Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/04/2023 | Actualizada ás 17:59
A Comisión Pro-memorial das Vítimas do Franquismo en Ferrolterra, Eume e Ortegal ten programado para este venres, a partir das 19,00 horas, un acto de homenaxe aos falecidos durante a ditadura co obxectivo de "recuperar a súa memoria e render tributo á verdade, á xustiza e á reparación", segundo asegurou un dos seus portavoces, Ton Blanco, nunha rolda de prensa ofrecida na mañá deste luns desde o Concello de Ferrol.
"Unha débeda que como sociedade temos con aqueles que, por defender a liberdade, a ditadura de Franco arrebatoulles a vida", segundo detallou Blanco, que incidiu en que "o acto conta cun amplo e ambicioso programa no que se intercalarán oradores, con pezas musicais e documentais". Así, darase cita no mesmo o alcalde de Ferrol, Ángel Mato, ademais de historiadores e testemuños de familiares das vítimas e "unha montaxe fotográfica das vítimas do documentalista Carlos Quirós".
Tamén haberá unha interpretación dunha peza musical a catro mans das pianistas Alexandra Pita e Lida Espido, así como unha canción por María Manuela e Manolo Bacallau e a interpretación do himno galego polo dúo de gaita e acordeón Bernardo Irati, actuando todos eles "de forma solidaria e desinteresada".
CADERNO
En paralelo, Ton Blanco deu conta de que "para dar maior difusión ás vítimas", editarase un caderno de 32 páxinas que consta de tres partes. Unha primeira que fai referencia ao nacemento da Comisión e tamén aos antecedentes, unha segunda elaborada polos historiadores deste organismo e unha terceira que alista os máis de 900 vítimas mortais que o franquismo deixou nas comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal, realizada por José Manuel Suárez e Bernardo Millo.
Editouse 1.000 exemplares que se distribuirán entre os asistentes ao acto e tamén entre as asociacións de Ferrolterra.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.