Por Ángela Precedo | PONTEVEDRA | 15/06/2025 | Actualizada ás 20:30
Hai historias que se constrúen con palabras e outras que se fan tamén con silencios, olladas, xestos repetidos ao longo dos anos... A de Patri (@patribdopazo) e a súa avoa Veva está feita de todo iso, pero, sobre todo, está feita de tempo compartido. Compartido na casa, nun posto de venda de colares de cunchas, diante dunha cámara ou simplemente almorzando xuntas. Veva ten 90 anos recén cumpridos e unha enerxía que desafía a lóxica. Patri tiña 3 aniños cando comezou a ir con ela á Illa da Toxa. Hoxe, tantos anos despois, é ela quen leva á súa avoa alí. Entre as dúas, hai unha complicidade fonda, natural, que se contaxia e emociona. Por iso os seus vídeos funcionan tan ben. Por iso o que comezou como un xogo rematou sendo un arquivo de afectos que tamén forma parte dunha reflexión: o tempo cos nosos maiores non se pode pospoñer, pois igual o día de mañá xa é moi tarde.
Por moitos anos, Patri apenas empregaba as redes socias. Tiña Instagram, pero tampouco o usaba moito. Foi no verán de 2021 cando decidiu gravar un vídeo amosando como montaba o seu posto de venda de colares de cunchas na Illa da Toxa. Amosaba como colocaba a mesa, a artesanía do que facía, as diferentes cunchas e a rutina invisible dun traballo que moita xente aínda non valora o suficiente. Ao día seguinte, o móbil desta moza estoupou: miles de visualizacións, comentarios e moito interese polo oficio. E foi aí cando un amigo lle deu o último empurrón que precisaba: "Aproveita o tirón e fai máis contido disto", díxolle. Así o fixo e a día de hoxe conta con varios vídeos virais e unha comunidade fiel de seguidores interesados no que fai. "Polo xeral estou no posto durante o verán e alí ocórrenseme moitas cousas para gravar, porque a xente achégase e pregúntame cousas, con curiosidade, pois non é un oficio moi coñecido fóra da illa", resalta.
"MIÑA AVOA É COMA A MIÑA MELLOR AMIGA, É UNHA CACHONDA MENTAL E ÁS VECES SON EU A QUE TEÑO QUE PARALA, TEN MÁIS ENERXÍA CA MIN"
No inverno, como non vai ao posto, grava outras cousas do seu día a día. Patri vive en Madrid por motivos de traballo, pois adícase ao mundo da comunicación, pero confesa que lle encantaría volver a Galicia. Cando o fai, proponlle calquera idea á súa avoa e ela nunca lle di que non. "Miña avoa é coma a miña mellor amiga: non hai quen nos quite o almorzo xuntas ou saír pola tarde dar un paseo", conta. Ademais, confesa que "é unha cachonda mental, sempre ten ganas de festa". E, como non, "encántalle que lle digan que a viron nun vídeo", chancea Patri. Mentres que a ela o que lle gusta é poder ter nas redes "unha especie de disco duro" no que acumula lembranzas coa súa avoa para a posteridade. "Son recordos moi bonitos que agradezo moito, porque por exemplo do meu avó, que morreu hai 15 anos e ao que tamén quería moito, non teño case ningunha foto", lamenta, celebrando que "sei que coa miña avoa non me vai pasar iso". "Ás veces non chegamos a coñecer aos nosos propios seres queridos, neste caso avós, porque non pasamos o tempo de calidade suficiente con eles, e é unha mágoa", reflexiona.
Veva, como di a súa neta, "non ten ningún tipo de vergoña" e sempre se presta a todo. "Si que é verdade que houbo uns anos, cando eu estaba no instituto, que estivo máis apagada, coincidindo coa morte do meu avó e doutros membros da familia", lembra. Nese tempo, a xente dicíalle a Patri cousas como: 'Ti non coñeceches á túa avoa nos seus bos tempos, era unha cachonda mental, viña ao posto e dábanos un golpe na mesa, falaba de calquera tema sen tapuxos...'. Agora, afortunadamente, Veva volveu recuperar o sorriso, tamén grazas á súa neta, e encántalle gravar con ela. Agora é ela a que me pide que poña o móbil a gravar porque vai cantar ou bailar. "Son eu a que teño que parala ás veces e poñer un pouco de cabeza, porque ela ten máis enerxía ca min, coma se tivese 20 anos e non 90", asegura Patri. "Eu quero chegar á súa idade así de ben e teño moito que aprender dela, como perder a vergoña a facer moitas cousas polo que dirán e que me resbale todo como a ela", chancea.
"PARA SER COLAREIRA NA TOXA PRECISAS UNHA LICENZA E O CONCELLO XA NON CREA NOVAS, POLO QUE PARA EXERCER TEN QUE CEDERCHA OUTRA COLAREIRA"
A chegada ao oficio de colareira de Patri tamén está vencellada á súa avoa. Cando estaba a piques de comezar na universidade, quería buscar un traballo que puidese compaxinar para pagarse os estudos. Ao mesmo tempo, a súa avoa, con 80 anos, xa tiña que pensar en retirarse. Como conta Patri, "tivo un percance de saúde, cortáronlle un cachiño da lingua --aínda que, como di sempre, agora fala máis e mellor ca nunca--, e era hora de descansar, aínda que ela non quería deixar de traballar nin de vender colares, custou moito convencela". Unha vez con Veva retirada do oficio, despois de moitos meses de intentar convencela por parte de toda a familia, Patri puido herdar a súa licenza de colareira. E é que o tema é máis complexo do que pode semellar: "Para ser colareira precisas unha licenza, e o concello do Grove xa non crea novas, polo que para exercer ten que cedercha outra colareira", explica.
E así comezou Patri, sempre da man da experiencia de Veva. "En segundo de Bacharelato ela viña comigo ao posto e ensinábame a facer de todo", asegura. Aínda que tamén había cousiñas que xa sabía, despois de tantos anos acompañando ela á súa avoa, dende os tres aniños. Agora as tornas invertíronse: "Agora é ela a que vén comigo". Estas dúas mulleres están tan conectadas e en sintonía que non poden despegarse cando están xuntas. "No verán estamos moitas veces no posto as dúas e, na casa, tamén continuamos facendo colares xuntas", conta Patri, que asegura que "aínda que ela non ve moito, intúe as siluetas e xa sabe por onde ir, por onde ten que meter a cuncha na agulla". Ao final, leva toda a vida adicándose a isto e a práctica vale máis que calquera outra cousa.
"NA ÉPOCA DA MIÑA AVOA ERAN UN CENTO DE COLAREIRAS; NO GRUPO CO QUE EMPECEI ERAMOS 5 OU 6; AGORA SOMOS 4, AS OUTRAS CON MÁIS DE 60 ANOS"
No tocante ao futuro do oficio de colareira, Patri confesa que a cousa está complicada. Trátase dunha artesanía moi local, moi centrada na zona do Grove, e a normativa tamén se endureceu nos últimos tempos. "Agora temos unhas licenzas que hai que renovar cada dous anos, expedidas polo Concello, que nos permiten recoller certas cunchas e facer artesanía con elas, polo que estamos moi controladas", asegura. Deste xeito, teñen totalmente prohibido coller cunchas cheas e baleiralas. Ademais, a diferenza dos colares de cunchas que se poden ver noutros lugares do mundo, os da Illa da Toxa teñen algo moi especial: "O tipo de cuncha que empregamos nós é máis pequeniña, perfecto para facer gargantillas, e moi propio da nosa zona". Por outra banda, o turismo na illa xa non é o que era no pasado. "Sempre me dixeron que isto estaba moito máis cheo fai anos, aínda que agora a partir de mediados de xullo si que comeza a haber moito movemento e en agosto xa non podes nin aparcar o coche", sinala.
O relevo xeracional é outro gran reto. "Na época da miña avoa eran un cento de colareiras, pero cando eu comecei, no meu grupo só eramos cinco ou seis, pero o verán pasado xa só estabamos catro", conta Patri. En concreto, hai cinco grupos de colareiras diferenciados por zonas, organizados polo Concello do Grove. E, aínda que Patri di que tamén algunha xente nova noutros grupos --incluída a súa cuñada e o seu mozo--, as outras tres mulleres que estiveron con ela o ano pasado tiñan máis de 60 anos. "A min encantábame dicir que eu era a máis nova", chancea. Pero tamén é consciente de que á xente lle chama moito a atención "vernos a min e á miña avoa xuntas no posto, con tanta diferenza de idade". De cara ao futuro, Patri agarda que "aínda que moita xente combine este traballo con outras cousas, non se perda, porque é algo único que debemos preservar". Ademais, asegura que "é un traballo moi flexible, podes adaptarte: se algún día non fai bo tempo podes facer outras cousas".
PATRI CREOU A SÚA MARCA PERSOAL CON AGARIMO EN CADA VÍDEO, MÁIS ALÓ DOS COLARES DE CUNCHAS, E CUNHA MULLER MARABILLOSA AO SEU CARÓN
Pero o contido de Patri vai máis aló de subir vídeos coa súa avoa, pois por desgraza as tempadas que bota en Madrid non está con ela para poder gravar. Así, para manter a conta activa durante eses períodos, e como xornalista que é, optou por crear outro tipo de contido: datos curiosos, ensinar lugares, investigar a procedencia de expresións populares... "Non me podo centrar só no mundo das cunchas e da artesanía, porque esa é só unha pequena parte da miña vida que non podo desenvolver todo o tempo, pero tamén son xornalista, gústame a gastronomía, a cultura, a información...", sinala. Deste xeito, combinando todo o que forma parte do seu día a día, Patri conseguiu crear a súa marca persoal: con agarimo en cada paso, indo máis aló dos colares de cunchas e cunha muller marabillosa ao seu carón. Porque hai moitas formas de deixar pegada, e Patri escolleu esta: con humor, cun móbil, cunha avoa que se presta a todo e cun amor mutuo que, sen dúbida, xa é viral.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.