Por Galicia Confidencial | Vigo | 19/02/2015 | Actualizada ás 22:18
A Asemblea de Movementos Sociais de Vigo denunciou que varios opositores á colocación do Bernardo Alfageme nunha rotonda de Coia precisaron de atención médica pola acción da Policía de desaloxalos da rúa pola que discorría o transporte do barco.
Nun comunicado, este colectivo expresa a súa solidariedade “cos feridos pola represión policial" e cualifica de "vergoñoso e desproporcionado" o despregamento de forzas da orde pública na pasada madrugada. “A actitude dos axentes foi máis ameazante que disuasoria a pesar do carácter pacífico das protestas dos veciños”, suliñan.
A Asemblea de Movementos Sociais de Vigo chama á reflexión sobre "o talante democrático" dun alcalde, Abel Caballero (PSOE), "que esixe para o que chamou no seu día un reducido grupo semellante despregamento de corpos antidisturbios".
Pola súa banda, o rexedor insistiu en que foron os manifestantes os que “agrediron á policía” porque era “xente moi violenta”. Ademais, suliñou que cidade está "unanimemente encantada" coa colocación do Bernardo Alfageme “agás uns cincuenta ou sesenta que son "xente do mundo da política, non forman parte da sociedade civil, que sempre din non a todo".
“O barco é fermoso e quedou precioso na súa nova localización, que é a mellor posible, "no corazón da cidade, tendo en conta que non pode estar no mar”, díxolle aos medios nun acto en Vigo. “Agora dá gusto ver a rotonda”, dixo ao tempo que suliñou que está a recibir felicitacións "por centos e centos".
Pola súa banda, o presidente do estaleiro Cardama, Mario Cardama, que se encargou da última reparación do Bernardo Alfageme antes da súa colocación na rotonda, opina que, "posiblemente, o barco estaría mellor no Museo do Mar", a pesar do cal cre que o resultado final "non acabará mal".
"Políticas aparte, posiblemente o barco estaría mellor no Museo do Mar. Penso que é o que pensamos todos, -que fose- reparado para que fose visitable por dentro. Pero os políticos son os que se teñen que pór de acordo e non o fixeron", reflexionou antes dunhas xornadas sobre reindustrialización.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.