Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/06/2025 | Actualizada ás 14:56
A portavoz de Feminismo e Igualdade do BNG no Parlamento, Noa Presas, instou á Xunta a convocar un comité de crise ante a situación de "emerxencia" polos últimos casos de violencia de xénero en Galicia, o último este domingo na Coruña, onde foi detido un home acusado de asasinar á súa parella. En rolda de prensa, a deputada nacionalista pediu ao Goberno galego que "leve a iniciativa" e convoque este comité de crise no que, apuntou, deberían formar parte todos os organismos na loita contra a violencia machista como concellos, institucións de ámbito estatal e organismos policiais e xudiciais, así como psicosociais.
O obxectivo, tal e como sinalou Presas, é revisar e analizar os últimos casos rexistrados en Galicia e detectar "se se cumpriron todos os pasos ou se algo fallou". Tamén analizar a situación nun momento "especialmente delicado" co inicio do período estival e que, en base a isto, se revise tanto o protocolo de cooperación institucional como todos os recursos para "incrementalo" e que haxa un reforzo ante a chegada do verán. "Hai que enviar unha mensaxe de tolerancia cero, normalización cero dos feminicidios, que non é un número máis que recibimos con pasividade, e que a violencia machista é un problema público de toda a sociedade", subliñou.
Sobre os últimos casos en Galicia, Noa Presas puxo o foco en que dúas das mulleres asasinadas estaban no sistema Viogén, polo que lamentou que a pesar de que "fixeron o que se lles pide" desde as institucións, o sistema "fallou e non puido protexelas". Para a parlamentaria do Bloque, isto debe servir de "alerta" e para que "haxa unha actuación" e que as mulleres non pensen que denunciar "é inútil". Nesta liña, reprochou as declaracións do subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, nas que, sobre o caso de Campo Lameiro, sinalaba que "non se pode protexer a quen non está disposto a que se lle protexa". Así, Presas tachou estas declaracións de "unha irresponsabilidade que non foi rectificada". "A violencia machista é un problema público e non se pode individualizar nunca nas vítimas", destacou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.