar a confianza perdida por unha parte importante da sociedade deste país?

Temos que estar no día a día do país, estar cos movementos sociais e participar activamente da vida política, posicionándonos e sendo capaces de incidir. Ninguén pode esquecer que nas últimas eleccións xerais fomos a terceira forza política no país. Hai espazo político e persoas que demandan que presentemos proxectos que ilusionen e repercutan politicamente no país, e é a nosa tarefa. Estámolo facendo nestas eleccións municipais e farémolo nas seguintes.

Temos que traballar coa sociedade para presentar os mellores proxectos políticos, que falen da vertebración territorial de Galicia, dos proxectos de vida da miña xeración para que non se vaian do país e da cuestión da sanidade, entre outras. Vimos dunha manifestación histórica da sanidade, e penso a plataforma SOS Sanidade Pública fixo un traballo moi acaído, porque traballou para que o BNG, o PSdeG e Podemos Galicia e moitas plataformas estivesen aliñadas e se puidese mostrar unha alternativa de goberno na Xunta.

Máis alá da importancia que teñen as eleccións municipais, pensa que un resultado positivo no comezo deste ciclo electoral de ano e medio pode marcar a saída do PP do Goberno galego?

Paréceme clave. A esquerda deste país, e nós estamos incluídos, ten unha problemática, e é que non somos capaces de presentar unha alternativa de goberno crible á sociedade galega. Ese é un dos motivos principais polos que o PP gana constantemente. Por iso agora tócanos poñernos en liña e dar a imaxe de que temos un proxecto alternativo para a sociedade galega, que pensa nunha Galicia do futuro e que a xente sexa capaz de acompañar esa idea e a teña clara.

Mentres non sexamos capaces de poñer isto en valor vai ser moi difícil reverter a situación con respecto ao goberno do PP na Xunta de Galicia. Os datos están aí, cada vez que hai unhas eleccións xerais a esquerda gana. O mesmo ocorre coas eleccións municipais. Por que iso non ten unha tradución nas eleccións galegas? Isto que comento significa que a xente quere votar e quere ter esa representación na Xunta de Galicia, pero temos que darlle a oportunidade desa alternativa.

Fala vostede da importancia de aliñar unha alternativa común de goberno ao PP. No caso das eleccións municipais, as Mareas foron un actor fundamental na súa presenza en Galicia. Vimos de saber que Marea de Vigo e Podemos acadaron un acordo para confluír xuntas nos comicios locais. Porén, ese mesmo acordo non foi posible en cidades como A Coruña ou Ferrol. Existe un criterio unificado por parte da executiva de Podemos Galicia para os acordos, ou quedan na man de cada dirección local?

Nós temos unha folla de ruta clara. En outubro do ano pasado eliximos candidatos e candidatas ás eleccións municipais para que Podemos Galicia teña candidaturas, axenda e programa. A nosa formación estará presente nas próximas eleccións, e abriuse un diálogo co resto de actores políticos do país para intentar chegar aos acordos o máis amplos posibles, que que sexan capaces de chegar ao maior espectro da sociedade posible. Como dixen, queremos conseguir resultados que signifiquen consolidar e ampliar os gobernos de transformación, de cambio e de esquerdas deste país para poder gobernar.

Non queremos gobernar por gobernar, senón que gobernar polo que iso significa. Por exemplo, os últimos datos do paro sinalan que nunca houbo na historia tantas persoas afiliadas á seguridade social. Iso como se consegue? Aplicando as políticas públicas que veñen do noso espazo político. Queremos mellorar a vida da xente no día a día. Por Podemos Galicia non vai ser que non cheguemos a acordos, sempre e cando signifiquen as mellores candidaturas e os mellores proxectos políticos posibles. Esta é unha política que todas as nosas direccións locais teñen claro, e logo é a responsabilidade de cada unha delas chegar a eses acordos que agora mesmo se están anunciando nas diferentes cidades e vilas de Galicia.

A pesar de anunciar xunto a Antón Gómez Reino que estaría presente no acto de presentación do proxecto Sumar, finalmente non acudiu. A súa ausencia, comunicada o día anterior ao acto, respondeu ao cargo orgánico que ocupa en Podemos Galicia, ou tivo algún tipo de instrución desde a executiva estatal para non acudir?

Podo dicir que a min ninguén me chamou, ninguén falou comigo da miña dirección estatal para pedirme, presionarme ou ameazarme para absolutamente nada. É obvio que había unha diferencia de criterios entre a dirección estatal a e posición de Podemos Galicia sobre o que había que facer o domingo. O pasado sábado acudín ao máximo órgano da dirección do meu partido, no que hai máis de 100 persoas, e trasladei a posición de Podemos Galicia. Alí deuse un debate fraterno e de ideas, e unha vez rematado, eu falei coa miña executiva e tomamos a decisión de non estar o domingo para respectar o debate que se deu nese órgano e a dirección estatal do partido.

Nós estivemos traballando activamente para que o domingo estivésemos todos, porque foi a primeira foto da posta de longo do proxecto político de Sumar, e nesa foto o domingo non estaba todo o mundo. Esa é a posición de Podemos Galicia, e a ninguén lle pode sorprender, porque a min me elixiron hai uns meses cunha folla de ruta política que é pública e accesible para todo o mundo. Imos traballar activamente e dentro das posibilidades políticas que temos para que nas próximas fotos estea todo o mundo. Esa sempre vai ser a nosa posición, desde o respecto e o traballo que se ten que facer dentro da nosa organización.

Fala vostede de que Podemos Galicia aposta activamente polo acordo con Sumar, pero dentro da organización existen correntes, como a representada polo colectivo Rexurdir Podemos, que denominou a súa posible presenza no acto de presentación do espazo creado por Yolanda Díaz como unha “deslealdade inasumible”.

Podemos Galicia tivo un debate político hai cinco meses sobre o proxecto e as posicións políticas que ten que ter a formación para o ciclo político que ven. Eu non enganei a ninguén, gústame ser unha persoa honesta. Presentei unha folla de ruta e unhas posicións que puido escoitar e ler toda a militancia e as persoas simpatizantes da formación. Abríronse as urnas, elixiuse unha dirección e tiven a sorte e a honra de ser escollido por amplísima maioría, xunto coa miña candidatura.

Desde ese momento, a xente que quere ter posicións críticas saberá o que fai, son libres para opinar. Penso que é positivo e construtivo que, dende a responsabilidade, haxa xente que critique as direccións e que teña posicións distintas. Non pasa absolutamente nada, é síntoma de que hai un partido vivo e que ten debates. Pero que cada quen sexa responsable e se faga cargo do que quere trasladar ao exterior dos debates internos que se teñen na organización.

Desde logo, sempre vou ser respectuoso, e vou buscar que todo o mundo teña a oportunidade, igual que a tiven eu, de trasladar as súas posicións. A democracia é saber aceptar cando a posición política é maioritaria e tamén respectar cando esa posición é minoritaria. Eu fun ao consello cidadán estatal, din a nosa posición política con respecto a Sumar e respectei o debate. Penso que son as formas e as fórmulas para que unha formación política teña a capacidade de ser construtiva e de dar debates que vaian máis alá do ruído e da confrontación. Aí non me van atopar, atoparanme sempre construíndo e debatendo, na primeira liña, porque ademais, é a miña forma de funcionar, na política, e na vida.

Desde a posición que lle outorga ser o coordinador nacional de Podemos Galicia, cales pensa que son os erros que se están a cometer para que Podemos e Sumar aínda non chegasen a un acordo?

Non me corresponde a min valorar cales son os acertos ou os erros do proceso, porque eu non teño a responsabilidade de traballar neses acordos. A min o que me toca é respectar o traballo que se está facendo na miña dirección estatal, con Ione Belarra e Lilith Verstrynge á cabeza, e confiar que o que din publicamente é o que vai a pasar. E por suposto tamén confío nos compañeiros de Sumar, en que van a buscar a mellor solución para que haxa un proxecto político ilusionante que se traduza en que Yolanda Díaz sexa a seguinte presidenta do Estado e que Ione Belarra e Irene Montero sexan as súas vicepresidentas.

Non nos centramos no negativo, porque preferimos centrarnos na capacidade que podemos ter de traballar en proxectos políticos ambiciosos e que sexan quen de superar momentos difíciles. Penso que así transmites á sociedade positivismo e capacidade de ir máis alá. Temos que estar tranquilos e rebaixar o ambiente que se está creando. Agora temos que estar centrados no 28-M, pero aínda hai moitas eleccións por diante. O resto virá pouco a pouco.

Sería negativo para o bloque de esquerdas do Estado que finalmente non houbese un acordo entre Podemos e Sumar?

Non concibo que non se chegue a un acordo entre Podemos e Sumar. Non quero entrar en futuribles porque non o concibo. Desde logo, Podemos Galicia non concibe que non se vaia chegar a un acordo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta