Sumar esixe ao PSOE un plan de rexeneración tras o caso Cerdán

Yolanda Díaz aposta por medidas anticorrupción prioritarias para recompor a confianza e reactivar o electorado progresista.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 21/06/2025 | Actualizada ás 16:44

Comparte esta noticia

Sumar e os seus partidos aliados comezaron a traballar nunha batería de medidas para reclamar ao PSOE un plan de rexeneración institucional, logo da crise xerada pola presunta trama de corrupción que implica o exsecretario xeral socialista Santos Cerdán. Entre as propostas destacan o endurecemento de penas por corrupción, a limitación dos aforamentos e a creación dunha oficina estatal de prevención. A vicepresidenta Yolanda Díaz avanzou que esta iniciativa será prioritaria no próximo Pleno do Congreso.

Imaxe da vicepresidenta segunda, Yolanda Díaz, o portavoz de Sumar e titular de Cultura, Ernest Urtasun, e a secretaria de Organización de Sumar, Lara Hernández, durante a reunión do Grupo Coordinador de Sumar no Círculo de Bellas Artes
Imaxe da vicepresidenta segunda, Yolanda Díaz, o portavoz de Sumar e titular de Cultura, Ernest Urtasun, e a secretaria de Organización de Sumar, Lara Hernández, durante a reunión do Grupo Coordinador de Sumar no Círculo de Bellas Artes | Fonte: Sumar

As formacións que acompañan a Sumar insisten en que estas reformas son claves para recompoñer a confianza entre socios de goberno e reactivar a base electoral progresista, afectada polo escándalo. Xunto a iso, reclaman unha reforma da Lei de Contratos Públicos para impedir que empresas condenadas por corrupción poidan participar en concursos ou recibir subvencións. Tamén se propón limitar os aforamentos a cuestións de liberdade de expresión e vetar os indultos a condenados por prácticas corruptas.

Algunhas forzas da coalición, como Esquerda Unida, apostan por medidas máis contundentes, como penas máis altas, expropiación de bens adquiridos por tramas corruptas, eliminación da inviolabilidade do monarca ou a supresión de privilexios económicos aos cargos públicos. Pola súa parte, Comúns e Máis Madrid centran as súas propostas nos "corruptores", defendendo sancións firmes a empresas implicadas e a eliminación de beneficios xudiciais nos procesos.

Iniciativa, integrante de Compromís, avoga por cambios estruturais máis profundos: un Ministerio de Transparencia independente do PSOE, reformas constitucionais para recoñecer a transparencia como dereito fundamental e a creación de comisións de investigación sen maioría socialista. Tamén solicitan renovar a Lei de Transparencia, crear unidades especializadas nos ministerios e revisar a normativa de partidos para adaptarse aos novos desafíos democráticos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta