Por Claudia Varela Lourido | OURENSE | 27/08/2025 | Actualizada ás 22:00
Alberte Blanco (Vilaboa, 1951) é político, escritor e enxeñeiro técnico industrial. Entre os anos 2005 e 2009 foi Director Xeral de Montes da Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia. É autor de varias obras colectivas en relación coa xestión e ordenación do territorio forestal galego, como 'Os incendios forestais en Galicia' (2006) e 'O monte galego. Caos ou aproveitamento multifuncional?' (2017). No Galicia Confidencial conversamos con el sobre a vaga de lumes que se está producindo actualmente e a perspectiva con respecto doutros anteriores.
Que diferenzas salientables observas entre a vaga de incendios do 2006 e os lumes actuais?
Os lumes do 2006 aconteceron en todo o país, fundamentalmente na zona atlántica, cun vento do nordés persistente desde o principio da vaga ata que rematou, durante 12 longos días. Por suposto, a temperatura alta tamén é un elemento negativo, pero é moito máis nefasto que haxa moito vento no momento dos lumes. A principal diferenza está en que era unha superficie moito máis ampla, de modo que collía toda a faixa atlántica, desde A Coruña ata Pontevedra, pero tamén había incendios simultaneamente en Ourense e en Lugo.
Que obstáculos atopáchedes nese momento desde a Dirección Xeral de Montes para implementar unha política forestal preventiva a longo prazo?
Hai que ter en conta que esta vaga de lumes colleunos practicamente sen levar un ano dentro do goberno, e, polo tanto, aínda estabamos estudando a situación do operativo, que é moi amplo e abarca todo o país, con numerosos recursos humanos e materiais. Polo tanto, tivemos que facer un balance de tódolos medios e ver cales eran as reformas necesarias. Aquela vaga de lumes colleunos co pé cambiado porque realmente aínda non lograramos realizar o cambio e a transformación do dispositivo. Un aspecto positivo da vaga de lumes, se é que se pode falar neses termos, é que permitiu axilizar a reforma e a profesionalización do dispositivo para crear unha política forestal de prevención que reformase totalmente a estrutura do monte.
Como foi o proceso de implementación desa lei?
Foi enormemente complexo, porque o Partido Popular daquela non estaba dacordo con eses cambios e votou en contra de toda a lexislación que fixeramos. Nós redactamos e aprobamos por primeira vez unha lei pioneira de defensa contra os incendios forestais, que aquí aínda non existía, a pesar de ser a comunidade autónoma do estado español que máis incendios rexistraba. O que nós entendemos é que había que dotarse dun aparello lexislativo que permitise enfocar a medio e longo prazo a política forestal e que contemplara un cambio estrutural estratéxico. De aí saíron as Unidades de Xestión Forestal, para loitar contra o minifundio do monte, realizando proxectos de desenvolvemento forestal de tipo multifuncional. Polo tanto, era unha diversificación da filosofía do monocultivo, baseada fundamentalmente nas plantacións monoespecíficas de piñeiros e eucalipto na costa, pero que tamén afectaba a outras zonas do interior.
Que aspectos se contemplaban na Lei de Defensa do Monte?
A extinción era un dos elementos a ter en conta, pero non era indispensable. O fundamental era a prevención e a estrutura forestal, a explotación do monte. Esa política non consistía en "deixar as cousas como están e dedicarnos a apagar o lume", porque daquela demostrouse que iso non funcionaba, e tampouco funcionou despois. Esta lei foi cambiada polo Partido Popular, eliminando as Unidades de Xestión Forestal, inutilizando a política preventiva e anulando numerosos capítulos da lei, como era a ordenación preventiva do territorio e a xestión das masas forestais mediante a técnica do mosaico --é dicir, alternando masas monoespecíficas con devasas, pasteiros ou madeiras nobles e caducifolias--, de xeito que non houbese quilómetros e quilómetros de masas monoespecíficas, senón que houbese intervalos e rupturas para que, en caso dun incendio, existise máis capacidade de defensa contra o lume. Polo tanto, toda esta política foi baleirada e cambiada totalmente, porque a lei, aínda que non se derogou, sufriu unha gran cantidade de cambios, de tal maneira que unha parte fundamental, o aspecto preventivo, foi inutilizado. Se esa lei se cumplise nos termos que se plantexaron, os resultados serían outros moi diferentes.
Xa apuntaches algúns trazos, mais cal consideras que podería ser un bo camiño para orientar as políticas forestais?
Nós, ao igual que Portugal, temos un medio rural con núcleos dispersos. O noso país ten o 50% de tódolos núcleos habitados do estado pero só temos o 6% do territorio. Isto significa que hai unha dispersión poboacional no territorio que crea un problema de seguridade pública, fronte a outras latitudes nas que o monte está afastado do núcleo rural ou urbano. Entón, nestes casos, os problemas son, sobre todo, de carácter ambiental, pero non de carácter de seguridade pública, como ocorre no noso país. Nesta última vaga de lumes, apareceu un fenómeno de destrución de vivendas que non se producira antes. Ante isto, é fundamental unha nova estrutura e desenvolvemento rural, porque hai unha gran cantidade de terras agrícolas abandoadas que se convertena en xesteiras, creando un volume de combustible altamente inflamable. Todo isto fai que os lumes que se producen no monte pasen inmediatamente ao núcleo rural a través desta interface, denominada urbano-forestal. Neste momento, tamén entra en crise o propio dispositivo contra incendios, porque está deseñado para atender incendios forestais. No momento no que están ameazados os núcleos e entra o nivel 2, significa que o dispositivo ten que centrarse exclusivamente nas poboacións e nas propiedades das persoas, polo tanto, atacar este tipo de incendios complica o funcionamento do dispositivo. Ante isto, cómpre combater as terras abandonadas a través do Banco de Terras, ben facendo que os propietarios se encarguen de telas cultivadas, ou ben xestionándoas directamente a través do Banco. Esa era a súa función, e pese a que segue vixente, está practicamente inactivo. Mentres non se activen esas políticas, o problema dos incendios forestais seguirá existindo. A Xunta de Galicia e a Consellería de Medio Rural deberían ter traballado no inverno, creando devasas e desbrozando, non agora, cando xa estamos en época de alto risco e unha mínima chispa pode provocar un incendio.
No ano 2019 levouse a cabo unha comisión específica para tratar este tema, o Grupo de Expertos de Apoio á Comisión do Parlamento de Galicia sobre Incendios Forestais. Que se especificou neste grupo?
Nesta comisión de expertos, o GEPIF, na que eu participei, sacamos adiante unha serie de documentos que trasladamos ao Parlamento e especificamente ao Conselleiro de Medio Rural. Unha das cuestións que estaba entre as múltiples recomendacións que fixemos é que a provincia de Ourense, tanto polas súas características climáticas como polo número de incendios recorrentes, debería ter entre o 41% e o 43% dos recursos das brigadas e do dispositivo técnico e humano. Esta proposta non se tivo en conta e actualmente, os recursos propios do dispositivo contra incendios rondan o 28% na provincia de Ourense. O servizo hai que dividilo e dimensionalo en función dos riscos e ameazas. Houbo bastante consenso entre os expertos e traballamos moi de preto coa propia consellería, pero non se lle fixo caso ás recomendacións.
Como orientaron as críticas desde o Partido Popular naquel momento? Que cambios notas en comparación coa situación actual?
Houbo unha deslealdade total por parte do Partido Popular. Boicotearon os convenios municipais desde A Coruña ata Pontevedra. Isto denunciouse nese momento. Houbo un boicot total da preparación da campaña e cando aconteceron os incendios, levaron a cabo unha campaña de descrédito contra un goberno que acababa de chegar e o único que estaba facendo é xestionar o dispositivo que había. Desde que nós cambiamos o dispositivo, tanto os lumes como a superficie queimada baixaron entre un 70% e un 90%. Polo tanto, a práctica demostrou que esa política forestal diferente tiña resultados. Naquela época, foi un ataque brutal pola súa parte, que contrasta coa oposición bastante responsable que temos agora, dicindo que hai cousas que non funcionan e que hai que cambiar. É curioso, porque están facendo oposición de si mesmos, xa que critican as responsabilidades do estado, cando resulta que eles son os únicos responsables especificamente da planificación e execución da defensa contra os incendios. Dentro do Estado, o único que fan é recibir as peticións de medios extraordinarios e facilitar as que poidan. Chámame moito a atención como non existe ningunha autocrítica do que está pasando. A Xunta de Galicia e a Consellería de Medio Rural son os únicos responsables directos do que está ocurrindo. A posición que tiñan no 2006 e a que teñen agora son totalmente copernicanas. Se non asumen as súas responsabilidades e non teñen propósito de enmenda, isto volverá ocurrir.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.