Colexio de Xornalistas considera "intolerable" o veto de Democracia Ourensana a unha profesional de EFE

Transmítelle á xornalista a súa solidariedade e reclama ao partido que desista “deste ataque á liberdade de prensa e á democracia”.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/04/2023 | Actualizada ás 19:11

Comparte esta noticia

A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia considera “intolerable” a actitude de Democracia Ourensana, que vén de comunicar á Axencia EFE que non será benvida nas súas convocatorias de prensa se continúan a enviar a cubrilas a Lorena R. de la Torre. O Colexio transmítelle á xornalista a súa solidariedade e reclama ao partido que desista “deste ataque á liberdade de prensa e á democracia”.

Imaxe recurso xornalista - Quiero ser líder
Imaxe recurso xornalista - Quiero ser líder

Censuran que cada vez é máis habitual os “vetos” a medios e xornalistas, o que consideran “un atentado contra a democracia”. “Os xornalistas non están para que as organizacións comuniquen da maneira que máis lles agrade, senón para garantir o dereito da cidadanía a informarse polo medio de comunicación que considere adecuado, guste ou non aos protagonistas da información”, reivindican.

Ante este caso, sinalan que a situación é “aínda máis grave” polo “sinalamento e acoso que se fai a unha profesional en concreto, cunha clara intención de pór en perigo a súa situación laboral”. Explican que non é a primeira vez que Democracia Ourensana  “ataca” a medios ou xornalistas, pero que a escalada que están levando a cabo é “completamente inaceptable”.

Por todo isto, o Colexio de Xornalistas manifesta a súa solidariedade con Lorena R. de la Torre e trasladarlle o ánimo de toda a profesión xornalística galega. Así mesmo, esixe a Democracia Ourense que cese dunha vez de atacar a liberdade de prensa e garanta o acceso de todos os medios de comunicación, e de todos os e as profesionais, a calquera convocatoria de prensa.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta