Rueda descarta unha moción de censura contra Sáchez porque só o "reforzaría"

Ve a Sánchez cada vez "máis pendente dos horizontes xudiciais e máis sometido á chantaxe dos seus socios" e reafirma: "Non se pode seguir así".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/06/2025 | Actualizada ás 15:44

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, reafirmou, a preguntas dos medios en relación a se o seu xefe de filas no PP, Alberto Núñez Feijóo, debería presentar unha moción de censura, que unha iniciativa deste tipo, se nace sen o respaldo preciso e "abocada ao fracaso", só serviría para "reforzar" ao xefe do Executivo central, Pedro Sánchez.

Tras a reunión semanal do Consello da Xunta, Rueda esgrimiu que si sería necesario un cambio do goberno, pero situou a pelota no tellado dos "socios" de Sánchez, ao entender que son quen poderían "facilitalo". Mentres isto non suceda, ao seu modo de ver, non tería "moito sentido" dar calquera paso político. Non en balde, mostrouse convencido de que, se Feijóo impulsa unha moción de censura que "fracase", Sánchez utilizaríao como "unha ratificación, como un pronunciamento do Congreso dicindo que está a facer todo moi ben e que non ten ningunha importancia todo o que está a pasar, o que se vai sabendo".

"Unha moción de censura abocada ao fracaso nestes momentos só serviría, coñecendo como funcionan o presidente do Goberno e os seus socios, para reforzalo nun momento no que creo que non hai ningún argumento para ese reforzo", aseverou. Antes de coñecer o detalle sobre os cambios que transcenderon no PSOE, onde Sánchez deixou a Secretaría de Organización do partido en mans da presidenta, Cristina Narbona, a xerente do partido, Ana María Fuentes e os membros da Executiva Montse Mínguez e Borja Cabezón, Rueda insistiu en que o presidente estatal "equivocouse ou, máis directamente, non contou a verdade sobre o que hai pasado".

Así, criticou que "siga pensando que todo isto se pode circunscribir a un tema do PSOE, que non ten nada que ver co Goberno" a pesar de que no foco están "adxudicacións e mordidas" que "se planificaban no partido e os sucesivos números dous durante anos" para que, posteriormente, "se executase  no Goberno".

CORRUPCIÓN E ALCALDES "SIGNIFICADOS" QUE SE DISTANCIAN DE SÁNCHEZ

Sobre se comparte a tese enunciada en días pasados por dirixentes do PSOE, entre eles José Ramón Gómez Besteiro, de que a corrupción pode aparecer en calquera entidade política, respondeu que, cando os socialistas "facían denuncias respecto doutros partidos", como o PP, "non pensaban iso en absoluto". "Pensaban que isto só podía ser unha circunstancia que se producise no PP, e que por suposto o PSOE estaba libre de toda sospeita ou de toda culpa. Sabemos que non é así", esgrimiu, e pese ao respaldo á comparecencia de Sánchez da semana pasada por parte de cargos orgánicos do PSOE, esgrimiu que tamén hai quen non o comparte.

En concreto, aludiu a "algúns alcaldes do PSOE bastante significados", despois de que o rexedor de Ames, o socialista Blas García, pedise días atrás a Sánchez a convocatoria de eleccións xerais ante unha "situación política irrespirable" por casos de corrupción. Nunha mensaxe no seu perfil oficial de redes, García afirma: "Non son sospeitoso de non apoiar a Pedro Sánchez, pero teño claro que antes do termo de 2025 hai que celebrar as xerais". "Debe porlle fin a esta lea e á situación política irrespirable", agrega.

Rueda, antes da reunión do Consello da Xunta
Rueda, antes da reunión do Consello da Xunta | Fonte: DAVID CABEZÓN @ XUNTA

BESTEIRO AMOSA O SEU APOIO Á DIRECCIÓN FEDERAL

Pola súa banda, o Partido Socialista de Galicia trasladou o seu apoio á dirección federal do PSOE tras as medidas anunciadas polo secretario xeral, Pedro Sánchez, entre as que figura unha comisión parlamentaria sobre o 'Caso Koldo', e asegurou que "en política hai que dar exemplo". "Somos un partido de persoas que traballan con honestidade e que teñen moi claro para que estamos na política: para defender uns valores e servir á xente", sostivo en declaracións difundidas aos medios na tarde deste luns o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, tras a intervención de Sánchez.

Sobre as decisións tomadas pola dirección federal do PSOE, o xefe de filas do PSdeG foi claro: "Cando hai posibles casos de corrupción, hai que actuar, hai que asumir responsabilidades e tomar decisións. Non vale esconderse non buscar escusas. Esa é a diferenza entre uns e outros". O secretario xeral do PSdeG lembrou tamén que a dirección federal xa anunciou unha auditoría externa e unha comisión de investigación no Congreso para aclarar o sucedido con total transparencia. "A xente merece saber a verdade, merece ter garantías e merece ter confianza nas institucións", dixo.

Besteiro insistiu en que "durante anos neste país houbo quen entendeu o poder como algo ao servizo dun partido e non como un servizo público". "Esta foi a forma de gobernar co PP, e contra iso levamos moito tempo traballando desde a firmeza e a honestidade", apuntou. "Temos moi claro que quen non cumpra cos valores de honestidade e decencia non pode formar parte deste proxecto. E cando toca revisar o que sucede dentro, facémolo sen escusas e asumindo as consecuencias, como sempre fixemos", afirmou.

Mentres, engadiu, "outros tratan de desviar a atención, sinalar aos demais e esconder os seus propios casos, que tamén están ben presentes en Galicia e noutras administracións". "Nós seguimos facendo política limpa, útil e centrada na maioría social", sostivo. Besteiro finalizou lembrando que o compromiso do PSdeG está coas persoas, coa política feita desde a decencia e desde a responsabilidade. "Esa é a nosa forma de entender o servizo público e así o seguiremos facendo", manifestou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta