Por Galicia Confidencial | Compostela | 29/04/2024 | Actualizada ás 11:09
O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, anunciou que segue como presidente do Goberno de España tras cinco días de reflexión pola presión política pero, sobre todo, mediatica contra el e a súa familia. "Begoña --a súa muller-- e eu podemos con isto", dixo e fixo un chamamento a poñer fin á "política da vergoña" e ao "fango" mediatico.
Sánchez anunciou a súa decisión despois de que o mércores pasado anunciase a apertura dun período de reflexión de cinco días sobre a súa continuidade á fronte do Executivo. Sánchez tomou esa resolución tras coñecerse que un xulgado abrira dilixencias previas contra a súa muller, Begoña Gómez, pola suposta comisión de delitos de tráfico de influencias e corrupción nos negocios tras a denuncia de Manos Limpias.
"Decidín seguir, seguir con máis forza se cabe á fronte da Presidencia. Esta decisión non supón un punto e seguido, é un punto e aparte, garántollo", indicou. "Por iso asumo ante vostedes o meu compromiso de traballar sen descanso, con firmeza e con serenidade pola rexeneración pendente da nosa democracia", engadiu a continuación.
O APOIO DO PSOE, DECISIVO
Sánchez agradeceu as mostras de agarimo recibidas nos últimos días, desde que anunciou que cancelaba a súa axenda pública, en especial a do PSOE que "influíu decisivamente" na súa decisión, segundo afirmou. Considera ademais que só hai unha maneira de reverter esta situación, que "a maioría social se mobilice nunha aposta decidida pola dignidade e o sentido común, pondo freo á política da vergoña que levamos demasiado tempo sufrindo".
Este luns sinala que "confundir liberdade de expresión con liberdade de difamación é unha perversión democrática de desastrosas consecuencias" e considera que a campaña de "descrédito" contra el e a súa muller non parará porque levan 10 anos sufríndoa. "É grave, pero non é o máis relevante, podemos con ela", asegurou.
APELA Á CONCIENCIA COLECTIVA
No texto Sánchez dixo que necesitaba reflexionar sobre se merecía a pena continuar á fronte do Executivo e agora sinala que a sociedade española debe decidir "que tipo de sociedade" quere ser e por tanto necesita facer unha "reflexión colectiva". "De feito, durante estes cinco días xa comezamos a facela. Unha reflexión colectiva que abra paso á limpeza, á rexeneración e ao xogo limpo", sinalou Sánchez desde A Moncloa.
Na súa intervención, Sánchez denunciou "acoso", "exercicios de odio" e "mentiras groseiras" cara a el e a súa familia e lanzou unha advertencia. "Ou dicimos basta ou esta degradación da vida pública determinará o noso futuro, condenándonos como país", sinala.
Ademais, Sánchez asegura que a súa actuación nos últimos días non obedece "a ningún cálculo político" senón que simplemente necesitaba "parar e reflexionar", aínda que admite que ese movemento "puido desconcertar". Así mesmo di ser consciente de que mostrou un sentimento e recoñeceu ante os que buscan "crebalo" que lle "doe" vivir esta situación.
APELA Á MOBILIZACIÓN DA SOCIEDADE
Sánchez insistiu nese chamamento á sociedade para que poña fin ao "lodo" e di que a única maneira posible é mediante o rexeitamento "colectivo, sereno, democrático, máis aló das siglas e das ideoloxías" que el se compromete a "liderar con firmeza" como presidente do Goberno.
Ver esta publicación en Instagram
¿Gústache esta noticia?Problemas cos comentarios?
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.
¿Gústache esta noticia?
- Besteiro e Néstor Rego apostan por seguir loitando pola redución da xornada laboral a 37,5 horas
- Red Eléctrica asegura ter enviado todos os datos solicitados sobre o apagamento á comisión que o investiga
- Galicia demanda ao Goberno central que alcance o 1 % do PIB en financiamento ás universidades en 2030
- A cuestión de confianza vinculada aos orzamentos de Redondela, a debate o 5 de maio
- Besteiro di de Feijóo que "non dá unha a dereitas" logo das críticas do líder 'popular' á xestión do apagamento
- Galicia, o país "do noroeste" e "da mala sorte" onde os trens son sempre os últimos en chegar