As renovables e o futuro do emprego en Galicia: convivencia e maior especialización laboral?

Os e as traballadoras especializadas son e serán persoal moi demandado polas empresas dedicadas ás enerxías renovables. Por iso, centros de FP ven aumentar a demanda na área dual onde moito alumnado sabe que hai máis posibilidades de encontrar traballo. De feito, as empresas do sector están presionando para que se forme a persoal especializado.

Por Galicia Confidencial | Santiago | 15/04/2023 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O investimento en renovables podería crear nunha década medio millón de postos de traballo directos e indirectos segundo os cálculos do Goberno central. O executivo aprobaba en febreiro deste ano un orzamento de 2.500 millóns de euros para a formación de persoal cualificado necesario para o sector. En total, as previsións apuntan a unhas 20.000 prazas en total, 4.000 delas para 2023. Por outra parte, a instalación de aeroxeradores levará a unha necesaria convivencia coas veciñanzas que estean ao pé destes muíños, algunhas delas en pé de guerra pola instalación destas infraestruturas. Por iso, as novas técnicas e a experiencia recollida durante as tres últimas décadas permiten ás empresas do sector unha mellor planificación sobre o futuro das renovables.

Eólicos mariños
Eólicos mariños | Fonte: Ecovive.

CONVIVENCIA E FUTURO

E nesta estratexia participan expertos do sector que apuntan que as enerxías renovables non son un fin en si mesmo para evitar o cambio climático, "son como muros de contención que nos permitirán diferentes xeitos de convivencia". O primeiro deles é convivir coas consecuencias do cambio climático. “Mentres non haxa unha fonte enerxética alternativa a única vía posible son as renovables”, di José Antonio Rodríguez Añón, coordinador do Máster en enerxías renovables, cambio climático e desenvolvemento sustentable (MERYCSE).

A presenza das máquinas que xeran enerxía renovable non está exenta de polémica como se vive na actualidade. Ligado a isto, Rodríguez Añón considera necesario un cambio de visión desde a parte empresarial de cara a unha mellor aceptación social. “A convivencia entre persoas e industria eólica é básica, igual que tamén é básica a convivencia co entorno ambiental”.

As novas fontes enerxéticas necesitan unha planificación cuxo obxectivo sexa fornecer de enerxía as casas ou lugares habitados circundantes aos parques eólicos, por exemplo. “Creo que se pode renunciar a parte dos dividendos porque poden ir ás comunidades de arredor”. O exemplo estaría na repotenciación dos parques. Aqueles muíños de menor potencia poderían permanecer como fonte de electricidade abaratando os gastos de consumo.

Tamén apunta que a eólica mariña tamén pode convivir con sectores como a pesca e o turismo. “Hoxe os aeroxeradores teñen sistemas de flotación que mesmo poden permitir a proliferación de especies peláxicas” sinala Añón, pois o sistema de plataformas foise abandonando durante os últimos tempos. Tamén están as “zonas intermedias”, áreas que non afectarían a espazos protexidos ou ao mar. Tres exemplos serían os dous portos exteriores, Ferrol e Coruña e a Zona Franca de Vigo, onde tamén é posible instalar aeroxeradores, o mesmo que noutras áreas portuarias.

FORMACIÓN E EMPREGO

Unha valoración realizada por ASIME calcula que en Galicia a área das renovables ten por diante o labor de achegar 8.000 postos de traballo, todos para dar cobertura ás necesidades e demandas do sector. Mais a día de hoxe, para a cobertura dese número de postos laborais, as empresas necesitarán persoal formado previamente, pois a aplicación de novas tecnoloxías para a construción de jackets (estruturas flotantes que soportan os muíños eólicos no mar) é fundamental se se busca o desenvolvemento industrial de calidade ligado a este sector.

Enrique Pazo, director do CEIFP 'Ferrolterra', asegura que cada ano os ciclos de FP dual relacionados coas renovables teñen unha maior demanda. “Temos convenios con empresas como Navantia ou Gamesa que buscan moito especialista en soldadura, xunto con deseño e fabricación mecánica e mecatrónica”.

Novos sistemas de produción enerxética precisan de novas especialidades profesionais para o seu desenvolvemento. Este punto fai que as empresas estean optando pola FP dual para a contratación de especialistas en cada familia profesional, sobre todo mecánica. “A diferenza entre a FP clásica e a FP dual é que agora son as empresas as que veñen ás 'canteiras' de formación” apunta o director do 'Ferrolterra'. “A formación clásica ofrece 3 meses nunha empresa, tempo que non permite o coñecemento mutuo empresa-alumno”.

A FP dual que busca o sector das renovables ofrece dous anos de formación divididos en seis meses nas aulas e seis meses na empresa. “Isto demostra que o empresario inviste nos seus futuros cadros laborais, porque necesita ese traballador especializado”. Até que número de futuros traballadores sería capaz de formar só o 'Ferrolterra' para cubrir as necesidades da industria?.

"TEREMOS MÁIS ALUMNADO"

Pazo bota cálculos sobre un lustro. “O ano que vén teremos máis de 200 alumnos e alumnas, se isto segue así por cinco anos haberá mil persoas capacitadas para as diferentes ramas especializadas”. Se as previsións seguen as espectativas, é posible que dentro dunha década ou algo máis haxa unha revitalización industrial da comarca. “Por exemplo, Navantia-Winter necesitará 400 persoas traballando e oxalá poidamos formalas nós” destaca Pazo.

O sector empresarial de Ferrolterra cre que durante ese espazo dunha década  ou década e media, será posible ver medrar a demanda de emprego e, por tanto, a constante de picos de emprego e desemprego podería parar durante ese periodo.

Outro dato interesante que apunta Enrique Pazo é que “estamos interesados en atraer mulleres para a formación dirixida a renovables, porque actualmente só temos o 8% de alumnas e hoxe en día os empresarios están apostando pola man de obra feminina”. Isto é un síntoma da falta de persoal cualificado, a necesidade de ter cadros suficientes para dar resposta á demanda do mercado.

Son varios os factores que se unen para facer das renovable unha das principais industrias en Galicia, entre eles, os informes das grandes empresas que apuntan ao desenvolvemento tanto de postos de traballo como de calidade de vida e, sobre todo, a unha redución dos gases contaminantes. "Todo en consonancia coas políticas impulsadas pola UE para rebaixar as emisións de CO2 e outros elementos dentro do espazo da Unión", apuntan.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta