As exportacións galegas baixan case un 10% lastradas polo sector dos coches e tractores

A pesar diso sobe a confianza empresarial un 3,1% no segundo trimestre deste ano.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/04/2023 | Actualizada ás 08:55

Comparte esta noticia

As exportacións de produtos galegos situáronse no mes de febreiro nos 2.171 millóns de euros, o que supón un 9,9% menos que no mesmo mes de 2022, mentres que as importacións baixaron un 20,6%, ata 1.654 millóns de euros. Segundo datos do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, recollidos por Europa Press, o saldo comercial de Galicia foi positivo o segundo mes do ano, con 517 millóns de euros.

No que vai de exercicio (xaneiro e febreiro), Galicia exportou produtos por valor de 4.299 millóns de euros, un 3,6% menos, mentres que importou 3.487 millóns, un 15,4% menos. Así, o saldo mantense positivo nos 811 millóns de euros.

Nun informe, o Instituto Galego de Estatística (IGE) explica que os produtos con maior influencia negativa nas exportacións de febreiro foron os vehículos automóbiles, tractores, que cun peso do 24,9% sobre o total de exportacións galegas, baixaron un 30,5% respecto de hai un ano. En cando ás importacións, os produtos que máis influíron tamén foron os automóbiles, que representan un 10,1% do total, rexistrando unha caída do 62,3%.

Colector para exportacións
Colector para exportacións | Fonte: Europa Press.

CONFIANZA EMPRESARIAL

Por outra banda, o Indicador de Confianza Empresarial Harmonizado (ICEA), cuxa publicación corresponde ao Instituto Nacional de Estatística (INE), subiu un 3,1% no segundo trimestre deste ano en Galicia, cadro décimas máis que a media nacional.

Así, un 17,1% das opinións respecto ao trimestre que comezou en abril son optimistas, mentres que un 67,4% son "normais" e un 15,5%, pesimistas. Ademais, en Galicia, un 16,3% das opinións son favorables respecto ao trimestre finalizado, un 62,5%, normais e un 21,2%, pesimistas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta