O Goberno destinará 25 millóns de euros a actuacións para rehabilitar espazos naturais do concello de Pontevedra

O PSOE de Pontevedra celebra un dos "maiores investimentos públicos" da historia pontevedresa.

Por Galicia Confidencial | PONTEVEDRA | 14/04/2023 | Actualizada ás 18:26

Comparte esta noticia

O portavoz municipal do PSOE de Pontevedra, Iván Puentes, anunciou no Parlamento Europeo un dos "maiores investimentos públicos" da historia pontevedresa. "O Goberno de España destinará 25 millóns de euros aos proxectos deseñados por Desenvolvemento Sostible para renaturalizar toda a ribeira do Lérez, restaurar a Xunqueira de Alba e recuperar a antiga parcela do campo de fútbol de Ponte Sampaio", explicou Puentes.

O europarlamentario Nicolás González Casares e o portavoz municipal do PSOE de Pontevedra, Iván Puentes.
O europarlamentario Nicolás González Casares e o portavoz municipal do PSOE de Pontevedra, Iván Puentes.

O investimento prevé a renaturalización completa da ribeira e o paseo do río Lérez, por ambas as marxes, entre a Ponte dos Tirantes e a autoestrada AP-9, substituíndo a configuración actual de canle, con muros verticais que encaixan o río, por unha ribeira verde, con zonas de estar e pendente suave que permitan chegar ata auga ao longo das rúas Rafael Areses, Xoán Manuel Pintos e Paseo de Domingo Fontán. 

Ademais, tamén se levará a cabo a restauración, mellora ecolóxica e paisaxística de toda a Xunqueira de Alba, incluíndo os terreos do Parque de Maquinaria e a Imprenta Provincial, que está a liberar a Deputación de Pontevedra, a parcela que ocupa actualmente Costas no Paseo de Domingo Fontán, tódolos terreos libres entre a rúa Martín Códax e a canle de desembocadura da Xunqueira e, por suposto, toda a zona de humidal.

Outra das actuacións que se levará a cabo con estes fondos será a mellora ecolóxica e paisaxística da parcela situada diante do Pavillón dos Deportes, facendo compatible isto co seu uso actual como aparcadoiro disuasorio, pero mellorando radicalmente a súa estética e a súa ordenación. Un ámbito no que tamén se actuará en tódolos terreos que Costas ten na contorna do Pavillón.

Por último, levarase a cabo a recuperación da antiga parcela do campo de fútbol de Ponte Sampaio, case triplicando a actual superficie de praia e de zona verde que posúe agora, ampliando tamén, e ordenando, a zona destinada a aparcamento e gañando nova infraestrutura para deportes acuáticos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta