Por Galicia Confidencial | Compostela | 11/06/2025 | Actualizada ás 11:29
A dimisión do ex conselleiro Alfonso Villares tras unha denuncia por agresión sexual centrou o debate político entre o presidente galego e os líderes da oposición na Cámara galega. E, como xa fixo noutras ocasións, unha e outra vez, Alfonso Rueda, volveu defender a presunción de inocencia do seu ex compañeiro e amigo. "Creo na xustiza e protexemos ás vítimas --de violencia de xénero--, pero cremos na presunción de inocencia", dixo.
Foi tras unha tensa sesión na que a nacionalista Ana Pontón e o socialista José Ramón Besteiro volveron recriminarlle ao presidente galego a súa ferrea defensa dun ex conselleiro denunciado por violencia sexual e lle botaron en cara que non tivera "nin unha soa palabra de apoio e respecto" cara a vítima e, en xeral, ás vítimas de violencia machista.
Rueda inisitiu, unha e outra vez, na inocencia do seu ex conselleiro, ata que un xuíz dictamine o contrario. "A xustiza, afortunadamente, a fan os xuíces e fiscais e non vostede", espetoulle a unha Pontón que lle lembrou que a xustiza xa a dictou el no acto de toma de posesión da nova conselleira cando dixo que "xa o quería recuperar para a vida política".
"Pode defender ao seu amigo e a súa presunción de inocencia, pero vostede non é calquera, é presidente da Xunta, e cada día que pasa demostra ser un problema para Galicia por non condenar o acontecido", díxolle Besteiro. Tanto el, coma Pontón, criticaron duramente que Rueda ocultara esta agresión sexual, da que xa sabía a comezos de ano, e que, tras coñecerse a denuncia no TSXG, "se lle fixera unha homenaxe institucional", a Alfonso Villares na súa despedida.
QUEN É VÍTIMA E QUEN É AGRESOR
"Non se pode nunca poñer o foco na vítima, senón no agresor", lembrou Besteiro a quen o presidente galego atacou lembrandólle que "non dimitiu" cando foi imputado pola xuíza Pilar de Lara en 2015 de varios cargos dos que, con posterioridade, foi exculpado. "Non tiña cargo institucional algún naquel momento", respondeulle o líder socialista. "Ousexa que a mensaxe que dá é que se pode seguir sendo o máximo líder do terceiro partido de Galicia aínda sendo imputado", contestoulle Rueda.
O líder dos populares galegos tamén atacou ao BNG por pedirlle responsabilidades a el por este caso pero non facer o mesmo cos casos que salpican ao PSOE en Madrid. "Vai vostede a falar do que é xustiza", espetoulle.
Foi tras escoitar a unha Pontón que lle recriminou poñerse do lado dun "presunto delincuente", e non da víctima. "Coa súa actitude o que están a conseguir é revictimizar a quen denunciou", advertiu para asegurar que "non só é unha indignidade política, senón tamén unha grave irresponsabilidade institucional"."E iso chámase violencia institucional", engadiu. "É vergoñento", engadía.
Tanto Pontón como Besteiro insistiron en calificar a actitude de Rueda de "indigna dun presidente", mentres que este volveu defenderse lembrando que segue contando co "masivo" apoio que os galegos lle deron nas urnas.
ESTREA DA NOVA CONSELLEIRA
No pleno deste mércores tamén tivo lugar a estrea da nova conselleira do Mar, Marta Villaverde, cunha intervención na que non fixo mención ao seu antecesor, Alfonso Villares, nin á polémica polos abrazos que lle deron tanto o presidente galego como ela mesma, no acto de toma de posesión do cargo. Por ambas as cuestións foi preguntada Villaverde no pleno pola deputada do BNG Carmela González, aproveitando unha cuestión sobre os recheos do porto deportivo de Baiona.
Na súa resposta, a nova conselleira cinguiuse a este asunto e, aínda que a nacionalista díxolle que está "a tempo" de paralizar o recheo, Villaverde dixo que a actuación é "legal, ordenada e debidamente autorizada". Na súa quenda, a portavoz do Bloque cargou contra "a posta en escena" da que, segundo censurou, tamén Villaverde "foi partícipe". Así, considerou que "ten a súa propia foto da vergoña abrazando e bicando ao presunto agresor para mostrarlle en público a súa solidariedade e recoñecemento, sen dicir nin unha soa palabra de apoio á vítima".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.