Un visor de parcelas e charlas en institutos... estratexias da Xunta para rematar cos incendios

Entre as novas medidas tamén está aumentar a superficie de queimas controladas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/04/2023 | Actualizada ás 14:23

Comparte esta noticia

A Consellería do Medio Rural creará un visor en liña para poder consultar as parcelas que deben ser rozadas e estar limpas de maleza pola súa proximidade a vivendas, cuxo correcto estado será vixiado polas brigadas anti incendios.

Trátase da principal novidade do plan de prevención de incendios forestais que recibiu luz verde este xoves no Consello da Xunta e que inclúe un incremento do orzamento do 17% respecto ao anterior exercicio ata case alcanzar os 39 millóns de euros.

Segundo as cifras expostas en rolda de prensa polo vicepresidente primeiro e responsable da área económica, Francisco Conde; este plan que estará en vigor ata marzo do próximo ano contempla actuar sobre 60.000 hectáreas, 5.600 quilómetros de pistas forestais e uns 4.8000 puntos de auga.

Outra das novidades é que se triplica a superficie na que se realizarán queimas controladas como medida de prevención incluída nesta estratexia do Goberno galego, que organizará charlas en centros educativos e actividades formativas en parroquias para fomentar a concienciación sobre a problemática dos incendios forestais.

Dous homes e un garda forestal observan o monte queimado por un incendio forestal en Baleira
Dous homes e un garda forestal observan o monte queimado por un incendio forestal en Baleira | Fonte: Carlos Castro - Europa Press

"O obxectivo é que o número de incendios sexa o menor posible e que causen o menor dano", apuntou Francisco Conde, que presidiu o Consello desta semana en substitución do titular da Xunta, Alfonso Rueda, que se atopa de viaxe institucional en países de latinoamérica.

Ademais das accións preventivas, o plan da Xunta tamén ten unha vertente de concienciación, a través da cal se impartirán máis de 300 charlas en centros educativos --16 por cada distrito forestal-- e outras 40 actividades formativas en parroquias con alta actividade incendiaria.

Todo iso estará acompañado, como subliñou o vicepresidente galego, da tramitación do anteproxecto da lei contra os incendios forestais e a posta en marcha do centro integral para a loita contra o lume que se porá en marcha no municipio ourensán de Toén.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta