Por Galicia Confidencial | Lalín | 22/02/2015 | Actualizada ás 09:00
Aínda quedan tres meses para as municipais e nalgúns concellos xa hai moito nerviosismo polo resultado electoral. Un deles é o de Lalín, onde a chegada de Rafael Cuíña, fillo do ex número dous do PP e tamén alcalde dese concello polo PPdeG, Xosé Cuíña, pode provocar cambios significativos no panorama municipal.
Así, unha enquisa realizada pola empresa Estratexia de Comunicación para Organizacións 360, S.L. publicada polo Faro de Vigo, sitúa ao candidato de Compromiso por Galicia con entre 5 e 6 escanos, aínda que non sería quen de roubarlle a maioría absoluta ao actual rexedor, Xosé Crespo, que se mantería gobernando con entre 11 e 12 concelleiros.
Segundo estes datos, o PSdeG-PSOE baixaría ata colocarse con 2-3, ao igual que o BNG, que mantería cun exiguo 5,9% a súa representación. A enquisa apunta tamén que, de presentarse Podemos, AGE ou unha alianza destas forzas, a través dalgunha outra plataforma, tería representación que podería ser a costa do Bloque, que podería quedar sen ela.
Fronte a esta enquisa, o PP xa se apresurou a mover outra de fontes propias na que apunta que Crespo manterá a maioría absoluta de forma folgada, cun 50% dos votos. Deste xeito, revalidaría a súa maioría, con entre 13 e 14 escanos.
Este estudo popular, aínda que dan entrada no consistorio a Rafael Cuiña, suliña que será “con pouco máis do 5%” e un escano no pleno municipal. Deste xeito, o PSdeG manteríase como segunda forza con tres escanos, mentres que AGE-Podemos, de presentarse conxuntamente, obterían entre un e dous concelleiros, os mesmos que o BNG.
Por outra banda, circula xa pola rede a dura resposta que o actual rexedor Xosé Crespo lle deu a un veciño a través do Facebook en resposta a unha crítica que o segundo deixara nun perfil desta rede social: “aínda van reventar das cheas, ainda que pouca era a perda, xa que eles se enchan como porcos, e que familias, non teñan nin comer un cacho de pan..”.
A resposta de Crespo non se fixo agardar: “Que tal, Fernando, acabo de ver este comentario no muro de Nico. Mira chaval eu non son ningún porco, levo dende os 24 anos traballando de sol a sol, e ninguén me dou nada, conseguino a por a traballar, non sei se ti che pasou igual, pero vexo que tés moito tempo libre, para poñer a caldo aos demáis... pregunteille a Antonio Rodríguez por ti, porque estás na súa zona e confirmoume que estuveches traballando en Liñares, pois que sepas que para que ti puderas traballar alí, durante un tempo eu tuven que moverme moito para conseguir a obra, polo que algún mérito terei... Agora xa sei porque tiñas tanto interés en estar de amigo no Facebook, para ver o que digo e logo meter cizaña por detrás. Ala a ti, arrieiros somos, e no camiño nos toparemos”.
A respota do aludido, Fernándo Álvarez, tampouco se fixo agardar: “Ousexa, que dicir o que se pensa, eso e meter cizaña, pois na, anuleme vostede dos amigos, porque se pensa que con actos de intentar amedrentarme, me vai facer calar, aviado vai, digo o que penso, e se eso molesta sinto, no dixen co animo de chamarlle nada a ninguén, pero é unha forma de decir as cousas”. E noutro comentario engade “do de traballar no pazo de Liñares si, é certo, estiven alí, pero tamen lle vou decir algo, a min ninguén me regalou nada, traballei alí como o que máis”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.